No seu movemento anual de translación arredor do Sol, a Terra debuxa unha traxectoria con forma de elipse. A distancia do noso planeta á estrela que nos dá a vida non é sempre a mesma; varía entre un punto no que estamos máis perto, o perihelio, no mes de xaneiro, cando nos situamos a 147 millóns de quilómetros do Sol, e un punto de máximo afastamento, o afelio, no mes de xullo, no que nos separan 152 millóns de quilómetros. En Galiza estamos máis lonxe do Sol en verán ca no inverno. En Bos Aires sucede o contrario, claro, e iso xa desmente unha idea común mais equivocada: a existencia das estacións nada ten que ver coa nosa distancia ao Sol.
A Terra dá voltas sobre si mesma e iso orixina outra unidade natural de tempo, o día. O eixo de xiro non é perpendicular ao plano de translación, senón que está inclinado 23,4º, como ben representan os “globos terrestres” que adornan aínda moitas casas. Xa que logo, ao longo da órbita non todas as zonas iluminadas do planeta reciben da mesma forma a radiación do Sol: a maior parte do tempo, un hemisferio está “inclinado” cara ao Sol e o outro no sentido oposto. Nesas condicións, nun hemisferio os días son máis longos ca as noites e no outro o contrario. Nun hemisferio o Sol alcanza as maiores alturas do ano sobre o horizonte e no outro, as máis baixas. No hemisferio que apunta ao Sol os raios solares caen máis verticais e a enerxía recibida por unidade de superficie é máis alta, mentres que no outro hemisferio os raios chegan máis deitados e a súa enerxía esparéxese sobre unha área maior. Nun caso estamos no verán ou camiño del e no outro, no inverno.
Hai dous momentos nos que os dous hemisferios experimentan o Sol por igual: os equinoccios, a fronteira que sinala cando empezamos a achegarnos ao verán ou ao inverno. Arredor dos equinoccios iguálase o tempo que pasa o Sol por riba e por debaixo do horizonte e polo tanto equilíbranse días e noites. O 22, terza feira, ás 15:31 hora local, o Sol pasa polo equinoccio de setembro e comeza o outono no hemisferio norte (e a primavera no hemisferio sur). Dentro de dez días os galegos e as galegas gozaremos de 3 horas menos de Sol ca no San Xoán, mais tamén de 3 horas máis das que teremos no Nadal. Para as persoas que amamos a astronomía, iso significa tamén tres horas máis de noite das que dispuñamos en xuño.
O mapa amosa o ceo da Coruña -mais vale para todo o país- na medianoite do sábado 26 ao domingo 27. O firmamento “móvese en bloque”, de tal xeito que a posición relativa das estrelas non cambia, mais varía a hora á cal as vemos. A visión que temos nun momento dado será idéntica, se omitimos os planetas e a Lúa, á que haberá unha semana despois só que media hora antes. A imaxe adxunta valería, pois, para o ceo do domingo 20 ás 00:30 ou o domingo 13 á 1:00, mais tamén para o 3 de outubro ás 23:30. Pouco a pouco irán aparecendo estrelas polo leste e desaparecendo outras polo oeste, e así a paisaxe do ceo ao final da madrugada será radicalmente diferente. Nesta sección imos tomar como referencia as primeiras horas da noite, de maneira que para descubrirmos outras rexións celestes deberemos agardar o paso dos meses.
Agora pola medianoite aínda destacan no ceo as tres estrelas do “triángulo de verán”, Deneb (case no cénit, no Cisne), Vega (a máis brillante, na Lira) e Altair (na Aguia). Sobre o horizonte oeste ocúltase o Serpentario, fogar da estrela Rosalíadecastro. No suroeste, na constelación do Seteiro, loce moito Xúpiter e non lonxe del Saturno, con moita menor magnitude. Brillo parecido ao de Xúpiter mais con ton vermello teno Marte, nos Peixes, que acadará o mes que vén o momento óptimo de observación. Moi alto no ceo se sitúa o gran cadrado de Pegaso; un dos seus vértices é a estrela Alpheratz, que conecta coa constelación de Andrómeda, sobre a cal é doado localizar con prismáticos a galaxia homónima, mellor en ceos escuros. Polo nordeste empezan a asomar as constelacións protagonistas do inverno, co Auriga e o Touro como avanzada celeste.
* * * * *
Publicado orixinalmente na sección “O ceo do mes” do caderno “Aprender” do Nós Diario, número 11, sábado 12 de setembro de 2020. Texto: Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío). Mapa: Marta Cortacans.