Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Marzo 2020 #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Conferencia sobre Ceos Escuros e Tranquilos para a Ciencia e a Sociedade
2) Achégase o final do envío de propostas para a conferencia CAP
3) Kit de telescopio Kaifu-NAOJ: un legado das celebracións IAU100
4) Cruceiro galáctico: abre un proxecto en liña de ciencia cidadá
5) Participa nas campañas Globe at Night no “Día Pi”
6) 1º simposio e competición sobre astronomía e ciencia espacial en Serra Leoa
7) Experimento Eratóstenes
8) Día do Asteroide 2020
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Como sabedes, o coronavirus COVID-19 estivo espallándose por Xapón e outras partes do mundo. Os membros do noso equipo OAO por sorte mantéñense con boa saúde, mais queremos dedicar un momento para recordarlle a todas as persoas que deben lavar as mans con xabrón durante 20 segundos e cubrir a boca coa parte interior do cóbado ao tusir. Protexer a todas as persoas xoga un papel decisivo para limitar a propagación do virus. Consulta o sitio web da Organización Mundial da Saúde na procura dunha guía de actuación para protexerte mentres o virus segue propagándose.

Respecto do noso boletín, vén de ser lanzado o proxecto de ciencia cidadá Cruceiro Galáctico, que dá a benvida a participantes. Ademais, unha actividade especial “Globe at Night” acontece este mes e animámosvos a participar. Por último, abriu o rexistro para a conferencia CAP en Australia. Animámosvos a que vos unades a nós en Sidney en setembro para aprendermos unhas persoas con outras e facermos unha mellor comunicación da astronomía.

Desexámosvos os ceos máis despexados,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Conferencia sobre Ceos Escuros e Tranquilos para a Ciencia e a Sociedade

A Unión Astronómica Internacional (IAU), a Oficina das Nacións Unidas para Asuntos do Espazo Exterior (UNOOSA) e o Goberno de España organizan unha conferencia co título provisional “Ceos Escuros e Tranquilos para a Ciencia e a Sociedade”. O evento ten como datas do 5 ao 8 de outubro de 2020 e espérase que se celebre no Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) en Santa Cruz de La Palma, nas Illas Canarias.

O programa detallado e a información loxística será publicada en breve no sitio web da IAU, da UNOOSA e nun sitio web específico da conferencia.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann20003/

2) Achégase o final do envío de propostas para a conferencia CAP

O envío de propostas para a conferencia CAP remata o 15 de marzo de 2020. A conferencia Comunicar Astronomía co Público terá lugar do 21 ao 25 de setembro de 2020 en Sydney, Australia. A conferencia dá a benvida a profesionais da comunicación da ciencia, educación non formal, centros de ciencia e planetarios, así como astrónomos e astrónomas profesionais e amadoras, xornalistas e persoas do ámbito creativo, para intercambiar ideas e as mellores prácticas. Anímase ás persoas que organizaron eventos IAU100 a que envíen propostas referidas a eses eventos, actividades e proxectos á conferencia.

Máis información sobre bolsas de viaxe e envío de propostas, aquí: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

O anuncio da conferencia está aquí: https://www.iau-100.org/cap2020

3) Kit de telescopio Kaifu-NAOJ: un legado das celebracións IAU100

En recordo do antigo presidente da IAU e Director Xeral do NAOJ, 251 telescopios foron distribuídos en 22 países durante 26 actividades de formación. Esta formación achegou telescopios aos estudantes, permitíndolles experimentar as marabillas da astronomía co profesorado. Queremos darlle as grazas ao NAOJ por doar estes telescopios en conxunto co IAU100 e permitir que máis xente acceda a experimentar as marabillas do espazo.

Para saber máis sobre o kit: https://www.nao.ac.jp/study/naoj-tel-kit/en/

4) Cruceiro galáctico: abre un proxecto en liña de ciencia cidadá

O Observatorio Astronómico Nacional do Xapón (NAOJ) lanzou o proxecto de ciencia cidadá Cruceiro Galáctico en inglés e xaponés. A xente está convidada a identificar galaxias fotografadas pola cámara Hyper-Suprime (HSC) do telescopio Subaru e axudar así aos científicos e científicas a mellorar a súa investigación.

Máis información dispoñíbel nesta ligazón: https://galaxycruise.mtk.nao.ac.jp/en/

Grazas a Kumiko Usuda-Sato por compartir a noticia.

5) Participa nas campañas Globe at Night no “Día Pi”

Globe at Night celebra o Día Pi animando á xente a que saia e observe o ceo. O proxecto solicita a xente que determine a magnitude das estrelas nos Xemelgos e Orión en función do seu lugar de observación, e logo envíe os resultados a este proxecto de ciencia cidadá sobre o impacto da contaminación luminosa. As observacións de Orión serán parte dun proxecto especial de comparación cos datos de 2012. No sitio web Globe at Night marca ademais as datas de futuros períodos de observación e as constelacións correspondentes.

Para saber máis: https://www.globeatnight.org/

6) 1º simposio e competición sobre astronomía e ciencia espacial en Serra Leoa

A organización sen ánimo de lucro STEAD organiza o primeiro simposio e competición sobre astronomía e ciencia espacial en Serra Leoa. STEAD é unha organización sen ánimo de lucro “dedicada a aumentar a exploración espacial, a innovación e a tecnoloxía en Serra Leoa e o continente africano para desenvolver un ambiente que permita o progreso na educación espacial e outros campos da ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas”. Os eventos terán lugar o 23 e 24 de abril de 2020 no British Council en Freetown, Serra Leoa.

Máis información: https://www.facebook.com/STEAD-Society-2298321520414837/?ref=nf&hc_ref=ARRt_6Psrryl7bab8wy9hC3lZa0MoFeR6N2QuSHYI05iTye8eVUPRIX9COjhFj4-6cE

Grazas a Alimamy Conteh, NOC en Serra Leoa, por compartir a noticia.

7) Experimento Eratóstenes

O Experimento Eratóstenes organiza un experimento mundial para calcular a circunferencia da Terra o 20 de marzo de 2020. Anímase ás escolas a unirse ao experimento e enviar os datos. O experimento pode desenvolverse en colaboración con outra escola da mesma lonxitude. O rexistro pode efectuarse do 10 ao 16 de marzo (12:00 CET) de 2020.

Máis información: http://eratosthenes.ea.gr/

8) Día do Asteroide 2020

O Día do Asteroide terá lugar o 30 de xuño de 2020 para “inspirar, atraer e educar o público sobre as oportunidades e os riscos que representan os asteroides”. Haberá unha transmisión ao vivo do evento elixido pola ONU no sitio web do Día do Asteroide e moitas actividades en todo o mundo. Podedes enviar ao sitio web as vosas actividades independentes do Día do Asteroide.

Máis información: https://asteroidday.org/

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Encontro rexional IAU Asia-Pacífico (APRIM)
Datas: do 6 ao 10 de xullo de 2020
Lugar: Perth, Australia
Máis información: https://aprim2020.org/

b) Campamento astronómico internacional para a mocidade
Datas: do 12 de xullo ao 1 de agosto de 2020
Lugar: Baños de Montemayor, España
Máis información: www.iayc.org

c) Conferencia CAP 2020
Datas: do 21 ao 25 de setembro de 2020
Lugar: Sydney, Australia
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

d) IAUS 367: Educación e Patrimonio na Era do “Big Data” en Astronomía
Datas: do 9 ao 14 de decembro de 2020
Lugar: Bariloche, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/iaus367/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

Tes interese en traducir o noso boletín ao teu idioma? Por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

O boletín é traducido aos seguintes idiomas:

-Tradución ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Tradución ao portugués europeo elaborada por Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).

-Tradución ao español, elaborada por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.