Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Febreiro 2020 #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) A IAU publica un informe sobre o impacto das constelacións de satélites na astronomía
2) Abertas as inscricións para Comunicar Astronomía co Público 2020
3) Embaixadores IAU dos ceos escuros: un legado das celebracións IAU100
4) Telescopios para todas as persoas
5) Seleccionado o visitante do programa de visitantes de divulgación IAU 2020
6) Monitor global Wellcome 2018
7) Eventos astronómicos no oeste de Australia
8) Conferencia da Sociedade Astronómica Africana (AfAS)
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

O noso equipo estivo moi ocupado cos preparativos para lanzar o noso plan anual de actividades para 2020, mais aquí ofrecemos un aperitivo do que temos en marcha. Este ano temos moita ilusión de anunciar que nos unimos de novo coa iniciativa belga Sterren Schitteren voor Iedereen e UNAWE para distribuír doce telescopios asinados por astronautas e figuras da ciencia, incluídos tres gañadores do Premio Nobel, a comunidades en situación precaria de todo o mundo.

En 2020 promoveremos accións para crear conciencia sobre os ceos escuros e faremos medrar a rede IAU Embaixadores de ceos escuros, á cal convidámosvos a que vos unades. Este ano estará particularmente enfocado ao problema das constelacións de satélites.

O noso equipo é tamén parte do Comité Científico Organizador da Conferencia CAP 2020 en Sidney, Australia. Recomendámosvos que solicitedes unha bolsa de viaxe e enviedes unha proposta a través das ligazóns listadas máis abaixo neste boletín.

Desexámosvos os ceos máis despexados,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) A IAU publica un informe sobre o impacto das constelacións de satélites na astronomía

En xuño de 2019, a Unión Astronómica Internacional expresou a súa preocupación polo impacto negativo que as mega-estruturas de satélites de comunicacións, as chamadas “constelacións de satélites”, poden ter sobre as observacións astronómicas e a aparencia prístina do ceo nocturno observado desde unha zona escura. A IAU publicou hai pouco un informe sobre o que hoxe sabemos do impacto das constelacións de satélites no ceo nocturno.

Máis información: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2001/

2) Abertas as inscricións para Comunicar Astronomía co Público 2020

Do 21 ao 25 de setembro de 2020, a Universidade Macquarie de Sidney, Australia, e a Comisión C2 da Unión Astronómica Internacional – Comunicar Astronomía co Público, acollerán a maior conferencia mundial sobre comunicación astronómica: Comunicar Astronomía co Público 2020 (CAP2020). Profesionais da comunicación da ciencia, educación non formal, centros de ciencia e planetarios, así como astrónomos e astrónomas profesionais e amadoras, xornalistas e persoas do ámbito creativo, están convidadas a asistir á conferencia para intercambiar ideas e discutir as mellores prácticas en comunicación astronómica. Baixo o tema central de Comunicar Astronomía en favor dun Mundo Mellor: Medio Ambiente, Cultura e Paz, o comité científico organizador dá a benvida a propostas de presentacións orais, pósteres e obradoiros. As propostas poden ser enviadas en liña até o 15 de marzo de 2020.

Máis información e ligazóns aos formularios de inscrición, aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann20006/

3) Embaixadores IAU dos ceos escuros: un legado das celebracións IAU100

En 2019, un dos máis destacados proxectos globais IAU100 foi Ceos escuros para todas as persoas, un proxecto que creceu até dar pé a unha rede de 123 persoas en 45 países que organizaron 197 actividades en 30 países durante ese ano. Desde a certeza de que os embaixadores e embaixadoras desempeñan un papel importante para crear conciencia sobre o problema da contaminación luminosa entre o público xeral, a IAU decididu manter a rede IAU100 de embaixadores de ceos escuros máis alá de 2019, reformando a rede na actual IAU Embaixadores de ceos escuros. En 2020 a IAU ten intención de traballar cos membros da rede como axentes arredor de asuntos cruciais na defensa dos ceos escuros, como as constelacións de satélites e o acceso igualitario ao dereito natural a un ceo escuro.

Máis información sobre o proxecto, aquí: https://darkskies4all.org/ambassador/

4) Telescopios para todas as persoas

En 2020, e seguindo a colaboración frutífera durante as celebracións IAU100, o equipo OAO une forzas de novo coa iniciativa belga Sterren Schitteren voor Iedereen (As estrelas brillan para todas as persoas – SSVI) e a Universidade de Leiden / Universe Awareness (UNAWE) para distribuír doce telescopios entre comunidades en situación precaria arredor do mundo. Os telescopios están asinados por astronautas e figuras da ciencia, e, coa axuda de newscientist.nl, inclúen a tres gañadores do Premio Nobel. Animámosvos a participar no marco dos nosos Eventos globais IAU de divulgación 2020, especialmente en relación co noso programa Estrelas que inspiran, no cal a IAU apoia as mellores prácticas de astronomía inclusiva.

Para saber máis sobre o proxecto, consultade esta ligazón: https://www.iau.org/public/telescopecollaboration/

5) Seleccionado o visitante do programa de visitantes de divulgación IAU 2020

Jorge Rivero González foi escollido como Visitante de divulgación IAU’ 2020, despois dunha deliberación entre 31 candidatos de 20 países. Logo do seu traballo como coordinador global das celebracións IAU100, Jorge seguirá na OAO, no Observatorio Astronómico Nacional de Xapón, no Campus Mitaka, colaborando co legado e as lección aprendidas do IAU100. As celebracións IAU100 sumaron 5000 actividades rexistradas en 143 países/rexións, que chegaron até cen millóns de persoas. O noso equipo está desexando darlle a benvida a Jorge a Toquio!

Podes saber máis sobre o programa de visitantes de divulgación da IAU aquí: https://www.iau.org/public/oao/oao_visitors/

6) Monitor global Wellcome 2018

A Fundación Wellcome, en colaboración coa empresa de sondaxes Gallup, publicou unha enquisa elaborada entre máis de 140000 persoas de 144 países para avaliar as actitudes públicas cara a ciencia e a medicina en todo o mundo. Aínda que a enquisa non trata especificamente de astronomía, os seus resultados achegan información útil para a comunicación da ciencia.

Podes ler o informe completo aquí: https://wellcome.ac.uk/reports/wellcome-global-monitor/2018

7) Eventos astronómicos no oeste de Australia

Grande número de eventos astronómicos celebraranse no oeste de Australia de marzo a abril. Podes atopar os eventos e as ligazóns con máis información a continuación:

Clase de telescopios co Stargazers Club WA de Perth, 28 de marzo de 2020: https://stargazersclubwa.com.au/stargazing-events-perth/#!event/2020/3/28/byo-telescope-class

Plántate para observar en Northam, 4 de abril de 2020: https://astrotourismwa.com.au/northam-stargazing-event/

Grazas a Donna Vanzetti por compartir as noticias sobre estes eventos.

8) Conferencia da Sociedade Astronómica Africana (AfAS)

O primeiro encontro da Sociedade Astronómica Africana (AfAS) terá lugar do 16 ao 19 de marzo de 2020 no Observatorio Astronómico de África do Sur (SAAO) en Cidade do Cabo, África do Sur. O encontro porá o foco na ciencia que nace da investigación astronómica en África e da colaboración entre países africanos, así como da colaboración entre África e o resto do mundo. A conferencia prestará atención a como atraer e reter a mocidade na astronomía e reforzar a aprendizaxe da astronomía e as ciencias asociadas.

Podes saber máis sobre a conferencia aquí: https://africanews.space/register-to-attend-the-first-african-astronomical-society-conference/ + https://www.africanastronomicalsociety.org/conferences-and-meetings/afas-astronomy-in-africa-meetings/afas2020/

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Encontro rexional IAU Asia-Pacífico (APRIM)
Datas: do 6 ao 10 de xullo de 2020
Lugar: Perth, Australia
Máis información: https://aprim2020.org/

b) Campamento astronómico internacional para a mocidade
Datas: do 12 de xullo ao 1 de agosto de 2020
Lugar: Baños de Montemayor, España
Máis información: www.iayc.org

c) Conferencia CAP 2020
Datas: do 21 ao 25 de setembro de 2020
Lugar: Sydney, Australia
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

d) IAUS 367: Educación e Patrimonio na Era do “Big Data” en Astronomía
Datas: do 9 ao 14 de decembro de 2020
Lugar: Bariloche, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/iaus367/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

Tes interese en traducir o noso boletín ao teu idioma? Por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

O boletín é traducido aos seguintes idiomas:

-Tradución ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Tradución ao portugués europeo elaborada por Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).

-Tradución ao español, elaborada por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.