Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Setembro 2019 #1
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) Convocatoria pública atopa con éxito nomes para as novas lúas de Xúpiter
2) Jay Pasachoff gaña o premio Klumpke-Roberts 2019 da Sociedade Astronómica do Pacífico
3) Únete ás vindeiras campañas Globe at Night
4) Celebra a Noite Internacional de Observación da Lúa 2019
5) Corre pola ciencia en Bogotá, Colombia
6) Celebra o Día Internacional da Tradución
7) Xuntos baixo un mesmo ceo! – Ciencia e arte para crear conciencia sobre a contaminación luminosa
8) 6º Obradoiro Xeración Espacial Asia-Pacífico (AP-SGW, 2019) en Nagoya, Xapón
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU
0) Nota dos editores
Prezados amigos, amigas e colegas,
Queremos darlle unha cálida benvida á nosa colega Izumi Hansen. Izumi uniuse a nós hai pouco como Axudante da Coordinación de Divulgación (AOC) e traballará na edición, produción de contidos e xestión de proxectos e comunicacións. “Estou contentísima de unirme á OAO da IAU. Desexo dar apoio á comunidade de profesionais da divulgación da astronomía facendo a astronomía comprensíbel para todas as persoas a través dos recursos que temos na IAU”.
Neste número, destacamos as próximas campañas Globe at Night 2019, a Noite Internacional de Observación da Lúa 2019, e queremos animarvos tamén a que vos unades como voluntarios á Rede de Tradución Astronómica (ATN) para celebrarmos xuntos o Día Internacional da Tradución.
Desexámosvos ceos despexados e felices celebracións!
Lina Canas, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU
1) Convocatoria pública atopa con éxito nomes para as novas lúas de Xúpiter
Cinco satélites de Xúpiter teñen agora nomes oficiais, xusto un ano despois do anuncio do seu descubrimento. O proceso de designación incluíu unha convocatoria pública e os cinco nomes elixidos proceden das suxestións da xente.
Podes ler máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19054/
2) Jay Pasachoff gaña o premio Klumpke-Roberts 2019 da Sociedade Astronómica do Pacífico
O antigo presidente da Ex-Comisión 46 Astronomía para a Educación e o Desenvolvemento (2003-2006) Jay Pasachoff recibiu o premio Klumpke-Roberts 2019 da Sociedade Astronómica do Pacífico, en recoñecemento a unha vida de contribucións importantes á popularización e posta en valor da astronomía, e polo seu esforzo de sempre na comunicación e a divulgación entre o público e nos ámbitos académicos. Entre os anteriores gañadores deste premio están Carl Sagan, Isaac Asimov, Dava Sobel, Patrick Moore e Ed Krupp.
Máis información: https://astrosociety.org/who-we-are/awards/klumpke-roberts-award.html
3) Únete ás vindeiras campañas Globe at Night
Globe at Night é unha campaña internacional de ciencia cidadá que aspira a crear conciencia sobre o impacto da contaminación luminosa convidando á cidadanía a que mida o brillo do ceo nocturno e comparta as súas observacións. É doado participar, todo o que precisas é un ordenador ou teléfono con acceso á Internet e seguir cinco simples pasos. No que vai de 2019, as persoas participantes nas campañas contribuíron en todo o mundo con 7962 puntos de observación! Axuda a Globe at Night a acadar o seu obxectivo de 15000 medidas este ano!
Podes atopar as datas e constelacións para 2019 aquí: https://www.globeatnight.org/5-steps.php
4) Celebra a Noite Internacional de Observación da Lúa 2019
O rexistro para a Noite Internacional de Observación da Lúa 2019 está xa aberto. Podes rexistrar o teu evento, atopar materiais e publicitar o teu evento en moon.nasa.gov/observe. Poderás encontrar máis actualizacións a medida que se achegue a data do 5 de outubro de 2019!
Máis información, aquí: https://moon.nasa.gov/observe-the-moon/annual-event/overview/
5) Corre pola ciencia en Bogotá, Colombia
O 14 de setembro en Bogotá, Colombia, a Universidade Nacional de Colombia organiza a actividade “Corre por la ciencia”, co apoio doutras institucións do país, para unir ciencia e deporte dun xeito orixinal por medio dunha carreira atlética inspirada na astronomía. As persoas participantes terán a oportunidade de correr o equivalente a un buraco negro coa masa do noso Sol (cun radio de 4 quilómetros) e unha estrela de neutróns coa masa do noso Sol (cun radio de 10 quilómetros), así como divertirse cunha variada serie de actividades científicas.
Tes máis información aquí: http://ciencias.bogota.unal.edu.co/corre-por-la-ciencia/
6) Celebra o Día Internacional da Tradución
O 30 de setembro celebramos o Día Internacional da Tradución para homenaxear o traballo das persoas profesionais da linguaxe, que xogan un rol importante na unión das nacións ao facilitaren o diálogo, a comprensión e a cooperación e contribuíren ao desenvolvemento e o fortalecemento da paz e a seguridade mundial (segundo expresa o comunicado das Nacións Unidas da conmemoración). Na vindeira edición deste boletín, faremos un número especial dedicado á nosa Rede de Tradución Astronómica (ATN).
Máis información, neste enderezo: https://www.un.org/en/events/translationday/
7) Xuntos baixo un mesmo ceo! – Ciencia e arte para crear conciencia sobre a contaminación luminosa
A Galería de Arte Infantil de Grecia en asociación coa Unión Astronómica Internacional organiza unha campaña de arte infantil internacional co tema central “Xuntos baixo un mesmo ceo!”, que se vale da arte científica para crear conciencia sobre o problema da contaminación luminosa. A data límite é o 30 de novembro de 2019.
Máis información no sitio web oficial: https://sites.google.com/site/ppetogetherunderonesky/
8) 6º Obradoiro Xeración Espacial Asia-Pacífico (AP-SGW, 2019) en Nagoya, Xapón
O 23 e 24 de novembro de 2019 Nagoya, Xapón, acollerá o 6º AP-SGW 2019, un obradoiro de dous días para estudantes e profesionais de entre 18 e 35 anos para debater temas espaciais na rexión Asia-Pacífico. Hai bolsas dispoñíbeis que cobren os gastos até 500 dólares (USD) para viaxe de ida e volta, aloxamento e custo do visado. O AP-SGW 2019 está apoiado e promovido de forma conxunta co Foro Rexional da Axencia Espacial Asia-Pacífico (APRSAF), que terá lugar do 26 ao 29 de novembro. A data límite para as inscrición é o 15 de setembro de 2019.
Para saber máis consulta a ligazón https://spacegeneration.org/ap-sgw-2019
9) Encontros e actividades globais
Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!
a) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/
b) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/
c) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
d) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/
e) Primeiro obradoiro Shaw-IAU de “Astronomía para a educación”
Datas: do 17 ao 19 de decembro de 2019
Lugar: París, Francia
Máis información: https://www.iau.org/education/oae/shaw-iau-workshop/
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;
-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.
-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.