Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Decembro 2018 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Os e as astrónomas da IAU participan activamente en eventos de divulgación
2) Lanzamento do concurso de contos «Baixo un mesmo ceo”
3) Celebra no teu país o Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía IAU100
4) Leva a exposición “Arriba e máis alá» á túa comunidade
5) Novas de Armenia
6) Novas de Xapón
7) Sons do sistema: Traendo á Terra a música das esferas
8) IDiverSE, Illas da Diversidade para a educación científica
9) Encontros e actividades globais
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

Alégranos anunciar que a conferencia «Comunicar Astronomía co Público 2018» en Fukuoka, Xapón, foi premiada pola Oficina de Convencións de Turismo de Fukuoka, co Premio á Conferencia Internacional 2018/2019 polo seu éxito en traer á cidade a case 450 participantes de 53 países. O premio foi recollido polo director da oficina IAU de divulgación astronómica, Hidehiko Agata.

Falta pouco para 2019 e o número de actividades rexistradas para o IAU100 está a aumentar. As “100 horas de astronomía” acadaron os 100 eventos rexistrados, lanzouse o concurso de contos «Baixo un mesmo ceo» e a Exposición “Arriba e máis alá (Above and Beyond)” ten agora versións personalizadas de acordo coas necesidades da comunidade global. E non esquezades o proxecto “Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía” ou as “Escolas Einstein”. Podes seguir as últimas noticias subscribíndote ás nosas diversas canles.

Neste número destacamos un estudo publicado na revista “Nature Astronomy” sobre a extraordinaria participación dos e das astrónomas en eventos públicos, o proxecto “Sons de sistema” da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) da IAU e o proxecto “Illas da Diversidade para a educación científica”.

Por último, mais non é menos importante, queremos darvos as grazas a todas as persoas que nos ledes e á comunidade xeral por compartirdes constantemente as vosas historias connosco. Agora que nos estamos achegando ao 2019, contádenos como ides celebrar a astronomía o ano que vén.

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da oficina IAU de divulgación astronómica.

1) Os e as astrónomas da IAU participan activamente en eventos de divulgación

Un estudo das actividades de divulgación publicado na revista Nature Astronomy presentou os resultados dunha enquisa efectuada entre 2587 membros da IAU. A enquisa é o maior estudo sistemático sobre divulgación feito entre as persoas que se dedican profesionalmente á astronomía. Determinouse que os e as astrónomas mostran un excepcional impulso interno para organizar e participar en actividades de comunicación científica.

O comunicado de prensa completo da IAU está aquí: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1813/

2) Lanzamento do concurso de contos «Baixo un mesmo ceo”

Temos o pracer de convidar a estudantes de astronomía de todo o mundo a que participen no concurso de escritura IAU100 «Baixo un mesmo ceo». A IAU promove a participación de xoves científicos e científicas nas súas actividades, e este concurso ten como obxectivo estimular a creatividade e a imaxinación dos e das estudantes ao solicitarlles historias curtas escritas que encaixen cos lemas «Baixo un mesmo ceo» e «Estrelas que inspiran». As persoas que participen terán a oportunidade de asistir ao evento principal de IAU100 en Bruxelas, Bélxica. O evento IAU100 “Baixo un mesmo ceo” terá lugar no Palacio das Academias en Bruxelas do 11 ao 13 de abril de 2019.

Máis información: https://www.iau-100.org/undergrounds-storycompetition

3) Celebra no teu país o Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía IAU100

Baixo o lema «Astronomía Inclusiva», as celebracións IAU100 organizarán unha ampla serie de actividades e eventos globais durante todo o ano que promoverán a inclusión, a equidade e a diversidade na astronomía. Estes eventos iniciaranse canda a celebración do Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía o 11 de febreiro de 2019 no marco do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia que impulsa a Organización das Nacións Unidas. É a oportunidade perfecta para alentarmos as mozas a interesarse pola carreira de astronomía e celebrarmos as mulleres astrónomas. Alentamos a todas as persoas a participar no Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía organizando eventos nas vosas comunidades locais.

Máis información: https://www.iau-100.org/women-and-girls-in-astronomy-day

4) Leva a exposición “Arriba e máis alá» á túa comunidade

A exposición de código aberto IAU100 “Above and Beyond (Arriba e máis alá)” presenta algúns dos avances astronómicos máis relevantes e asombrosos que deron forma á ciencia, a tecnoloxía e a cultura ao longo do século pasado. Agora podes levar esta exposición a un espazo próximo dunha maneira personalizada que se adapte ás necesidades da túa comunidade. A secretaría IAU100 acaba de lanzar tres versións da exposición que poden adaptarse e personalizarse para facilitar a súa exhibición en cada territorio.

Podes ler máis información aquí: https://www.iau-100.org/exhibition-materials-release

5) Novas de Armenia

Sintamos o Cosmos

O Proxecto «Sintamos o Cosmos” gañou unha bolsa da Awesome Foundation en Armenia. «Sintamos o Cosmos» ten como obxectivo presentarlles o universo aos nenos e nenas con discapacidades visuais e está dirixido por un grupo de oito estudantes de 12 e 13 anos. Este é o primeiro proxecto que desenvolven. Despois de asistir ao seu club de astronomía durante un ano, o grupo acumulou coñecemento abondo para compartilo con outras persoas. «Compartir é a mellor maneira de entender o que aprenderon. Ademais, compartir é a mellor maneira de abrir os seus corazóns e mentes», di Armine Patatanyan, coordinadora do proxecto.

Tes máis información sobre «Sintamos o Cosmos» nesta ligazón: https://www.awesomefoundation.org/en/projects/109330-let-s-feel-the-cosmos

Grazas a Armine Patatanyan por compartir a historia connosco.

6) Novas de Xapón

«Stella Nova 2018», reunión de astrónomos e astrónomas profesionais e amadores en Xapón.

Hai moitas persoas afeccionadas á astronomía no Xapón con ansia por descubrir novos obxectos astronómicos. O 17 e 18 de novembro, o campus do NAOJ en Mitaka celebrou unha reunión dedicada a estes astrónomos e astrónomas afeccionadas. O encontro, cun total de 90 participantes, xuntou a profesionais e afeccionados e afeccionadas para compartiren interesantes conferencias e frutíferas discusións sobre temas que van desde o descubrimento de cometas até as novas e as supernovas.

Podes atopar máis información aquí (en xaponés): https://www.nayoro-obs.jp/stellanova2018/

Grazas a Hitoshi Yamaoka, NOC da IAU no Xapón, por compartir esta historia connosco.

7) Sons do sistema: Traendo á Terra a música das esferas

Sons do sistema é un proxecto de ciencia e arte que traduce os sistemas e datos astronómicos en música e son, para logo integralos en vídeos de alta calidade cun grande atractivo para o público. Logo do éxito dos lanzamentos iniciais sobre TRAPPIST-1 e Saturno, o equipo desexa estender agora este proxecto a outros sistemas poñendo o foco en obxectos ben coñecidos e descubrimentos astronómicos de interese xornalístico.

Podes atopar máis información sobre o proxecto aquí: https://bit.ly/2C0vbWn

8) IDiverSE, Illas da Diversidade para a educación científica

IDiverSE ten como obxectivo proporcionar ao profesorado ferramentas, coñecemento e apoio para guiar os e as estudantes na exploración de metodoloxías innovadoras. Entre elas, a colaboración entre diferentes illas do mundo, o descubrimento de importantes temas globais e locais e a creación de solucións prácticas e efectivas para promover o desenvolvemento comunitario e a concienciación. IDiverSE proporciona acceso a actividades que axudarán a docentes e estudantes a través de simulacións divertidas e interactivas e experiencias de aprendizaxe moi atractivas.

Podes descubrir máis neste sitio web: https://bit.ly/2RNDVo9

9) Encontros e actividades globais de 2018

Aquí tes unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) IAU100: 100 Horas de Astronomía
Datas: do 10 ao 13 de xaneiro de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.100hoursofastronomy.org/

b) IAU100: Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía
Datas: 11 de febreiro de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.inclusive-astronomy.org/women-girls-in-astronomy

c) Encontro rexional asiático “Global Hands-On Universe”
Datas: do 6 ao 8 de marzo de 2019
Lugar: Pokhara, Nepal
Máis información: https://sites.google.com/view/ghou-asia-regional-conference/home

d) 8ª conferencia internacional «Novas perspectivas en educación científica»
Datas: 21 e 22 de marzo 2019
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/

e) Noite de Yuri
Data: 12 de abril de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://yurisnight.net/

f) Semana europea da astronomía e ciencias do espazo
Datas: do 24 ao 28 de xuño de 2019
Lugar: Lyon, Francia
Máis información: https://eas.unige.ch//EWASS/

g) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

h) Día do asteroide
Data: 30 de xuño de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

i) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

l) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Data: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.