Como é lóxico, o dicionario da Real Academia Galega -que pode consultarse con comodidade en Internet no Portal das Palabras– inclúe moitos conceptos científicos, entre eles algúns relacionados coa astronomía. Ao usar o dicionario fomos constatando a presenza de erros, imprecisións, definicións confusas ou exemplos desafortunados que aconsellarían unha revisión exhaustiva do vocabulario científico.
Hai uns días contactamos coa Real Academia Galega, a través do seu departamento de Comunicación, que á súa vez nos puxo en contacto co de Lexicografía. Achegáronnos unha listaxe de termos coa etiqueta “astronomía” e fixemos un repaso dos mesmos. Non propuxemos definicións alternativas pois non é ese o noso cometido; limitámonos a explicar os fallos dalgunhas definicións e exemplos. Sinalamos algo máis de medio cento de termos astronómicos que deben ser mellorados e enviámoslle á Real Academia Galega un documento de dez páxinas coas nosas suxestións, un traballo no que participaron activamente o noso socio Martin Pawley e o profesor Salva Bará. Entre esas ducias de palabras, eliximos agora algunhas a maneira de exemplo para fomentar o debate público sobre a mellora do tecnolecto científico e tecnolóxico:
Gravidade s.f. Fenómeno polo que un corpo é atraído en dirección ao centro da Terra.
Hai xa uns cantos séculos que sabemos que a forza de gravidade é un fenómeno universal non sempre dirixido aos nosos embigos. A definición xa foi modificada: Interacción atractiva entre corpos con masa, responsable, por exemplo, de que un corpo sexa atraído ao centro da Terra.
Luz s.f. Radiación electromagnética que se propaga no baleiro a unha velocidade de 299.792 km por segundo e é capaz de producir o fenómeno da visión. Luz ultravioleta.
Só unha parte moi pequena da radiación electromagnética que chamamos luz pode producir o fenómeno da visión. O exemplo desmente, de feito, a definición, pois a “luz ultravioleta” non permite o fenómeno da visión, polo menos entre os humanos (outra cousa son as abellas).
Asteroide s.m. Corpo celeste de características rochosas e pequenas dimensións, que gravita arredor do sol.
Neste caso a definición é tan xeral que valería para corpos que non entran na categoría asteroide, coma os planetas ananos. Na famosa resolución B5 de 2006 (PDF, 92KB) a Unión Astronómica Internacional fixou tres únicas categorías para os obxectos do sistema solar: “planetas”, “planetas ananos” ou “corpos pequenos ou menores do sistema solar”, que contén aos cometas, asteroides, obxectos transneptunianos, etc. Esa resolución podería tomarse coma referencia para elaborar as definicións galegas dos obxectos que poboan os sistema solar.
Planeta s.m. 1 Astron. Astro con movemento independente pero sen luz propia: A Terra é un planeta que xira arredor do Sol ▲ Planeta exterior Astron. Planeta do sistema solar, que está máis lonxe do Sol que da Terra: Marte, Xúpiter, Saturno, Urano, Neptuno e Plutón denomínanse planetas exteriores▲Planeta interior Astron. Planeta do sistema solar, que está máis preto do Sol que da Terra: Os planetas interiores son Mercurio e Venus
Aplicando en sentido estrito a definición a condición interior e exterior dun planeta cambiaría segundo estea en conxunción ou en oposición. Unha soa preposición «de» é neste caso a principal culpábel da desfeita.
Plutón: Planeta anano do sistema solar situado máis aló da órbita de Neptuno.
Todo en orde se non fora que no dicionario non se define o concepto «planeta anano».
Trígono s.m. 1 Astron. Conxunto de tres signos do zodíaco que distan entre si cento vinte graos: O trígono ten a consideración de aspecto benéfico na tradición astrolóxica
Ascendente adx. 4 Astron. Constelación do zodíaco que está no horizonte no momento de nacer unha persoa: O seu ascendente é Leo
“Trigono” e “ascendente” non son conceptos de uso astronómico, senón que pertencen á pseudociencia da astroloxía.
Acuario s.m. 3 Astron. A undécima constelación do zodíaco, situada entre Capricornio e Pisces OBS: Nesta acepción escríbese con maiúscula: Os planetas rexentes de Acuario son Saturno e Urano 4 Signo correspondente ao que pertencen os nacidos entre o vinte e dous de xaneiro e o vinte e un de febreiro OBS: Nesta acepción escríbese con maiúscula: Pertence ao signo de Acuario s. 5 Persoa que naceu baixo ese signo: Sendo un acuario, suponse que ten capacidade de análise crítica.
Por que undécima? Contando dende onde? O mesmo para todos os signos zodiacais, para os cales se dá un marco temporal que non coincide necesariamente co máis común na pseudociencia da astroloxía (e por suposto alleo ao paso actual do Sol por esas rexións da banda zodiacal, que é o feito astronómico subxacente). Debería deixarse clara a diferenza entre as acepcións astronómica e astrolóxica, así como salientar a condición anticientífica da astroloxía e evitar nos exemplos a atribución de calidades aos nacidos baixo un signo concreto, pois é evidentemente absurdo que a capacidade crítica de alguén teña que ver coa posición dos astros no día do seu nacemento.
Centauro s.m. 2 Astron. Constelación que se ve no ceo do hemisferio austral OBS: Nesta acepción escríbese con maiúscula: As estrelas de Centauro son das máis próximas ao Sol
A definición vale para todas as constelacións que se ven no ceo do hemisferio austral, incluídas as que tamén se ven no hemisferio boreal, por exemplo Orión ou as zodiacais, e polo tanto é sumamente imprecisa.
Meteorito s.m. Astron. Fragmento dun corpo celeste que atravesa a atmosfera terrestre e alcanza a superficie da Terra: Polo xeral os meteoritos desintégranse antes de chegaren á Terra
Ben desafortunado o exemplo. Se o meteorito alcanza a superficie da Terra, como se vai desintegrar antes de chegar a ela?
Órbita s.f. 1 Fís. Traxectoria curva e pechada descrita por un corpo no seu movemento: O satélite artificial describía unha órbita próxima á parábola 2 Astron. Curva cerrada descrita por todo corpo celeste que gravita arredor doutro: A Lúa está en constante órbita arredor da Terra
Outro exemplo errado que crea confusión: a parábola é unha curva aberta.
Vía s.f. FRASES E EXPRESIÓNS CON vía▲Vía Láctea 1 Astron. Galaxia na que se atopa o sistema solar: A Vía Láctea está formada por un conxunto de millóns de estrelas 2 Astron. Parte desta galaxia que se percibe desde a Terra a simple vista: Nas noites sen lúa a luminosidade da Vía Láctea destaca sobre o fondo escuro do espazo SINÓNIMO Camiño de Santiago
(Case) todo o que vemos a simple vista pertence á Vía Láctea. A definición 2 debería ser máis precisa para referirse á banda difusa que cruza o ceo polas constelacións de Saxitario, Aguia, Cisne, Casiopeia, Perseo, Auriga, Unicornio…
Propuxemos, ademais, que valorasen a incorporación ao dicionario de palabras coma asterismo ou exoplaneta (ou planeta extrasolar) así como das acepcións comúns en astronomía de termos coma conxunción e oposición. Convidamos a persoas e colectivos vinculados a outras áreas de coñecemento científico que lle fagan chegar á Real Academia Galega as súas propostas de mellora dende a certeza de que serán tomadas en conta pola centenaria institución.
Teño que corrixir. Trígono non é un concepto da pseudociencia. É un concepto de xeometría. Trigonometría é, etimolóxicamente, medición de trígonos. Trígono e un polígono de tres lados, é dicir, sinónimo de triángulo.
Esa é unha acepción a engadir, abofé. Mais o sentido que lle dá o dicionario é o «astrolóxico», non astronómico, e iso é o que queríamos salientar.
Pingback: Actividades do segundo semestre de 2016 da Agrupación Ío - Agrupación Ío