IMPORTANTE! O domingo 25 de setembro a profesora e investigadora da Universidade da Coruña Minia Manteiga, socia da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, ofrecerá unha conferencia sobre a misión Gaia co título La misión Gaia: el primer mapa 3D de dos millones de estrellas. Será no MUNCYT da Coruña ás 12:30, con entrada libre até encher a capacidade da sala. A Agrupación Ío colabora no desenvolvemento desta actividade.

Imaxe: ESA.
Imaxe: ESA.

Gaia é unha ambiciosa misión da Axencia Espacial Europea (ESA) que ten o obxectivo de elaborar un mapa preciso en 3D da nosa Galaxia, a Vía Láctea. Foi aprobada no ano 2001 e o o seu lanzamento tivo lugar en decembro de 2013; a súa duración prevista é de cinco anos. Os datos que Gaia proporcionará arroxarán nova luz practicamente en todos os ámbitos da astronomía e serán unha referencia durante os próximos 50 anos. Na misión Gaia traballa un grupo galego de investigadores formado por Carlos Dafonte, Minia Manteiga, Daniel Garabato e Marco Antonio Álvarez, da Universidade da Coruña, e Ana Ulla, da Universidade de Vigo.

Todas as estrelas que vemos brillar na noite pertencen á Vía Láctea, unha galaxia formada por uns 100 mil millóns de estrelas e por nubes de po e gas dentro das cales se forman novas estrelas e planetas. A Vía Láctea ten unha estrutura espiral en rotación que mide uns 100.000 anos luz e é unha galaxia típica, como moitas outras que poboan o cosmos. Para medir a súa estrutura e a súa dinámica necesitamos determinar as posicións e movementos dun número estatisticamente significativo das súas estrelas, incluíndo a medida das súas distancias desde a Terra. Gaia é o instrumento chave para abordar este desafío, xa que durante cinco anos será capaz de producir un censo estelar sen precedentes en precisión e en tamaño.

Hoxe a misión Gaia alcanzou un fito importante: publícase GDR1, o primeiro catálogo de Gaia. Os datos de Gaia-DR1 incluirán as posicións e a magnitude en luz visible de exactamente 1.140.622.719 estrelas, aproximadamente o 1% da poboación galáctica total, calculados a partir das observacións realizadas ao longo de 14 meses de misión, entre o 25 de xullo e o 16 de setembro de 2015. Faise pública, tamén, a solución astrométrica de cinco parámetros, que proporciona posicións, paralaxes e movementos propios para un conxunto de máis de dous millóns (2.057.050) de estrelas da contorna solar, utilizando neste caso os datos Gaia e as posicións obtidas durante a misión Hipparcos, unha misión espacial da ESA dos anos 90 (é a chamada “Solución Astrométrica Tycho-Gaia”, TGAS). Esta primeira publicación inclúe ademais os datos fotométricos de centenares de estrelas variables, 2.595 estrelas tipo RR Lyrae e 599 estrelas Cefeidas observadas en xullo de 2014, cando o satélite escaneou repetidamente os polos galácticos.

Para chegar a estes resultados, Gaia observou en media uns 70 millóns de obxectos celestes e obtivo máis de 637 millóns de medidas astrométricas (posicións no ceo) e 150 millóns de medidas fotométricas (cantidade de luz en cada cor) ao día. Os datos crus que obtén o satélite pasan por un complexo proceso de transformación e análise que leva a cabo un equipo duns 450 científicos de toda Europa, o consorcio DPAC do que o grupo de investigación da Universidade da Coruña (Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións de Intelixencia Artificial) forma parte desde o ano 2007.

A misión Gaia producirá versións actualizadas do seu catálogo aproximadamente cada ano a partir desta data, até chegar ao arquivo final, que se publicará cara ao ano 2022.

Adaptado do texto orixinal asinado polo equipo galego de Gaia: Carlos Dafonte, Minia Manteiga, Daniel Garabato e Marco Antonio Álvarez (UDC), e Ana Ulla (UVigo).

1 Comment

  1. Pingback: - Agrupación Ío