O abuso da iluminación pon en risco o patrimonio natural da noite

por Juan Antonio Alduncin

A iluminación artificial é un dos grandes logros técnicos da Humanidade. É obvio que trouxo beneficios e melloras na calidade de vida e se tomou como signo de modernidade desde que, superada a Idade Media, empezou a establecerse a iluminación pública nas cidades.

A contaminación luminosa detectouse como problema cara á metade do século XX. Daquela foron os astrónomos profesionais os primeiros en acusalo, cando a actividade de grandes observatorios empezou a verse afectada polo crecente resplandor das urbes próximas. Cos anos, a expansión da iluminación continuou até niveis insospeitados e tamén os astrónomos afeccionados empezaron a padecelo: xa pola década dos 70 e 80 había dificultades para ver o firmamento nocturno en moitas periferias urbanas. Durante moito tempo a cuestión pareceu só un atranco para a visión do ceo, sen máis connotacións. Aínda limitándose a iso adquiría un verniz de monstruosidade, porque ameazaba con cargarse a visión do firmamento, o escenario máis grande e fermoso da natureza, ademais de terreo do máximo interese para a investigación e a ciencia. A sensibilidade cara a este problema, e a necesidade de denuncialo e de buscarlle solucións, propiciou que entrasen en acción grupos como International Dark-Sky Association, ou como Cel Fosc, “Asociación contra la contaminación lumínica”.

Agora ben, o uso cada vez máis intenso e extenso da iluminación veu provocar problemas máis aló dos que afectaban á astronomía. Pronto se viu que a iluminación artificial do medio nocturno, con resplandores que pasan os límites das áreas urbanas, perturba as condutas de multitude de especies, desde insectos até réptiles e aves. Respecto diso debemos pensar que unha gran parte dos seres vivos da Terra son nocturnos e o seu hábitat require de escuridade natural durante a noite.

Dentro mesmo das vías urbanas, onde a iluminación é necesaria ante todo por razóns de seguridade nocturna, evidenciouse que moitas iluminacións son de deseño nefasto: ademais de non aproveitar eficientemente a luz e de provocar exceso de contaminación luminosa resultan cegadoras e, que paradoxo, contribúen a unha peor visión. De modo que a sensación de seguridade que infunden ao cidadán é falsa, enganosa.

O uso racional da enerxía é outra cuestión que entronca de manei-ra directa co asunto. Iluminación implica consumo de electricidade, que é custosa, e xérase na súa maior parte de fontes contaminantes (como as centrais térmicas e nucleares). Os excesos de iluminación supoñen un malgasto económico e emisión inútil de contaminantes (CO2, residuos radioactivos). Resultou que as solucións para evitar a contaminación luminosa son tamén as que conducen a unha iluminación eficiente e a un consumo enerxético óptimo, reducindo as emisións de contaminantes.

Indo máis aló nos efectos da luz, desde o sector médico púxose de relevo como a luz artificial inhibe a produción de melatonina no noso corpo. Esta é unha hormona con importantes funcións: regulación do ritmo do organismo no ciclo día/noite (circadiano), calidade do sono, control do envellecemento celular, protección contra certos tipos de depresión e de cancro… Vivir en ambientes onde a escuridade nocturna natural está abolida polos excesos da iluminación pode levar mesmo a fallos na nosa saúde.

O que aprendemos logo de anos afrontando a cuestión pódese sintetizar así: tanto a escuridade natural do medio ambiente nocturno como a iluminación artificial dos espazos habitados son necesarias e por tanto debe buscarse o punto de equilibrio en que coexistan. A escuridade nocturna é un valor esencial do medio ambiente e débese preservar en todos aqueles espazos e tempos en que a iluminación non sexa realmente necesaria. E a iluminación artificial ten que cinguirse aos lugares e horarios en que poida ser útil. Deseñado con intelixencia, focalizado onde é preciso, coa intensidade xusta, sen excesos. Usando os tipos de luz menos agresivos co medio ambiente nocturno. E reducindo a súa potencia, apagándoa incluso, nos horarios en que ningunha actividade xustifique a súa presenza.

Por razóns culturais que veñen dos remotos tempos en que non tiñamos luz, tendemos a valorar a iluminación artificial de modo ilimitado, até chegar aos grandes abusos do mesmo.

Por razóns culturais do século XXI, en que estamos a pór en risco de extinción o ben natural das noites terrestres, debemos ser sumamente prudentes, cautelosos, no uso da luz artificial. Aínda estamos moi lonxe de logralo.

* * *

Juan Antonio Alduncin é membro de Cel Fosc, Asociación contra la contaminación lumínica. O artigo foi escrito para o caderno “A Fondo” dedicado á contaminación luminosa que publicou o semanario Sermos Galiza o 22 de setembro de 2016.