Contaminación luminosa: un reto para a investigación científica


por Salva Bará

A Coruña dende a ISS, detalle. Fonte: NASA (ISS045-E-161487)

A Coruña dende a ISS, detalle. Fonte: NASA (ISS045-E-161487)

Cando o astrónomo Merle F. Walker, a comezos da década dos 70, constataba con abraio os demoledores efectos da (mala) iluminación nocturna sobre as posibilidades de observar as estrelas, pouco podía imaxinar que a contaminación luminosa entraría algún día a formar parte da axenda científica. Hoxe, investigadoras e investigadores de moi diversas áreas do coñecemento e de todos os recantos do planeta xuntan os seus esforzos para coñecer mellor as causas e consecuencias deste problema e as estratexias que se poden poñer en práctica para minimizar os seus efectos.

Esta investigación é esencialmente cooperativa e interdisciplinar. As causas da contaminación luminosa teñen as súas raíces nunha resposta incorrecta á necesidade humana de iluminación, favorecida por unha desbaldidora e insostible cultura da luz e unha industria especializada en xerar novas demandas alén das razoablemente necesarias. Os seus efectos negativos afectan directamente ao medio ambiente, á saúde humana, á xestión da enerxía, ás economías locais, ao patrimonio cultural inmaterial… Non é pois de estrañar que a colaboración entre investigadores de diferentes especialidades sexa intensa. Os interrogantes son múltiples, urxentes e importantes: necesitamos coñecer mellor como se propaga a contaminación luminosa a través dunha atmosfera cambiante para acabar afectando a lugares situados a ducias e mesmo centos de quilómetros das vilas e cidades que a orixinan; como afecta a iluminación artificial nocturna aos procesos metabólicos, reprodutivos e de procura de alimento das diferentes especies biolóxicas, ás súas migracións e orientación, ás relacións predador-presa e á dinámica global das poboacións e ecosistemas.

Precisamos avanzar no coñecemento da complexa relación entre a iluminación artificial e a saúde humana, un campo de investigación tremendamente activo dende que en 2002 o equipo de David Berson, na universidade de Brown, descubrise as células retinianas que achegan ao cerebro a información específica sobre os niveis de luz ambiente, información que é esencial para a regulación circadiana. Cómpre investigarmos en fontes de luz máis efectivas e sostibles, alén de intentar aumentar a mera eficiencia enerxética. E necesitamos continuar desenvolvendo instrumentos de medida, fiables e de baixo custo, que permitan monitorizar con precisión os niveis de contaminación luminosa a nivel do chan, complementando así os datos que xa recibimos dende diferentes satélites situados en órbita terrestre, entre eles a Estación Espacial Internacional.

Galiza e a rexión Norte de Portugal contan con investigadores e investigadoras implicadas no problema da contaminación luminosa nas universidades da Coruña, Vigo, Politécnica de Porto e Santiago de Compostela. Hai nesta última un laboratorio de investigación específico, dende o que se coordinan diversas campañas de medida da calidade do ceo. Galiza conta tamén cunha das principais redes existentes a nivel mundial para a medida e monitorización do brillo antropoxénico do ceo nocturno. Esta rede, operada por MeteoGalicia en colaboración coa USC, está formada por detectores instalados en catorce estacións meteorolóxicas que proporcionan información, en aberto e en tempo real, sobre os niveis de contaminación luminosa en localizacións distribuídas ao longo da banda atlántica e nas montañas orientais do noso país.

A contaminación luminosa é tamén un vizoso campo de iniciativas de ciencia cidadá. Calquera persoa interesada pode contribuír ao esforzo científico colectivo usando simplemente a súa vista ou axudándose de instrumentos de baixo custo. Campañas como Globe at Night, TimeLine, ou Cities at Night, as dúas primeiras con materiais en galego, permiten achegar datos fundamentais á comunidade científica para coñecer a situación actual e poder monitorizar a súa evolución temporal a medio e longo prazo.

Salva Bará é profesor titular da área de Óptica da USC. O artigo foi escrito para o caderno “A Fondo” dedicado á contaminación luminosa que publicou o semanario Sermos Galiza o 22 de setembro de 2016. No arquivo do noso blog podes ler tamén esta listaxe de libros recomendados polo autor sobre contaminación luminosa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contacto

Agrupación Ío

Casa das Ciencias da Coruña

Parque de Santa Margarida s/n 15005

Teléfono : +34 604 05 49 06

Email : info@agrupacionio.com