O próximo venres 6 de marzo no MUNCYT da Coruña, a partir das 17h, a Agrupación Astronómica Ío organiza unha charla a cargo de Fernando Jáuregui, astrofísico do Planetario de Pamplona e presidente de CelFosc, asociación contra a contaminación lumínica que celebrará a súa asemblea anual por primeira vez na Coruña o día seguinte. O título da sesión é Unha iluminación responsábel para vivirmos mellor. Reflexións sobre a iluminación das nosas cidades.
Defínese “contaminación lumínica” como a introdución directa ou indirecta de luz artificial no medio ambiente con intensidades, direccións, horarios e características técnicas innecesarias para o desenvolvemento normal das actividades. O mal uso da luz artificial implica un desperdicio de recursos enerxéticos mais tamén afecta de maneira preocupante aos ecosistemas naturais, incluso a grandes distancias, e pode ter repercusións severas na saúde das persoas. Na sesión do próximo venres Fernando Jáuregui fará unha exposición xeral do problema da contaminación lumínica -en que consiste e as súas consecuencias- mais tamén presentará exemplos concretos de como é posíbel darlle a volta á situación se se pon en práctica unha estratexia diferente de iluminación das nosas vilas e cidades con resultados favorábeis para todos.
A charla expresará ademais a conveniencia dun diálogo clarificador e construtivo entre os profesionais que iluminan as nosas rúas, as administracións públicas que os contratan e os cidadáns, destinatarios finais deste servizo público. A entrada será libre e gratuíta até completar a capacidade do recinto.