Recordemos, para empezar, que a Terra se traslada ao redor do Sol e que ese movemento define o que entendemos por “ano”, eses 365 días e cuarto aos que estamos tan afeitos. O movemento de translación non debuxa un círculo senón unha elipse, pouco achatada, iso si. No punto no que a Terra está máis próxima ao Sol (perihelio) estamos a 147 millóns de km, e cando está máis afastada (afelio), a 152 millóns de km (por termo medio manexamos unha distancia Terra-Sol de 150 millóns de km, que é o que chamamos “unidade astronómica”). A diferenza é pequena e non afecta significativamente ao clima. A Terra pasa polo perihelio a comezos de xaneiro e polo afelio no mes de xullo. Cando estamos máis perto para nós é inverno e cando máis lonxe, verán. Aí xa temos unha proba de que a distancia ao Sol non ten nada que ver coas estacións.
Ademais do movemento de translación, a Terra xira sobre si mesma, rota (e iso produce outra das nosas unidades temporais básicas, o “día”). Se o eixo de xiro (ese eixo imaxinario que atravesaría a Terra de polo a polo) fose exactamente perpendicular ao plano de translación, toda a cara iluminada da Terra recibiría día tras día os raios solares coa mesma inclinación, a mesma cantidade de luz e calor. Non habería variacións entre unhas épocas e outras e polo tanto non teríamos estacións, non habería variacións entre a duración do día e a da noite e sería sempre certo iso que nos aprenderon de pequenos de que o Sol “sae polo leste e se pon polo Oeste” (cousa que no noso planeta real só sucede estritamente dous días ao ano, nos equinoccios).
Mais non é así. A Terra rota sobre si mesma cunha inclinación respecto do plano que contén o seu movemento orbital, o chamado “plano da eclíptica”. O eixo de rotación terrestre está inclinado 23º 27′ respecto do plano da eclíptica, como ben evidencian os “globos terráqueos” que se venden nas tendas, coa esfera suxeita polos polos por un soporte que a mantén lixeiramente tombada, eses 23º reais. Froito desa inclinación, a medida que a Terra se traslada os raios solares chégannos de forma diferente. O ángulo de inclinación non cambia, mais ao moverse a Terra o que si cambia é a parte que está “inclinada cara ao Sol” e a que está inclinada “afastada do Sol” e en consecuencia recibimos os raios solares de forma distinta, unhas veces “máis planos”, máis directos, e outras veces menos. Iso é o que define as estacións.
Agora nós no Norte recibimos a radiación solar de forma máis directa. O Sol culmina alto ao mediodía, a uns 70 graos de altura, e pasa moitas horas no ceo: en Galicia chegan a ser case 15 horas e media as que transcorren entre o amencer e solpor e temos practicamente outra hora máis de luz abundante durante os crepúsculos civís. Para nós entrou o verán; para os veciños do hemisferio Sur, o inverno. Nesta época noite, noite, o que se di noite en termos astronómicos, temos pouca: nos días próximos ao solsticio dende que remata o crepúsculo astronómico vespertino até que comeza o matutino hai escasamente catro horas.
Catro son as horas “boas” para a observación do firmamento nesta altura do ano: a meteoroloxía acompaña (ás veces), mais as noites quedan en nada. Mais é unha oportunidade para gozar coas constelacións típicas desta época, co Cisne, a Lira e a Aguia e o triángulo que forman as súas estrelas máis brillantes, Deneb, Vega e Altair; con Escorpio e Saxitario no sur e co espectáculo fabuloso da Vía Láctea que o 75% dos españois non pode ver no lugar que onde viven por culpa da contaminación luminosa.