O Centro Sociocultural de Friol acollerá o luns 10 de agosto, ás 18.00 horas, unha actividade gratuíta para coñecer mellor este fenómeno astronómico e aprender a observalo con seguridade.
O Concello de Friol, coa colaboración da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, organiza a charla «Prepararnos para a eclipse solar», que será impartida por Carmen Denébola, membro da agrupación. A actividade celebrarase só dous días antes da eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026, un acontecemento astronómico excepcional que poderá seguirse desde Friol.
A sesión pretende ofrecer ao público as ferramentas necesarias para comprender o que sucederá durante a eclipse e preparar a súa observación con tempo. Dun xeito dinámico e próximo, explicaranse cuestións como que é unha eclipse de Sol, por que se produce, como se desenvolverá o fenómeno e cales serán as súas circunstancias concretas en Friol. Tamén se falará de cando e cara a onde haberá que mirar, de como escoller un lugar apropiado e da importancia de contar cun horizonte libre de obstáculos.
A eclipse é, ademais, moito máis que mirar o disco solar. Durante a charla prestarase atención a outros detalles que forman parte da experiencia: os cambios na luz e nas sombras, as transformacións da contorna ou as reaccións das persoas e dos animais. Coñecer previamente estes fenómenos permitirá aproveitar mellor un acontecemento que será breve e no que moitas cousas sucederán case ao mesmo tempo.
Unha parte fundamental da actividade estará dedicada á seguridade. Mirar directamente ao Sol sen a protección adecuada pode causar danos graves na vista, tamén durante unha eclipse. Por este motivo, explicaranse os sistemas que poden empregarse para observar o fenómeno con seguridade, as prácticas que deben evitarse e as posibilidades que ofrecen os métodos de observación indirecta.
A charla combinará as explicacións cun momento práctico no exterior, no que se utilizarán caixas estenopeicas xa montadas e outros materiais levados pola relatora. Haberá tamén espazo para formular preguntas tanto durante a sesión como ao seu remate.
Todas as persoas asistentes recibirán o material dunha caixa estenopeica para montar, coa que poderán proxectar a imaxe do Sol e seguir a eclipse sen miralo directamente. Este recurso forma parte de A Nosa Estrela, a colección de materiais e contidos sobre o Sol desenvolvida pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
A actividade está dirixida ao público xeral. A entrada é libre e de balde, non require inscrición previa e realizarase por orde de chegada ata completar a capacidade do espazo. Para obter máis información, pódese consultar co Concello de Friol.
Data: luns, 10 de agosto de 2026
Hora: 18.00 horas
Lugar: Centro Sociocultural de Friol
Entrada: libre e de balde ata completar a capacidade