ArchivesDiversidade

AMANAR – Actividade astronómica

Actividade de divulgación da astronomía coa rapazada saharauí que pasa o verán en Galicia no marco do programa Vacaciones en Paz. Desta volta citamos as familias de acollida na antiga biblioteca da Casa das Ciencias da Coruña, para presentarlles o panel sobre o Sáhara Occidental e a astronomía saharauí, amosarlles o material de divulgación astronómica para tocar que posúe a agrupación, regalarlles algúns dos nosos materiais divulgativos e convidalos a que fixesen debuxos para fabricar as súas propias chapas. Despois, levámolos ao planetario para gozar dunha sesión en directo no que puideron viaxar virtualmente polo sistema solar e explorar o ceo que se ve dende o Sáhara.

Encontro cultural saharauí-galego

Co gallo do 20 de xuño, Día Mundial das Persoas Refuxiadas, organizamos un encontro cultural saharauí-galego baixo o título “Sáhara Occidental: non des a esquecemento” en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Comunidade Saharauí en Galiza. Arredor do té, como é costume no Sáhara, iranse sucedendo as intervencións da astrofísica Andrea Rodríguez Antón (INCIPIT e Proxecto Amanar), que falará da astronomía cultural saharauí, e de Suado Brahim Salem e Baba Mohamed Lamin Ali (Comunidade Saharauí en Galiza), que nos achegarán a cultura e o modo de vida do pobo saharauí.