O vindeiro mércores 3 de xuño, ás 18:00 horas, a sede de Nova Escola Galega en Santiago de Compostela acollerá a actividade formativa “A eclipse de sol, oportunidades educativas”, unha proposta arredor da observación segura do Sol e do potencial educativo da eclipse solar do 12 de agosto de 2026.

A actividade está organizada por Nova Escola Galega e conta coa colaboración da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Será impartida por Denébola Álvarez-Seoane e desenvolverase na sede de Nova Escola Galega, situada na rúa Luís Freire, 5, baixo, en Santiago de Compostela.

A sesión está dirixida especialmente a profesorado, educadoras e educadores sociais, monitorado de tempo libre e outras persoas interesadas no ámbito educativo. A proposta combinará información astronómica, recursos didácticos e indicacións prácticas para abordar a eclipse coa rapazada, sempre desde unha perspectiva segura, accesible e transferible a distintos contextos educativos. A eclipse solar do 12 de agosto de 2026 será un acontecemento singular en Galicia e unha ocasión privilexiada para achegar a astronomía á cidadanía. Na contorna de Santiago de Compostela, situada preto do límite entre a zona de totalidade e a zona de parcialidade, será especialmente importante preparar con antelación a observación, tanto para comprender o fenómeno como para escoller espazos axeitados, con boa visibilidade cara ao oeste, xa que a eclipse terá lugar cara ao solpor.

Durante a formación traballaranse cuestións como que é unha eclipse solar, cal é a diferenza entre unha eclipse parcial e unha total, como explicar o fenómeno a diferentes idades e que normas básicas deben terse en conta para observar o Sol con seguridade. Tamén se abordará a montaxe dunha cámara estenopeica, un dispositivo sinxelo que permite observar a imaxe proxectada do Sol sen miralo directamente. Se as condicións meteorolóxicas o permiten, a actividade incluirá unha pequena experimentación no exterior para probar a cámara estenopeica e comentar aspectos prácticos relacionados coa orientación, a estabilidade do dispositivo, a calidade da proxección e a elección dun lugar adecuado para a observación.

Máis información: neg@neg.gal

Esta colaboración terá continuidade no mes de xullo cunha segunda proposta dirixida a familias e público infantil, centrada tamén na preparación da eclipse mediante a montaxe dunha cámara estenopeica e a promoción dunha observación solar segura.