A Biblioteca Municipal Durán Loriga desenvolverá entre maio e agosto de 2026 un amplo programa de actividades divulgativas e culturais arredor da eclipse solar prevista para o 12 de agosto, nun ciclo organizado pola rede de Bibliotecas Municipais da Coruña coa colaboración da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.

A iniciativa busca achegar a astronomía a todos os públicos a través dunha programación que combina exposicións, charlas e obradoiros tanto para público infantil como para persoas adultas:
- O ciclo contará con tres exposicións: “CEO E LITERATURA” e “O FIRMAMENTO ANIMADO”, que poderán visitarse entre o 15 de maio e o 30 de xuño, e “ECLIPSE DE SOL”, aberta do 1 de xullo ao 15 de agosto.
- A programación de actividades comezará o sábado 16 de maio coa charla “A sombra da lúa. Ceo e literatura”, impartida por Martín Pawley e dirixida a todos os públicos. O mércores 17 de xuño celebrarase “O firmamento animado”, un conto-obradoiro infantil para nenas e nenos de 3 a 7 anos.
- Xa no mes de xullo, o sábado 4 terá lugar “Preparados para a eclipse”, un obradoiro de elaboración de caixas estenopeicas con sesións diferenciadas para público infantil e para maiores de 8 anos. O ciclo concluirá o venres 10 de xullo coa charla “Eclipse de Sol”, destinada ao público adulto.
Todas as actividades desenvolveranse na Biblioteca Municipal Durán Loriga. As inscricións realizaranse a través da web coruna.gal/bibliotecas nas datas indicadas para cada actividade.

Con esta programación, a Biblioteca Municipal Durán Loriga e a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío queren converter a chegada da eclipse solar de 2026 nunha oportunidade para fomentar a divulgación científica e o interese pola observación do ceo desde unha perspectiva cultural, educativa e participativa.