A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío colabora coa Asociación Cultural Adro de Vilaño nun ciclo de actividades divulgativas arredor da astronomía, dirixidas a público familiar e a persoas interesadas en iniciarse no coñecemento do ceo.

Este programa desenvolverase ao longo da primavera e verán e inclúe propostas variadas que combinan divulgación científica e promoción da astronomía como ferramenta educativa e cultural. A primeira das citas tivo lugar o 26 de abril co contacontos “O firmamento animado”, a cargo de Nuria Fiaño e Carmen Denébola, unha actividade pensada para achegar o universo aos máis pequenos a través da narración. Máis información aquí.

O ciclo continuará o 16 de maio cun obradoiro de planisferios, impartido por Martín Pawley e Genaro López, no que as persoas participantes poderán construír o seu propio mapa do ceo e aprender a utilizalo para recoñecer constelacións e estrelas. Máis información aquí.

O 20 de xuño terá lugar a actividade “Descubrindo o universo: introdución á astronomía”, tamén guiada por Martín Pawley, un curso básico pensado para quen desexe iniciarse na observación astronómica e comprender os principais conceptos desta ciencia. Máis información aquí.

Ademais, xa no mes de agosto, está previsto un obradoiro de cámaras estenopeicas, cuxa información detallada se dará a coñecer proximamente.