Na segunda metade de 2015 foron instaladas varias lámpadas LED en diversos portais da rúa Casanova de Eirís do Castrillón, á altura do futuro polideportivo do barrio, unha zona sobradamente iluminada. A potencia desas novas lámpadas era a todas luces -nunca mellor dito- excesiva, polo que hai unhas semanas, e valéndonos do luxómetro que adquirimos para a agrupación, decidimos tomar medidas de iluminancia na rúa. Os resultados foron abraiantes: acadábanse picos superiores aos 200 lux, propios dun pupitre nunha aula e non dunha rúa na que o obxectivo non é precisamente ler e facer deberes.
Escribímoslles aos técnicos do Concello da Coruña encargados deste tema para expresar a nosa perplexidade ante tal exceso de luz cegadora, que ademais producía, por contraste, áreas de sombra. Ao cabo dun días respondéronos dicindo que ante a nosa mensaxe realizaron eles tamén lecturas luminosas na vía e concordaban que a cantidade de lux en moitas zonas era excesiva e que procedían a trasladar o asunto ao xefe do departamento para tomar medidas a curto prazo. Hoxe mesmo recibimos un novo correo electrónico que dá conta da instalación dun programador para esas luminarias de xeito que funcionen só até as 00:30 e se acendan de novo ás 7:00. Ademais, rebaixouse á metade a potencia en dúas das luminarias, que pasan de 40W a 20W.
Dende aquí agradecemos aos técnicos da área de Urbanismo a súa atención e boa disponibilidade para mellorar a iluminación dunha rúa reducindo consumo e contaminación luminosa sen merma algunha da calidade de vida dos cidadáns. Ese é o camiño. E abofé que hai moito, moito, por facer. Animamos a todas as persoas que nos seguen, sexan ou non socios ou socias da Agrupación Ío, a que nos fagan chegar as súas queixas ou dúbidas sobre a iluminación exterior na cidade.