O próximo xoves 11 de xuño a biblioteca do Fórum Metropolitano acollerá unha charla co título Cinema e astronomía, a cargo de Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. A actividade forma parte do ciclo É o Cosmos, que ten pendente aínda unha sesión máis, o taller para nenos Quero ser astronauta (xoves, 18 de xuño).
Na charla deste xoves exploraremos a pouco coñecida importancia que a astronomía tivo no desenvolvemento do propio cinematógrafo e algunhas das numerosas referencias que a esta ciencia fixo o cinema tanto no campo da ficción coma na non ficción dende as orixes até a actualidade. Da Viaxe a Lúa de Georges Melies á Arbore da Vida de Terrence Malick, dos documentais pioneiros de Max Fleischer e Hanns Walter Kornblum aos traballos experimentais de Jordan Belson, Bill Morrison ou Deborah Stratman, faremos un percorrido pola atención que o cinema prestou ao espazo. A cita, aquí na Terra, o xoves a partir das 19h na Biblioteca do Fórum Metropolitano, con entrada libre.