A bióloga alemá experta en contaminación luminosa Annette Krop-Benesch creou, coa colaboración dos seus fillos Benjamin (10) e Viviane (8), un xogo de mesa que axuda a aprendermos máis sobre este grave problema ambiental. Martin Pawley, coordinador do grupo de traballo sobre contaminación luminosa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, preparou a tradución ao galego do taboleiro de xogo e as instrucións, que xa están dispoñíbeis tamén en inglés, alemán, francés, holandés e portugués, e en breve terán versións en español, catalán, euskera, italiano, hebreo e romanés. Todas as versións poden descargarse en PDF no sitio web do proxecto. Agardamos contar, de cara ao outono, con copias impresas deste xogo.