bibliotecaforum

Unha listaxe de obras dispoñíbeis na biblioteca do Fórum Metropolitano relacionadas coa astronomía. Podes consultar o catálogo online picando nesta ligazón:

Revista ASTRONOMÍA

A publicación de referencia para os afeccionados en España fai en decembro 31 anos de presenza continuada nos quioscos. Vén de recibir un moi merecido Premio Especial do Xurado nos Premios Prismas que outorgan os Museos Científicos Coruñeses. Dende novembro está á túa disposición cada mes na biblioteca do Fórum Metropolitano.

EL UNIVERSO PARA ULISES – Juan Carlos Ortega

Máis coñecido como humorista, Juan Carlos Ortega é tamén unha persoa apaixonada polo coñecemento e un gran divulgador. Este libro é un acto de amor: de amor ao fillo, Ulises, e de amor á astronomía. O que fomos aprendendo co paso dos séculos sobre o universo exposto diante nosa cunha linguaxe clara e con prosa emocionante.

E FIXEMOS A LUZ! – Salvador Bará

Un libro para ler e reler durante anos, tan conciso coma ambicioso. Fala da historia do estudo da luz, un fenómeno que estimulou dende sempre a creatividade humana, e das súas múltiples aplicacións, por exemplo na medicina actual. Por suposto, a astronomía ocupa un lugar preferente: case todo o que sabemos do universo coñecémolo analizando as súas pegadas en forma de radiación. Tamén hai espazo para falar da luz que mancha o ceo, a contaminación luminosa que nos borra a necesaria escuridade da noite.

ASTRONOMÍA PRÁCTICA E OUTRAS COUSAS – Ramón Vilalta

Un clásico na nosa lingua, naceu duns cursos de astronomía para o alumnado de instituto. É un manual de aprendizaxe e consulta indispensábel, en certo sentido un libro de texto, ou máis ben o modelo do que deberían ser os libros de texto nun mundo ideal: obras precisas e fascinantes que evocan a cada páxina que a ciencia en xeral e a astronomía en particular forman parte esencial da nosa cultura.

NOSTALGIA DE LA LUZ – Patricio Guzmán (DVD)

Un filme fermoso e estremecedor que parte da astronomía que se fai nun lugar privilexiado, o deserto de Atacama, para acabar falando da gran ferida de Chile: o golpe de estado de Pinochet e a cruel represión do seu réxime ditatorial. Mirar o ceo é sempre mirar ao pasado. Reflexionar sobre o pasado e a memoria é sempre necesario.

MI PRIMERA GUÍA SOBRE ASTRONOMÍA – Jordi Lopesino

Dirixida aos máis pequenos da casa, é unha ferramenta utilísima para empezar a familiarizarse co ceo sen axuda dos maiores. Que podemos ver cada noite? Que necesitamos para gozar do ceo? Esta é unha guía para aprender a resposta ás primeiras preguntas sobre astronomía.

DESDE EL JARDÍN, LAS ESTRELLAS – Ana Ulla

Se tes máis de 10 anos, este é o teu libro. Unha novela protagonizada por un neno e un lagarto que comparten a paixón de mirar as estrelas. Da man desta parella singular iremos sabendo máis, páxina a páxina, sobre as constelacións, as mulleres astrónomas, os tipos de telescopios… Unha delicia escrita pola astrofísica galega Ana Ulla.

LA PIEL DEL CIELO – Elena Poniatowska

O astrónomo e investigador mexicano Guillermo Haro foi en vida un referente para a ciencia do seu país. A escritora e xornalista Elena Poniatowska, Premio Cervantes en 2013, inspírase en Guillermo (con quen casou en 1968) para construír o memorábel protagonista desta novela e trazar a través del un ambicioso relato sobre a vocación polo coñecemento, o sacrificio do traballo científico e as dificultades para as relacións persoais, co pano de fondo das profundas transformacións do século XX.

EL UNIVERSO EN TU MANO – Christophe Galfard

Físico teórico formado en Cambridge, onde traballou con Stephen Hawking, o francés Christophe Galfard promove unha maneira diferente de divulgar conceptos moi complexos. O seu libro é puro texto, non precisa de fórmulas nin expresións matemáticas, tampouco de esquemas e gráficos, para falarnos do universo nunha viaxe fascinante polo espazo e o tempo. Ás veces, si, unha palabra vale máis ca mil imaxes.

LOS PLANETAS – Dava Sobel

A neoiorquina Dava Sobel fixo das historias da ciencia a base para varios best-sellers e hoxe até pode presumir de que un asteroide leva o seu nome (o 30935 Davasobel). O sistema solar é o obxecto central deste libro, xa un clásico, que por suposto explora a presenza dos planetas na cultura e a mitoloxía ao longo dos séculos.

UNA PEQUEÑA HISTORIA PARA ENTENDER EL UNIVERSO – Hubert Reeves

O astrofísico canadense Hubert Reeves enfróntase a un gran desafío: explicarlle cosmoloxía á súa neta de catorce anos. Algunhas das preguntas que todos nos fixemos algunha vez atopan aquí resposta sinxela en forma de conversa á luz das estrelas.

LAS VIDAS DE GALILEO – Fiami

O autor de banda deseñada Fiami leva anos dedicando moito esforzo á divulgación da ciencia e así xurdiron libros dedicados ás vidas de Einstein, Marie Curie e Galileo. O de Galileo acadou unha gran difusión no marco do Ano Internacional da Astronomía 2009 e en España foi publicado pola Universidade de Santiago de Compostela.

LAS MUJERES DE LA LUNA – Daniel Roberto Altschuler & Fernando J. Ballesteros

1586 cráteres da Lúa, entre os millóns que hai na súa superficie, recibiron nomes que honran a personalidades de todos os tempos. Deses 1586, só 28 corresponden a mulleres, e son as súas biografías as que ocupan as páxinas deste libro. Entre estas 28 (ou quizais 27) mulleres hai científicas -a maioría astrónomas-, divulgadoras e astronautas, e a inmensa maioría delas aínda agarda por un xusto recoñecemento dos seus méritos.