Na Agrupación Astronómica Coruñesa Ío realizamos actividades variadas relacionadas coa astronomía, sempre son de balde, algunhas delas abertas ao públicos e outras só para persoas socias.
As actividades que realizamos varían ao longo do ano, a continuación podes ler os tipos de actividades que realizamos habitualmente. Se queres saber cales son as próximas actividades programadas visita o noso calendario e se queres solicitarnos algunha colaboración visita a sección baixo demanda.
Cursos, conferencias e charlas públicas
Organizamos actividades de divulgación e formación sobre astronomía cun contido variado, dende cursos de iniciación impartidos por socios/as da AAC Ío, ata conferencias impartidas por astrofísicos e enxeñeiros profesionais.
Obradoiros e formación para socios/as
Entre as nosas asociadas e asociados hai persoas que inícianse e outras con máis experiencia, organizamos actividades que sirvan para compartir coñecementos e para a axudar a desenvolver a nosa afición.
Exposicións e materiais didácticos
Co propósito da divulgación, a Agrupación deseña e elabora exposicións e materiais didácticos que permitan achegar a astronomía á cidadanía. Ademais de usalos nas nosas propias actividades, tamén nos gusta cedelos a outras entidades e organismos.
Observacións públicas
Gústanos levar os nosos telescopios aos barrios da cidade, para que toda persoa poida vivir a experiencia de observar a Lúa, os planetas ou o Sol en directo. Ademais, sempre que podemos colaboramos con centros educativos e institucións sociais, levando os nosos telescopios a onde nos pidan para que todo o mundo poda aprender a observar as marabillas do universo.
Saídas de observación
Cando despexa collemos os nosos telescopios e afastámonos das luces da cidade para observar o ceo nas mellores condicións posibles e onde podamos deleitarnos cun manto de miles de estrelas. Guitiriz e A Veiga son dous dos nosos destinos preferidos en Galicia para observar o ceo nocturno.
Excursións, viaxes e festas de estrelas
Organizamos viaxes para membros da Agrupación con destinos astronómicos, xa sexan para observar as estrelas nas mellores condiciones ou por eventos astronómicos como os eclipses de Sol.
Tamén para coñecer sitios relevantes a nivel astronómico como observatorios ou museos científicos e para participar en encontros como o Congreso Estatal de Astronomía que cada bienio rota de sede.
Ademais somos colaboradores habituais de AstroGalicia, AstroTrevinca e CMON as festas astronómicas máis importantes para os afeccionados á astronomía en Galicia.
Grupos de Traballo e Proxectos
Organizámonos en diferentes grupos de traballo en función dos nosos intereses, tanto para gozar, como para seguir aprendendo e contribuír a divulgar a nosa paixón. Por exemplo, temos grupos de contaminación luminosa, de observación, obradoiro infantil (Satélites), para o impulso da muller na astronomía, e de comunicación.
Dentro do noso marco de actuación tamen desenvolvemos proxectos en colaboración con outras entidades (como A Nosa Estrela) ou para participar en eventos (como o Día da Ciencia na Rúa da Coruña ou a Open Science de Cambre).