Documento de traballo (23 abril 2020). Este documento está aberto a discusión coa comunidade global que traballa no campo da contaminación luminosa e noutros sectores afectados. Foi redactado por Sibylle SCHROER (schroer[at]igb-berlin.de), Salva BARÁ (salva.bara[at]usc.gal), Fabio FALCHI (falchi[at]lightpollution.it) e Raul C. LIMA (raul.s.lima[at]gmail.com). Consultar a versión completa (que se irá publicando no blog nas próximas semanas) para unha descrición máis detallada destes principios. Versión en galego de Martin Pawley (cl[at]agrupacionio.com).

Doce principios básicos

1. Achegamento integral

A contaminación luminosa é un problema transversal que atinxe ao medio ambiente, á ergonomía visual, á xestión da enerxía, á saúde pública, ao gasto público, á seguridade e a cuestións culturais e sociais. O marco lexislativo básico sobre contaminación luminosa na Unión Europea debe redactarse tendo en conta este feito e incluíndo todos estes aspectos nas normas fundamentais. Poderán desenvolverse disposicións específicas para un ou máis destes campos en regulamentos de menor nivel.

2. Inter-territorialidade

Os fotóns non coñecen fronteiras. Os efectos da contaminación luminosa chegan a decenas de quilómetros de distancia das súas fontes. Calquera territorio, emita luz ou non, vaise ver afectado polas emisións de fontes contaminantes veciñas. Este efecto acontece dentro dos estados mais tamén a un nivel interestatal na UE, por exemplo nas áreas protexidas en rexións fronteirizas. A contaminación luminosa debe ser discutida a nivel de UE, non só ao nivel dos estados membros. Especial atención debe darse ás áreas máis sensíbeis (por exemplo, as reservas naturais e as zonas protexidas polos seus ceos escuros) que poden verse afectadas por fontes moi afastadas.

3. Indicadores de efectos globais: un enfoque orientado a obxectivos

A lexislación de alto nivel da UE debe establecer explicitamente obxectivos definidos para eliminar de forma efectiva a contaminación luminosa en todos os campos relevantes (por exemplo para conseguir valores desexados do brillo do ceo nas cidades e áreas rurais, asegurar unha escuridade específica ao nivel do chan en áreas protexidas, limitar de forma efectiva os rangos aceptábeis de exposición circadiana etc).

4. Orientación dos obxectivos de eficiencia enerxética e cambio climático

Os obxectivos de eficiencia enerxética da UE (por exemplo a Directiva de Deseño Ecolóxico) promoven os produtos enerxeticamente eficientes para axudar os consumidores e consumidoras a aforrar enerxía e diñeiro. A estratexia de eficiencia enerxética é un achegamento racional e ambicioso, mais os datos de consumo enerxético dos estados membros non suxiren ningún aforro de enerxía e os estudos amosan efectos rebote. Ademais, poñer o foco unicamente na eficiencia enerxética pode incrementar o impacto negativo da luz artificial pola noite sobre o medio ambiente, porque pode empregarse unha iluminación eficiente que emita unha alta proporción de fotóns no rango de maior frecuencia do espectro visíbel (luz azul). Esta parte do espectro, porén, produce maiores efectos non visuais sobre o ritmo circadiano dos vertebrados, ten maior capacidade de atracción dos insectos e pode perturbar as aves en maior medida.

5. Orientación das estratexias de protección ambiental

A contaminación luminosa é contaminación. A luz artificial pola noite é un axente contaminante e debe ser tratado como tal. A radiancia directa procedente das fontes de luz pode producir danos en por si. A luz que se dispersa na atmosfera pode considerarse un tipo particular de contaminación do aire xa que equivale, a todos os efectos, a ter no aire unha maior concentración de partículas exóxenas (os fotóns) da que correspondería a unha atmosfera limpa. Os contaminantes do aire non se reducen necesariamente aos clásicos compostos químicos. A Directiva de Hábitats das Aves, a iniciativa UE para combater o declive dos polinizadores e a Rede Natura 2000 son esforzos de protección ambientalmente ambiciosos que poden verse favorecidos pola lexislación de iluminación, ou dito doutra maneira, poden verse dificultados pola ausencia dunha regulamentación da luz artificial nocturna. Porque, (a) a iluminación artificial pon cada vez máis luz nas áreas protexidas e fragmenta hábitats valiosos para a protección da biodiversidade; (b) afecta directamente aos polinizadores e os seus recursos; (c) as aves migratorias poden distraerse das súas rutas pola contaminación luminosa global e son atraídas pola contaminación luminosa cara a espazos urbanos, fóra do seu hábitat natural; (d) debido á falta de concienciación os sistemas de iluminación non se xestionan hoxe en día dun xeito sustentábel, tanto no aspecto ecolóxico como no económico.

6. Uso mínimo do recurso

Tratarmos a luz artificial pola noite como un axente contaminante implica adoptarmos por defecto un “principio de emisións mínimas”, que pode desenvolverse por medio das estratexias habituais de redución da contaminación, por exemplo fixando límites ás emisións directas (incluídos límites ás emisións totais dun territorio), formación do persoal dos organismos públicos e administrativos e quizais políticas fiscais complementarias. A diferenza da situación actual nalgúns países (onde calquera diminución dos niveis de iluminación ten que ser xustificada de xeito exhaustivo), a opción por defecto debería ser non iluminar. Ao revés, deben ser as instalacións de iluminación as que requiran xustificación específica.

7. Pluralidade de fontes

A lexislación debe abranguer con carácter xeral todas as emisións de luz con efectos sobre o ambiente, non só os sistemas de iluminación pública das rúas senón calquera fonte de luz instalada tanto en terreos públicos como privados, cuxas emisións cheguen ao exterior (incluídas as luces comerciais, industriais e luces exteriores dos fogares). As emisións de sinais e carteis con luz, incluídas as sinalizacións oficiais e de tráfico, deben ser contabilizadas no orzamento de emisións totais, mesmo aínda que a súa instalación e funcionamento estea regulado por normas adicionais específicas.

8. Planificación a longo prazo

O control da contaminación luminosa exixe (ou supón) establecer límites máximos de emisión. A asignación de cotas máximas de emisión de luz ás comunidades locais debe facerse tendo en conta a sustentabilidade ambiental e criterios de solidariedade social, e atender de xeito explícito as diferentes necesidades das comunidades e sectores locais. Este non é un asunto técnico, senón social e político.

9. Responsabilidade institucional

Deben quedar claramente identificados os órganos institucionais responsábeis de facer cumprir os obxectivos de redución da contaminación luminosa a nivel da UE, dos estados membros, das eurorrexións e a escala local. En todos os niveis teñen que poñerse en práctica mecanismos viábeis para asegurar o seu cumprimento.

10. Obriga de corrección activa

A lexislación debe contemplar que se calquera parámetro ambiental de contaminación luminosa excede os valores límite, deberán elaborarse plans claros e definidos de transición e poñelos en práctica para garantir a rectificación satisfactoria nun prazo preestablecido.

11. Seguimento continuo

Igual que sucede cos niveis de contaminación acústica e atmosférica, as variábeis da contaminación luminosa (como o brillo do ceo nocturno ou a irradiancia a nivel do chan) deben considerarse variábeis ambientais relevantes, rexistradas de forma habitual polas axencias públicas encargadas de compilar datos ambientais. Exemplos destas variábeis son o brillo artificial do ceo nocturno, a irradiancia espectral en zonas urbanas e rurais, as emisións de fluxo luminoso e o consumo enerxético real en todos os niveis territoriais relevantes.

12. Transparencia

Os datos de contaminación luminosa deberán ser abertos e accesíbeis ao público e a todas as partes interesadas, como xa acontece coa información meteorolóxica e de calidade do aire. Crearanse consellos representativos en todos os niveis relevantes de decisión, con persoas interesadas pertencentes a diferentes disciplinas, incluíndo como mínimo as disciplinas da cronobioloxía, a saúde pública, a ecoloxía, a tecnoloxía de iluminación e a astronomía.