A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza un curso para aprender a recoñecer as constelacións e identificalas usando un planisferio celeste e os “camiños do ceo”.
Este curso de observación do ceo nocturno a simple vista terá lugar o venres 22 de xuño de 2018 de 19:00h a 21:00h no salón de actos do Centro Cívico Mesoiro (R/ Os Ancares 15, 15190 A Coruña https://goo.gl/maps/AGWsGoMd9Ly).
Imparte o curso Óscar Blanco, socio fundador da Agrupación e astrónomo afeccionado con moita experiencia.
A actividade ten carácter gratuito e prazas limitadas que serán adxudicadas por orde de inscrición.
Inscricións
- Aberto o prazo de inscrición ata o 20 de xuño ou ata completar aforo.
- Confirmación de praza a través de correo electrónico, fíxate poñelo ben ao inscribirte.
- Só se terán en conta as inscricións que cheguen a través do formulario en liña: https://goo.gl/forms/IeWOlX7UN6CVq2th1
Planisferio celeste
Un planisferio celeste representa o aspecto do ceo a calquera hora e día do ano para unha determinada latitude, por exemplo os das fotografías a 40ºN (a latitude de Madrid) e 51,5ºN (a latitude de Greenwich).
Aprendendo a manexar e orientar un planisferio celeste, serviranos como ferramenta de gran axuda para identificar e localizar estrelas, constelacións ou mesmo a Vía Láctea durante unha observación nocturna. Obxectos do ceo que podemos recoñecer a simple vista, sen necesidade de empregar instrumental óptico como prismáticos ou telescopios.
Camiños do ceo
Cando miramos ao ceo nunha noite despexada e lonxe das cidades, podemos ver centos de estrelas, mesmo un par de miles. Ao principio, parece imposible poder recoñecer algunha constelación, pero coa axuda dalgunhas pistas podemos percorrer o ceo nunha cadea de itinerarios que nos permitan localizar unha constelación a partir doutras que xa identificamos.
Os camiños do ceo e os planisferios son como un rueiro dunha vila, o que debemos facer en primeiro lugar é localizar sobre o mapa o lugar onde estamos ou no caso das estrelas á zona do ceo á que estamos a mirar, recoñecer un par de rúas ou constelacións e a partir dese momento xa saberemos orientarnos.
Queres saber máis dos camiños do ceo? Olla este libro de Universe Awareness: http://es.unawe.org/resources/books/caminos_galego/