Illa de San Simón, 4 de xuño de 2016.
Falta pouco para o comezo do verán e nótase ben na duración das noites, camiño da máis breve, a do 20 ao 21, que sinala o inicio da nova estación. O Sol, na constelación de Tauro, saíu pola mañá ás 6:59 e culminou, a 70 graos de altura, ás 14:33. Ocúltase polo horizonte en dirección Oeste-Noroeste ás 22:07, mais, malia non estar á vista, a súa luz inundará o ceo aínda durante media hora máis. É o período que chamamos crepúsculo civil, que remata cando o Sol está 6 graos por debaixo do horizonte, hoxe ás 22:41. Logo desa hora aínda queda luz remanente no ceo. A escuridade non será total até que finalice o crepúsculo astronómico, o momento en que o Sol se sitúa 18 graos por debaixo do horizonte e de verdade empeza o espectáculo para os afeccionados á astronomía –e mellor aínda en noites coma esta sen Lúa–, mais para iso haberá que agardar uns minutos logo da medianoite.
Con todo, nestas primeiras horas xa hai moito e bo por ver. O punto máis brillante do ceo é Xúpiter, a boa altura na constelación de Leo. Sobre o horizonte sueste dous planetas chamarán a nosa atención: Saturno e Marte. Saturno, na constelación de Ofiúco, unha das trece que forman o zodíaco, amosa o seu maior brillo do ano porque entrou onte en oposición: pasa por unha posición diametralmente oposta ao Sol respecto da Terra e en consecuencia está especialmente preto de nós, a “só” 1349 millóns de quilómetros (nove veces a distancia media da Terra ao Sol, a chamada unidade astronómica). A súa luz tarda en chegar a nós 75 minutos: non vemos Saturno en tempo real, senón con 75 minutos de demora.
Marte, na constelación de Libra, estivo en oposición hai pouco, o pasado 22 de maio. O seu brillo irá diminuíndo ao longo do mes, mais aínda é moi grande, próximo ao de Xúpiter, o que fai del o segundo obxecto máis luminoso do ceo nocturno (Venus está en conxunción e non volveremos velo até finais do mes que vén, desta volta como luceiro vespertino). Ademais, é moi recoñecíbel pola súa cor vermella.
Na nosa latitude, unha boa referencia para orientarse polo ceo nocturno é o Carro da Osa Maior. Ao estar na veciñanza da Estrela Polar, a estrela “fixa” ao redor da cal parece xirar toda a bóveda celeste e que en Galicia vemos a media altura, o Carro nunca chega a saír da vista. Permanece no ceo todas as noites do ano e durante toda a noite, vémolo sempre e podemos valernos del para localizar outros asterismos e incluso facer boas estimacións da hora nocturna. Se collemos as estrelas da parte traseira da caixa do Carro, Dubhe e Merak, as unimos cunha liña imaxinaria e a prolongamos cinco veces, chegaremos até un punto illado non especialmente luminoso, a Polar, a estrela que sinala a dirección Norte e non parece moverse en absoluto. En sentido contrario a liña Dubhe-Merak lévanos a Leo, coas estrelas Denébola e Regulus como extremos máis recoñecíbeis. E o cabezallo do Carro apunta a outra estrela brillante, Arcturus, na constelación do Boieiro.
Entre os obxectos que se poden ver a simple vista no ceo nocturno hai algúns de fabricación humana: os satélites artificiais. Cando os satélites reflicten a luz do Sol á Terra déixanse ver coma puntos que se desprazan velozmente e esvaecen de súpeto. Son moitos os satélites visíbeis cada noite e grazas a sitios web coma Heavens Above podemos determinar a súa aparición con precisión absoluta para cada lugar. Pasa o mesmo coa ISS, a Estación Espacial Internacional que acolle os astronautas en misión científica. A ISS é moito maior ca un satélite de comunicacións e o seu brillo é moi superior. Arredor das once a ISS voará sobre a Illa de San Simón; xurdirá baixa polo Oeste-Noroeste e emprenderá camiño ao nordeste pasando polas constelacións do Auriga, Cassiopeia e o Cisne.
A luz artificial tamén contamina
Definimos contaminación luminosa como a alteración da escuridade natural do medio nocturno producida polas emisións artificiais de luz. Son moitas as investigacións científicas que nos últimos anos veñen alertando das graves consecuencias do crecemento desmedido da iluminación artificial da noite:
-A contaminación luminosa afecta ao medio ambiente: altera o crecemento e os ciclos biolóxicos de árbores e plantas, dificulta ou impide os movementos migratorios das aves, provoca graves desequilibrios na fauna nocturna e crepuscular e incluso perturba a vida mariña pola iluminación indiscriminada das praias.
-Supón un sobreconsumo de combustíbeis fósiles, enerxía e recursos naturais. Gastamos moitísimo máis do que precisamos. Entre as sete maiores cidades galegas vanse cada ano 19 millóns de euros só en enerxía para iluminar a noite, unha cifra que sería moi fácil reducir drasticamente sen prexuízo ningún para a cidadanía.
-A exposición á luz artificial durante a noite afecta á saúde humana ao desaxustar o noso reloxo biolóxico e inhibir a secreción de melatonina, que desenvolve unha gran variedade de funcións no organismo.
–Dificulta ou impide a observación do ceo e a investigación astronómica. Ao perder a noite perdemos tamén o inmenso patrimonio cultural asociado ao firmamento nocturno e facemos imposíbel o traballo dos científicos que nos axuda a entender mellor o universo e ademais produce resultados concretos que facilitan a nosa vida cotiá.
Para evitar a contaminación luminosa non é preciso renunciar á iluminación das estradas, vilas e cidades. Trátase unicamente de usar a luz artificial só onde se necesita, só cando se necesita, en cantidade suficiente e non excesiva e co espectro axeitado. A contaminación luminosa é un problema que entre todos podemos resolver!
Irene Baspino e Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío). Podes descargar esta nota coma documento PDF picando aquí (887 KB).
Pingback: Actividades da Agrupación Ío no primeiro semestre de 2016 - Agrupación Ío
Pingback: Actividades da Agrupación Ío no primeiro semestre de 2016 - Agrupación Ío