Illa de San Simón, 6 de xuño de 2015.
Cada tarde, a medida que a luz do Sol vai desaparecendo, comeza devagariño diante nosa a gran festa do ceo estrelado. Nas vilas e cidades este espectáculo está case esquecido por culpa da excesiva iluminación artificial; a emisión de luz en direccións e intensidades inadecuadas para as necesidades humanas -a chamada “contaminación lumínica”- produce unha morea de efectos prexudiciais para o medio ambiente e impídenos, ademais, gozar do firmamento nocturno. Mais aínda que as condicións non sexan as óptimas sempre hai algo que ver no ceo. E o ceo é para todos, para todas as persoas, para todas as idades. Convidámosvos hoxe a erguer a mirada e contemplar a noite da Illa de San Simón.
Xa antes de que o Sol se oculte baixo a liña do horizonte chamarán a atención, cara ao oeste, os planetas Venus -o máis brillante- e Xúpiter. Ao longo do mes de xuño os dous corpos irán aproximándose xornada a xornada até alcanzar o máximo achegamento o último día do mes: daquela a separación entre un e outro será inferior ao grosor de medio dedo co brazo estirado. Cando o ceo estea máis escuro poderemos recoñecer na contorna destes planetas as constelacións que visitan este mes: Venus a dos Xemelgos (os dous puntos máis rechamantes na zona serán as estrelas Castor e Pollux) e Xúpiter, a de Leo. Outro planeta, Saturno, érguese no lado oposto, en dirección leste, na constelación de Libra.
Na nosa latitude unha boa referencia para orientarse polo ceo nocturno é o Carro da Osa Maior. Ao estar na veciñanza da Estrela Polar, a estrela “fixa” ao redor da cal parece xirar toda a bóveda celeste e que en Galicia vemos a media altura, o Carro nunca chega a saír da vista. Permanece no ceo todas as noites do ano e durante toda a noite, vémolo sempre e podemos valernos del para localizar outros asterismos e incluso para facer boas estimacións da hora nocturna. Se collemos as estrelas da parte traseira da caixa do Carro, Dubhe e Merak, as unimos cunha liña imaxinaria e a prolongamos cinco veces, chegaremos até un punto illado non especialmente luminoso, a Polar, a estrela que sinala a dirección Norte e non parece moverse en absoluto. En sentido contrario a liña Dubhe-Merak lévanos a Leo, coas estrelas Denébola e Regulus coma extremos máis recoñecíbeis. E o cabezallo do Carro apunta a outra estrela brillante, Arcturus, na constelación do Boieiro.
Entre os obxectos que se poden ver a simple vista no ceo nocturno hai algúns de fabricación humana: os satélites artificiais. Cando os satélites reflicten a luz do Sol á Terra déixanse ver coma puntos que se desprazan velozmente e esvaecen de súpeto. Son moitos os satélites visíbeis cada noite e grazas a sitios web coma Heavens Above podemos determinar a súa aparición con precisión absoluta para cada lugar. Pasa o mesmo coa ISS, a Estación Espacial Internacional que acolle aos astronautas en misión científica. A ISS é moito maior ca un satélite de comunicacións e o seu brillo é moi superior. Pouco antes das once a ISS voará sobre a Illa de San Simón; xurdirá baixa polo Oeste e emprenderá camiño ao norleste pasando polas constelacións dos Xemelgos, Cefeo, Cassiopeia e o Cisne.
Irene Baspino e Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío)