Estes días de ceos despexados a noite ten un protagonista claro, o planeta Marte. Certo que non é o punto que máis brilla; gaña Xúpiter por un pouco. E o gran campión desa liga luminosa, que adoita ser Venus, tomou un par de meses de descanso: perdémolo de vista por estar demasiado perto do Sol até finais de xullo en que reaparecerá coma luceiro vespertino.
Xúpiter é o primeiro, mais Marte leva agora a medalla de prata. Está brillando moito e iso é así porque hai unhas semanas estivo “en oposición”. Marte xira arredor do Sol nunha órbita exterior á da Terra (ou sexa, nós orbitamos o Sol nunha zona “entre Venus e Marte”). Ao dar Marte a volta haberá un punto no que estea do outro lado do Sol visto dende a Terra, coa Terra, o Sol e Marte en liña e nesa orde e polo tanto con Marte moi lonxe e ademais co seu brillo anulado polo inmensamente maior do Sol. Os astrónomos din entón que Marte está en conxunción.
Igualmente, noutro momento da súa volta Marte estará nunha posición diametralmente oposta, con Marte, a Terra e o Sol aliñados nesa orde. Marte avanza entón polas súas posicións máis próximas á Terra, co cal vémolo singularmente brillante, e ademais recibe a luz do Sol ao longo de toda a noite, co cal témolo moitas horas no ceo, todas as da noite. Dicimos que Marte está en oposición.
Marte estivo en oposición o 22 de maio. E pasou polo punto de maior achegamento á Terra na noite do 30 ao 31 de maio, cando estivo “apenas” a 75 millóns de quilómetros, algo máis de catro minutos-luz. Iso supón que por exemplo hoxe domingo 5 a súa luz tardará en chegarnos catro minutos e doce segundos, isto é, veremos Marte con catro minutos e doce segundos de demora. A luz é incribelmente veloz, mais non é instantánea.
O dito para Marte vale tamén para Saturno, que entrou en oposición o pasado xoves 3 de xuño. Só que Saturno aínda que é moito máis grande tamén está moito máis lonxe: agora sentímolo “perto”, mais “perto” quere dicir 1349 millóns de quilómetros, nove veces a distancia da Terra ao Sol. Setenta e cinco minutos-luz (vémolo tal e como era hai setenta e cinco minutos). Acada o seu máximo brillo anual, parecido ao de estrelas coma Arcturus ou Vega, suficiente como para ser visto incluso nos ceos contaminados das cidades, mais evidentemente inferior ao de Marte. Os dous planetas ocupan rexións próximas do ceo, Marte na constelación de Libra, Saturno na de Ofiúco (si, esa constelación do zodíaco que non sae nos horóscopos). Dende o solpor veremos os dous corpos en dirección sueste e ao longo da noite irán movéndose para desaparecer ao amencer polo sudoeste. Sobre o sur sempre (co norte ás nosas costas) e nunca a moita altura, o cal esixe que teñamos un horizonte un pouco despexado.
A condición errante de Marte, como a dos outros planetas visíbeis a simple vista, é coñecida dende a antigüidade. Pola súa cor vermella, a do sangue, foi asociado con deuses da guerra na civilización grega (Ares) e romana (Marte, presente no mito da fundación de Roma coma pai de Rómulo e Remo) mais tamén na mitoloxía hindú (Mangala). Galileo foi (como non!) o primeiro en observalo por telescopio, en setembro de 1610, mais a precariedade do seu equipo non permitía apreciar detalles da superficie. A mellora das técnicas permitiu un coñecemento maior, na distancia, deste planeta veciño. Durante a oposición de 1877 o italiano Giovanni Schiaparelli observou estruturas lineais en Marte, quizais cursos de auga, aos que denominou “canali” (canais) e así o debuxou nos seus mapas. Logo soubemos que os “canali” eran apenas unha ilusión óptica fácil de resolver con mellores telescopios, mais até entón foron non poucos os obsesionados con Marte, entre eles Percival Lowell, que coa finalidade de estudalo fundou un observatorio que leva o seu nome en Flagstaff, Arizona, en 1894. Deixou as pestanas escrutando durante anos o planeta e escribiu varios libros nos que amosou o seu convencemento profundo (e profundamente equivocado) de que eses “canais” non eran naturais, senón construcións artificiais que probaban a existencia de vida intelixente en Marte. Foron unha morea os astrónomos que discreparon non xa das conclusións de Lowell senón das súas propias observacións, pois nin sequera vían tales marcas, mais as especulacións sen fundamento adoitan difundirse máis rápido cá ciencia e a moderna mitoloxía marciana asentouse definitivamente na cultura popular. Quen non falou algunha vez de marcianos (e non de mercurianos ou venusianos, por exemplo)?
Xusto é dicir que o observatorio de Lowell foi tamén fonte de coñecemento do bo. En 1906 emprendeu outro empeño, a busca do “Planeta X”, un obxecto que debía estar por aí adiante e xustificaría por efectos gravitacionais irregularidades na órbita de Urano. Morreu en 1916 sen ver os froitos da busca, que tardarían aínda catorce anos en chegar. Foi en 1930 cando Clyde Tombaugh descubriu ese planeta “X” ao que se lle deu o nome de Plutón, hoxe etiquetado non coma planeta senón coma planeta anano.
Dos 60 en adiante houbo un bo número de misións non tripuladas a Marte. Na historia están as Mariner 4 (1965) e 9 (1971) da NASA, que orbitaron o planeta e obtiveron boas imaxes; logo as Viking 1 e 2 no 1976 con sondas que pousaron en solo marciano. Máis recente é o éxito dos “rovers” Spirit e Opportunity, deseñados para misións de 90 días solares. Spirit funcionou durante seis anos (entre 2004 e 2010, cando se perderon as comunicacións) e Opportunity segue alí funcionando dende 2004. E dende 2012 tamén pasea por Marte Curiosity, outro rover que nos está proporcionando constantemente fotos marabillosas (e algún que outro “selfie”) dende o seu destino marciano.
Dous obxectos en solo marciano e cinco sondas espaciais máis en órbita: o seguinte paso será ir alá con equipos humanos. O actual administrador da NASA Charlie Bolden deu hai uns meses o ano 2030 coma deadline para vermos individuos da nosa especie sobre o planeta Marte (discurso en PDF, 96 KB). Pode soar a arroutada, mais máis arroutada era anunciar a comezos dos 60 que antes de rematar a década un americano poría os pés na Lúa…