-A conferencia, que se enmarca dentro do ciclo “Coruña científica”, terá lugar o xoves 23 de decembro ás 19:30 no planetario da Casa das Ciencias.
-A entrada é gratuíta por orde de chegada até completar a capacidade do recinto. É obrigatorio o uso de máscara.
A luz que podemos observar cos nosos ollos é só unha pequena parte de toda a luz que existe. Ás máis altas enerxías atopamos os invisíbeis e poderosos raios gamma, tan enerxéticos que só se poden producir nos eventos cósmicos máis violentos: buracos negros supermasivos nos centros de galaxias afastadas, explosións e fusións de estrelas, sistemas binarios onde unha estrela devora a compañeira… O desenvolvemento tecnolóxico dos últimos anos permitiunos estudar estes raios gamma dunha maneira sen precedentes e progresarmos así nunha das máis recentes xanelas no estudo do cosmos: as astropartículas. Este campo achéganos unha visión completamente diferente do Universo e podería ser clave para descifrar grandes misterios da ciencia, como a materia escura. Nesta charla exploraremos o Universo máis enerxético e aprenderemos máis sobre os raios gamma, que información nos dan e como os observaremos co Cherenkov Telescope Array Observatory (CTAO), o primeiro observatorio terrestre de raios gamma que contará con dous conxuntos de telescopios na Palma (España) e o Deserto de Atacama (Chile).
A galega Alba Fernández-Barral estudou Física na Universidade de Santiago e realizou a súa tese de doutoramento na Universitat de Barcelona dentro do grupo de raios gamma do Institut de Física d’Altes Energies (IFAE), en el campus de la Universitat Autònoma de Barcelona (UAB). Traballou como investigadora post-doc na Università di Padova asociada ao Istituto Nazionale di Fisica Nucleare (INFN) e desde finais de 2018 é coordinadora de divulgación e educación do CTAO.