Cremos que non hai barreira que deba impedir gozar dos ceos estrelados, da noite e da cultura e a ciencia asociada, e por iso a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío comeza unha nova vía de traballo coa idea de empregar a divulgación astronómica a favor da igualdade, a diversidade e a inclusión social. Queremos facer un esforzo especial para achegarlle a astronomía ás persoas con diversidade funcional (física, sensorial e psíquica), mais tamén queremos levar a astronomía a calquera colectivo que, polas súas características específicas, non participa habitualmente nas nosas actividades. Tender pontes que axuden a eliminar a brecha de accesibilidade que dificulta o acceso á cultura científica das persoas inmigrantes, das persoas en risco de exclusión social, das persoas en reclusión.

O primeiro paso deste proxecto será contactar co maior número de entidades da Coruña dedicadas á diversidade funcional e a inclusión, para dármonos a coñecer como agrupación astronómica e buscar sinerxías en favor da cultura científica. Dispoñemos xa dun correo electrónico específico, que desde hoxe está aberto a recibir propostas de entidades e asociacións: diversidade@agrupacionio.com. Podedes empregalo sempre que o necesitedes, e difundilo entre aquelas persoas que teñan interese en desenvolver accións connosco. E mañá mesmo faremos xa unha actividade nesta liña, unha observación que agardamos sexa a primeira de moitas.