A paisaxe celeste das próximas semanas ten uns indiscutíbeis actores principais: os planetas. Os cinco compañeiros da Terra na súa viaxe arredor do Sol que podemos recoñecer a ollo nu fan acto de presenza ao longo da noite en condicións óptimas para a súa visión, unha escusa perfecta para erguer a nosa ollada por riba da contaminación ornamental tan frecuente nestas datas.

O ceo da Coruña o 24 de decembro ás 20:00.

Xa dende o solpor chama inevitabelmente a atención o inmenso brillo de Venus con magnitude por debaixo de -4 na constelación de Capricornio (recordemos que o brillo dos corpos celestes é máis alto canto máis pequeno sexa o número que indica a súa magnitude). Ao longo das próximas semanas irá desprazándose cara á constelación do Augadeiro, onde atopamos, cunha aparencia ben máis discreta, a Saturno. Venus e Saturno irán achegando as súas posicións devagariño para entrar en conxunción na terceira semana de 2025.

Xúpiter pasou hai uns días pola oposición, que é cando acada o maior brillo anual e se mantén visíbel toda a noite. As condicións para a súa observación seguen sendo, pois, moi boas, e o localizamos ademais nunha zona privilexiada, entre os cornos do Touro e a pouca distancia de Aldebaran, un dos seis vértices do chamado “hexágono do inverno” que completan Capella, no Auriga, Pollux (ou Castor) nos Xemelgos, Procyon no Can Menor, Sirius no Can Maior e Rigel en Orión. E dentro dese hexágono, Betelgeuse, unha superxigante vermella camiño da súa explosiva morte. Gústame sempre recordar que Rigel e Betelgeuse, por pertenceren ao reducido grupo das estrelas máis grandes, teñen vidas breves, duns cantos millóns de anos, fronte aos miles de millóns de anos dunha estrela mediana ou os billóns dunha anana vermella. As dúas estrelas máis brillantes de Orión non existían cando apareceron na Terra os primeiros grandes simios.

O ceo da Coruña o 25 de decembro á 1:30 a.m.

Na contorna do hexágono, na constelación do Cangrexo, brilla a “roxa estrela” coa que naceu Rosalía de Castro segundo escribiu nun dos seus poemas, o planeta Marte. Marte estará en oposición arredor do 16 de xaneiro, así que día a día irá medrando a súa luminosidade e pasará máis tempo no ceo. Para vermos o último planeta, Mercurio, hai que agardar ao final da noite. Os últimos días de 2024 achegan unha oportunidade espléndida para velo, cun brillo notábel (magnitude -0,4) e coa máxima separación respecto do Sol, feito que amplía a xanela de tempo para a súa observación. A esas horas xa colleu altura suficiente sobre o horizonte a constelación do Serpentario, cuxa estrela Marfik serve de referencia para localizarmos con binoculares a estrela Rosalíadecastro.

Horizonte sueste da Coruña o 25 de decembro ás 8:00 a.m.

Dentro da súa colección de materiais didácticos, a Agrupación Ío vén de editar un moníptico dedicado aos planetas do sistema solar. O moníptico presenta os oito planetas a escala de tamaño, de xeito que se recoñecen visualmente de maneira realista as súas dimensións relativas. No reverso sitúanse sobre unha liña de acordo coa súa distancia, tamén a escala, respecto do Sol. Para cada planeta indícanse, ademais, diferentes datos: a súa distancia media ao Sol, a súa masa, o diámetro ecuatorial, os seus períodos de rotación e translación e o número de satélites coñecidos que posúen. O moníptico sobre planetas (canda outros nosos, como o da estrela Rosalíadecastro ou o que fala sobre contaminación luminosa) está a disposición do público no planetario da Casa das Ciencias e na rede de bibliotecas municipais da Coruña (Fórum, Ágora, Castrillón, Sagrada Familia, Rosales, Durán Loriga, Estudos Locais, Monte Alto e punto de servizo de Mesoiro), así como no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e na Casa de Rosalía en Padrón.