Boletín IAU de divulgación da astronomía

Xaneiro #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) A XXXI Asemblea Xeral da Unión Astronómica Internacional
2) Únete á celebración “Mulleres e Nenas na astronomía”
3) Telescopios para Todas as Persoas 2022
4) Concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos
5) Coñece o persoal da IAU!
6) Únete á celebración das 100 Horas de Astronomía
7) Envía o teu resumo a CAPjournal
8) Premios Astronomy@Home 2022
9) Actividades destacadas
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribúe ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

En 2022 a nosa oficina, a Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU, celebrará o seu décimo aniversario. O éxito das iniciativas de divulgación da IAU non sería posíbel sen o apoio e os fortes esforzos da comunidade astronómica de todo o mundo. É por iso que o noso décimo aniversario estará dedicado a celebrarVOS: a nosa comunidade de profesionais da divulgación da astronomía, docentes que estades facendo da astronomía unha ciencia máis accesíbel para todo o mundo.

En 2022 continuarán as iniciativas principais de divulgación da IAU e nos próximos meses abriremos solicitudes para o programa Telescopios para Todas as Persoas, unha parzaría con Sterren Schitteren Voor Iedereen (SSVI, Stars Shine for Everyone), que envía telescopios a grupos ou individuos para achegar a astronomía a grupos desatendidos.

Tamén nos emociona continuar co noso programa: Coñece ao persoal da IAU!, que permite a profesorado e a grupos de astronomía amadora acoller un astrónomo ou astrónoma da IAU para presentacións e reunións. Considerade acoller a estes membros da IAU entusiasmados de falar con diferentes grupos sobre astronomía.

A programación en curso contará con eventos específicos ao longo do ano. O primeiro destes eventos celebrará as Mulleres e Nenas na Astronomía. Desde o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, até o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, levaremos a cabo programas para recoñecer o papel das mulleres no avance da ciencia e animar as nenas a considerar carreira na astronomía. A nosa oficina a nivel internacional e as coordinacións nacionais de divulgación realizarán eventos e campañas en liña durante ese período.

Tamén compartiremos a importancia dos ceos escuros e tranquilos ao redor do Día Internacional da Luz da UNESCO o 16 de maio, no que pretendemos promover o pensamento científico e concienciar sobre a importancia do ceo escuro para todo o mundo.

Prestade atención aos nosos medios para obter máis información sobre os programas especiais previstos para 2022, seguídenos nas nosas contas de Twitter e Facebook ou poñédevos en contacto connosco a través de public@oao,iau.org.

O noso equipo quere desexarvos un bo ano novo! Agardamos seguir convosco a nosa viaxe.

Lina Canas e Suzana Filipecki Martins, en nome do equipo da Oficina de Divulgación para a Astronomía da IAU

1) A XXXI Asemblea Xeral da Unión Astronómica Internacional

A XXXI Asemblea Xeral da Unión Astronómica Internacional (IAUGA 2022) terá lugar entre o 2 e o 11 de agosto de 2022 en Busan, República de Corea, de xeito híbrido: presencial e en liña. Organizada polo Comité Organizador Nacional da IAUGA 2022 e acollida pola Sociedade Astronómica Coreana e o Instituto Coreano de Astronomía e Ciencia Espacial, a IAUGA 2022 leva o tema “Astronomía para Todo o Mundo”.

O rexistro anticipado, os envíos de resumos (incluídos para e-Poster e e-Talk), as solicitudes de bolsas da IAU e as solicitudes de bolsas KAS xa están abertas até o 28 de febreiro.

Para máis información: http://www.iauga2022.org/

2) Únete á celebración “Mulleres e Nenas na Astronomía”

O proxecto Mulleres e Nenas na Astronomía recoñece o papel das mulleres no avance da ciencia e anima as nenas a considerar carreira na astronomía. Desde o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o 11 de febreiro até o Día Internacional da Muller o 8 de marzo de 2022, a OAO compartirá entrevistas con mulleres inspiradoras, así como diversas campañas en liña. A comunidade de divulgación astronómica de todo o mundo acollerá eventos e convídavos a que vos unades. Comparte os teus eventos no calendario de eventos de divulgación global da IAU.

Máis información: https://www.iau.org/public/women-and-girls-in-astronomy/

3) Telescopios para Todas as Persoas 2022

En 2022, a OAO volverá asociarse co proxecto belga Sterren Schitteren Voor Iedereen (Stars Shine for Everyone — SSVI), Bresser e a Universidade de Leiden para distribuír 15 telescopios a comunidades desatendidas de todo o mundo. Os telescopios están asinados por astronautas, premios Nobel, comunicadoras e comunicadores astronómicos e científicas e científicos con funcións inspiradoras nas súas comunidades. A OAO acolle con satisfacción propostas de proxectos que amplíen os horizontes de crianzas, pais, nais e persoal docente, espertando o interese pola ciencia e concienciando sobre a igualdade de oportunidades para realizar unha carreira na astronomía. As solicitudes abriranse nas próximas semanas e o prazo remata o 1 de xuño de 2022.

Máis información sobre edicións pasadas: https://www.iau.org/public/telescopecollaboration/

4) Sensibilización sobre os ceos escuros e tranquilos

“Citizen Science: Globe at Night”

O proxecto Globe at Night convida as e os científicos cidadáns a enviar observacións de constelacións designadas para rastrexar os efectos da contaminación luminosa en todo o globo. Tamén é un dos proxectos que a Oficina de Divulgación para a Astronomía da IAU avala a través do noso proxecto Ceos escuros e tranquilos. En 2021, o proxecto recibiu case 25.500 observacións. Do 24 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2022, Globe at Night recollerá unha chea de datos sobre Orión.

Máis información: https://www.globeatnight.org/

Globe at Night – Sky Brightness Monitoring Network (GaN-MN)

O proxecto “Globe at Night – Sky Brightness Monitoring Network” (GaN-MN) é un proxecto especial similar ao Globe at Night, pero que se amplía para configurar unha rede global de monitorización do brillo do ceo nocturno utilizando o medidor SQM-LE de Unihedron dispoñíbel comercialmente para o seguemento a longo prazo. As persoas socias do GaN-MN elaboraron unha serie de vídeos para que o público presente o seu traballo de seguemento do impacto da contaminación luminosa.

Podes ver o vídeo aquí: https://www.youtube.com/playlist?list=PLVMMmS6vmh62g6kxcpJOgutTNfarBCKRN

Convértete nun embaixador/a de Dark Skies

O programa de embaixadores e embaixadoras do ceo escuro da IAU convida a entusiastas de todo o mundo a defender os ceos escuros. As e os embaixadores organizan proxectos e eventos nas súas comunidades para promover localmente os ceos escuros. Unirse ao programa permite formar parte dun ambiente de apoio entre compañeiras e compañeiros e proporciona visibilidade internacional dos teus esforzos. O proxecto acolle a persoas ou organizacións que estean interesadas en promover a protección do ceo escuro e que organizaran polo menos unha actividade relacionada co ceo escuro.

Máis información sobre as e os embaixadores de Dark Skies da IAU aquí: http://www.darkskies4all.org/ambassador/

5) Coñece o persoal da IAU!

O programa Coñece o persoal da IAU! tece unha rede de astrónomos e astrónomas membros da IAU interesadas en falar co público sobre astronomía. O profesorado, as persoas que fan educación non formal ou lideran grupos de astronomía amadora e outras organizacións de aprendizaxe informal poden solicitar unha charla dun astrónomo ou astrónoma membro da IAU para que falen do seu campo específico de interese, das súas carreiras e da importancia do pensamento científico. Pódense realizar de forma virtual ou presencial se hai persoal dispoñíbel (e se o permiten as restricións da COVID). A OAO convida a todo o persoal astrónomo a que se rexistre e participe no programa.

Máis información: https://www.iau.org/public/meettheiauastronomers/

6) Únete á celebración das 100 Horas de Astronomía

En 2022, a OAO continuará coa celebración de 100 Horas de Astronomía. O programa, que terá lugar do 1 ao 4 de outubro baixo o lema “Astronomía para Todo o Mundo”, estará composto por unha ampla gama de actividades e eventos de divulgación astronómica. A OAO anima a calquera grupo interesado na astronomía a unirse para que o maior número posíbel de persoas, desde crianzas até persoas maiores, se impliquen co ceo e adquiran unha comprensión básica da nosa contorna astronómica. En breve haberá actualizacións sobre o programa de 2022.

7) Envía o teu resumo a CAPjournal

O CAPjournal é unha revista gratuíta revisada por pares para comunicadores e comunicadoras de astronomía que funciona como unha ponte entre a comunidade científica astronómica e a sociedade, dando visibilidade ás historias de éxito científico e apoiando a educación científica tanto formal como informal. A revista acepta envíos de resumos de forma continuada e convida a todo o mundo a enviar boas prácticas, investigacións, solicitudes, anuncios, entrevistas, columnas ou recursos. Tes interese en unirte ao grupo de persoas implicadas no proceso de revisión? Ponte en contacto coa OAO para participar na revisión por pares de CAPjournal.

Máis información: https://www.capjournal.org/

8) Premios Astronomy@Home 2022

Mentres a pandemia de COVID-19 segue perturbando as nosas vidas, hai profesionais da astronomía que perseveran na súa dedicación para achegar as marabillas do ceo ás familias, ao estudantado e ao público en xeral. En recoñecemento ao seu esforzo incríbel e inspirador, a OAO organizará a segunda edición dos Premios Astronomy@Home. O premio ten como obxectivo animar a profesionais de divulgación, docentes, astrónomos e astrónomas profesionais e afeccionados e entusiastas da astronomía a desenvolveren e participaren en actividades de astronomía en liña. Animamos a persoas de todos os ámbitos e niveis de experiencia a organizaren eventos en liña, utilizando a astronomía como unha ferramenta atractiva para conectarse en liña coas súas comunidades. As solicitudes estarán abertas de abril a outubro, segue a OAO nas redes sociais e por aquí para o lanzamento dos Premios Astronomy@Home 2022.

9) Calendario global de eventos de divulgación da IAU

O calendario global de eventos de divulgación da IAU pon o foco en actividades astronómicas a nivel local ou internacional a través da listaxe xerada pola comunidade. A OAO convida a comunidade da divulgación astronómica a enviar os seus eventos a través deste formulario. A OAO ademais acepta con gusto comentarios sobre o calendario e espera seguir mellorando o proceso. Non dubidedes en compartir calquera idea ou queixa co equipo OAO (public@oao.iau.org).

Ligazón ao calendario: https://www.iau.org/public/oao-events/

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado): https://sdas.wh.sdu.edu.cn/info/1657/1261.htm
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.