Boletín IAU de divulgación da astronomía
Setembro #1
Neste boletín:
Nota editorial
Asunto destacado: anuncio das 100 horas de astronomía
1) Concurso NameExoWorlds 2022
2) OAD permanecerá en Sudáfrica até 2027
3) A medida que os incendios forestais son máis extremos, os observatorios corren un maior risco
4) Enquisa Europlanet sobre recursos educativos [Contido en varios idiomas]
5) Enquisa sobre actividades extraescolares sobre o espazo despois da COVID-19
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
Nota editorial
Prezadas amigas, amigos e colegas,
Énchenos de orgullo anunciar outra celebración do décimo aniversario da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía: o noso evento de divulgación astronómica continua máis longo do ano, 100 Horas de Astronomía. Baixo o noso lema, “astronomía para todas as persoas”, pretendemos involucrar comunidades de todo o mundo nas marabillas do Universo. O asunto destacado deste boletín describe como podes participar.
Podes unirte a outro proxecto noso en curso, NameExoWorlds. Forma un equipo para competir pola oportunidade de nomear un exoplaneta e a súa estrela anfitrioa. De feito, podes xuntar tres dos programas máis interesantes da OAO. Por exemplo, como parte da túa participación no certame NameExoWorlds 2022, podes organizar unha conferencia sobre exoplanetas no marco da iniciativa “Meet the IAU Astronomers”. Se o teu evento ten lugar entre os días 1 e 4 de outubro de 2022, podes rexistralo como parte das 100 Horas de Astronomía para ter a oportunidade de nomear un exoplaneta e gañar un telescopio ou outros premios, ademais de recibir o apoio da OAO e a Coordinación Nacional de Divulgación da IAU. Hai numerosas oportunidades no marco dos programas da OAO.
Queremos mandar unha calorosa felicitación á nosa familia na Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento, que continuará o seu incríbel traballo en Sudáfrica até 2027.
Neste boletín tamén atoparás varios debates (e oportunidades para debater) sobre a astronomía e a comunicación astronómica no contexto dos fenómenos globais. Desde o cambio climático até o COVID-19, é interesante considerar como esta renovada perspectiva global cambiou a forma en que miramos a comunicación e a educación astronómica.
Como sempre, queremos darlles as grazas aos equipos das Coordinacións Nacionais de Divulgación, que, para alén das súas outras responsabilidades, atopan tempo para envolver as súas comunidades con actividades astronómicas sorprendentes. Máis abaixo damos conta dalgunhas das súas novas máis destacadas.
Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,
Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
Asunto destacado: anuncio das 100 horas de astronomía
Do 1 ao 4 de outubro de 2022, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía convoca 100 horas seguidas de celebración mundial da astronomía. A OAO convida a todas as persoas en todo o mundo a participar no evento, que ten como obxectivo involucrar o maior número posíbel de participantes no ceo e nas marabillas do noso Universo.
Este ano o programa inspírase no lema da OAO, “Astronomía para todas as persoas”. Celebrará o décimo aniversario da OAO invitando a toda a xente, en particular membros da comunidade astronómica profesional ou amadora, docentes, profesionais da divulgación e entusiastas da astronomía, a unirse para facer máis inclusiva a astronomía en todo o mundo.
15 dos eventos que mellor involucren as súas comunidades gañarán un telescopio, como iniciativa especial do programa “Telescopios para todas as persoas”. Os telescopios foron amabelmente doados por entidades parceiras da OAO: Sterren Schitteren Voor Iedereen, a Universidade de Leiden e BRESSER. Os primeiros 100 eventos rexistrados nas “100 Horas de Astronomía” recibirán agasallos da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía, incluídas versións impresas da revista Comunicar Astronomía co Público. Para que o teu evento sexa elixíbel, comunícao á listaxe de eventos de divulgación da IAU a través deste formulario antes do 31 de setembro de 2022 ás 23:59 da túa hora local e desenvolve o evento durante as 100 horas de astronomía (1-4 de outubro, hora local). Podes atopar máis información sobre o concurso aquí.
Cando difundas o teu evento nas redes sociais, asegúrate de usar #100HoursOfAstronomy e #IAUoutreach para que a OAO tamén axude a promover a túa actividade.
Para obter máis información, consulta o anuncio aquí.
1) Concurso NameExoWorlds 2022
Para celebrar o décimo aniversario da súa Oficina de Divulgación Astronómica (OAO), a Unión Astronómica Internacional (IAU) lanzou un concurso para nomear 20 sistemas exoplanetarios que serán observados polo telescopio espacial James Webb. A competición, NameExoWorlds 2022, busca reunir tanto a profesionais da astronomía como ao público en xeral, dándolles a oportunidade de nomear os 20 exoplanetas seleccionados xunto coas súas estrelas anfitrioas. Podes ler máis información aquí.
2) OAD permanecerá en Sudáfrica até 2027
A Unión Astronómica Internacional (IAU) e a Fundación Nacional de Investigación de Sudáfrica (NRF) asinaron un acordo para seguir acollendo a Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) en Sudáfrica até 2027.
A OAD estivo aloxada en Sudáfrica desde que foi lanzada oficialmente en 2011. O ano pasado encargouse unha revisión independente da oficina. A revisión externa considerou que o rendemento da OAD é “sobresaliente baixo calquera punto de vista, e excepcional dado o pequeno tamaño do equipo principal, a súa misión global e os seus recursos relativamente modestos”.
Para saber máis, consulta aquí o anuncio da IAU.
3) A medida que os incendios forestais son máis extremos, os observatorios corren un maior risco
“Moitas veces a xente se sorprende ao escoitar que a comunidade astronómica está implicada no problema climático, porque ao principio pode parecer que non hai moita relación”, di Rector. “Mais a física do cambio climático é esencialmente a mesma física que usamos para estudar as atmosferas dos planetas, das nebulosas gasosas da nosa galaxia e máis aló”. A astronomía tamén nos fai entender o raro que é que un planeta sexa habitábel, porque hai moitos exemplos de “Terras fracasadas”, di. “De verdade, en efecto, non hai ningún outro lugar”.
Podes ler a historia completa aquí.
4) Enquisa Europlanet sobre recursos educativos [Contido en varios idiomas]
Nos últimos anos, os equipos de educación e divulgación do proxecto Europlanet 2024 Research Infrastructure (RI), o grupo de traballo de divulgación da Europlanet Society e a rede Europlanet Early Careers (EPEC) desenvolveron unha serie de recursos para apoiar o ensino das materias de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas (CTEAM). Entre eles, crearon aulas de ciencia planetaria e astrobioloxía listas para usar e actividades prácticas asociadas.
Agora buscan aproveitar a experiencia de profesionais da docencia, a educación e a divulgación da ciencia para comprender como mellorar os recursos máis recentes que desenvolveron. Europlanet pretende ofrecer recursos máis adaptábeis e fáciles de usar adaptados ás necesidades da comunidade. Tamén queren comprender os vosos intereses, o uso dos recursos de ciencia planetaria e se/como cambiaron as vosas necesidades e prácticas desde a pandemia de Covid-19. Podes responder a enquisa (dispoñíbel en 8 idiomas) aquí.
5) Enquisa sobre actividades extraescolares relacionadas co espazo despois da COVID-19
Un equipo da Federación Internacional de Astronáutica – Comité de Educación e Divulgación Espacial e do Consello Consultivo Xeración Espacial desenvolveron unha enquisa para analizar como, despois da COVID-19, poden apoiar mellor os sistemas educativos de todo o mundo mediante a colaboración co profesorado e desenvolver novas actividades espaciais que fomenten a creatividade e a imaxinación do alumnado. Para participar nesta enquisa e medir o impacto das actividades educativas espaciais realizadas na túa institución como parte dos plans estratéxicos de recuperación post-COVID-19, fai clic aquí.
6) Novas NOC
a) NOC Bahrein
A NOC de Bahrein, Myriam Alqassab, vén de concluír un campamento de verán durante o cal vinte estudantes de diversas procedencias e nacionalidades gozaron de actividades e sesións de formación relacionadas coa astronomía. Podes ver aquí un vídeo resumo do campamento.
b) NOC Bangladesh
O NOC de Bangladesh, Farseem Mohammedy, elaborou un folleto dos seus últimos proxectos e actividades. Tes máis información aquí.
Ademais, o equipo NOC de Bangladesh creou unha nova rede de tradución voluntaria formada por estudantes de ensino secundario e de grao. O seu primeiro proxecto foi traducir a imaxe astronómica do día á súa lingua nativa, o bengalí. Podes atopar o seu incríbel traballo aquí.
c) NOC Haití
Rulx Narcisse, que forma parte do equipo NOC Haití, impartiu dúas charlas para o público en xeral, incluíndo como pensan participar na competición NameExoWorlds 2022. Podes saber máis sobre isto no seu sitio web.
Outro membro do equipo NOC Haití, John Masken Larose, subiu un novo vídeo á súa serie de astronomía en crioulo haitiano. Podes velo aquí.
d) NOC Exipto
Membros do equipo NOC Exipto, xunto con profesionais do Instituto Nacional de Investigación de Astronomía e Xeofísica de Exipto, lideran un proxecto para observar e documentar a ortogonalidade do Sol no Santo dos Santos do Templo de Hibis o 6 de setembro. Este fenómeno foi documentado por primeira vez en película. Podes velo aquí.
e) NOC Etiopía
Kirubel Menberu, do equipo NOC de Etiopía, axudou a Sociedade Etíope de Ciencia Espacial a realizar a súa formación anual de verán sobre o espazo. O programa, que durou unha semana, incluíu cursos breves de iniciación en Métodos Científicos, Astronomía Observacional, Tecnoloxía de Satélites e Enxeñaría Aeroespacial para estudantes de secundaria. Até o momento, máis de 400 estudantes participaron nesta formación.
f) NOC Kuwait
Khaled Al-jaaman, o noso NOC en Kuwait, volveu asociarse co Centro Cultural Sheikh Abdullah Al Salem para levar as crianzas locais a unha aventura intergaláctica, da Vía Láctea á Galaxia de Andrómeda e aínda máis aló, até as primeiras imaxes do telescopio espacial James Webb.
7) Oportunidades
a) Curso en liña de Comunicación Científica para o Impacto Social
Este curso, organizado por Network for Advancing and Evaluating the Social Impact of Science, desenvolverase en liña este mes de outubro, do 4 ao 7. Organizado para audiencias do continente africano e do sur global, o curso explorará estratexias, prácticas e marcos de comunicación científica que poden axudar a que a ciencia teña máis impacto e sexa valiosa para a sociedade e que así os problemas sociais prementes poidan tratarse de forma máis eficaz. Para rexistrarte, fai clic aquí.
8) Recursos interesantes
a) Grandes Ideas de la Astronomía [Contido en castelán]
O libro “Grandes ideas en astronomía” da Oficina de Educación en Astronomía xa está dispoñíbel en castelán. Podes descargar este recurso de balde aquí.
b) Serie de seminarios web do International Science Council sobre comunicación científica [Contido en inglés]
A principios deste ano, o ISC realizou unha serie de cinco seminarios web sobre comunicación científica, que van desde os medios sociais até a comunicación científica en colaboracións multiinstitucionais. Podes atopar todos estes seminarios web neste sitio web.
c) Gravación da conferencia Global Hands-On Universe 2022 [Contido en inglés]
Global Hands-On Universe (GHOU) é unha organización sen ánimo de lucro dedicada a achegar ferramentas e recursos CTEM ás investigacións astronómicas para estudantes e docentes de todo o mundo. Hai pouco celebraron en liña unha conferencia, que sinalaba o seu 25 aniversario. Podes atopar a gravación aquí.
d) Perspectivas cósmicas: Astronomía holandesa na sociedade [Contido en inglés]
Este é un podcast que explora o impacto beneficioso da astronomía holandesa na sociedade, desde a construción de relacións internacionais positivas até a transferencia de tecnoloxía que cambia a vida. Podes unirte ao anfitrión, o comunicador científico Callum Griffiths, mentres desvela algúns dos maiores esforzos astronómicos das últimas décadas para descubrir novas perspectivas. Este podcast dun único episodio está dispoñíbel en todas as plataformas principais de podcasts e a través de Anchor.fm.
e) TransAstronautica e Slooh ofrecen acceso a telescopios para as escolas dos Estados Unidos [Contido en inglés]
TransAstronautica asociouse coa plataforma de astronomía en liña Slooh para que as escolas estadounidenses accedan a unha rede global de telescopios terrestres e espaciais para a caza de asteroides. Podes facer clic aquí para obter máis información. Para obter máis información sobre o seu programa de subvencións (para escolas estadounidenses), consulta esta ligazón. E fai clic aquí para reclamar a túa conta gratuíta de profesor (sen importar o país).
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.
Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.
Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.
10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU
Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.