Boletín IAU de divulgación da astronomía
Setembro #1
Neste boletín:
0) Nota editorial
1) Posto de traballo na IAU: subdirección da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
2) Convocatoria de propostas “Under One Sky”
3) Anunciadas as imaxes gañadoras do Concurso de Astrofotografía da IAU OAE
4) Rematan as sesións de traballo da XXXI Asemblea Xeral
5) O responsábel de prensa da IAU, Lars Lindberg Christensen, recibe o premio Klumpke-Roberts 2021
6) Novas NOC: Colombia e República Dominicana
7) Concurso “Catch a Star” 2022
8) Segundo Obradoiro sobre Astronomía Máis Alá dos Sentidos Comúns para a Accesibilidade e a Inclusión
9) Actividades destacadas
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
0) Nota editorial
Prezados amigos, amigas e colegas,
Alégranos moito anunciar o lanzamento da convocatoria de propostas “Under One Sky” (Baixo un mesmo ceo) grazas ao apoio do Observatorio de Leiden e ao Premio de Comunicación NWO 2020. Esta convocatoria pretende apoiar proxectos ao abeiro do Día Internacional dos Pobos Indíxenas que conmemora Nacións Unidas e terá a súa próxima edición o 9 de agosto de 2022. Os proxectos deben utilizar a astronomía cultural, a divulgación e a comunicación da astronomía para poñer en valor o coñecemento dos pobos orixinarios e respectar os sistemas de aprendizaxe indíxenas cun enfoque da educación destes pobos baseado nos dereitos. A convocatoria está aberta a todo o mundo e valoraranse en especial os proxectos liderados por comunidades indíxenas.
No último número anunciamos o lanzamento do Proxecto Global de Divulgación da IAU “100 horas de astronomía” de 2021. Queremos darlles as grazas a todas as persoas que xa enviaron actividades e eventos ao noso calendario IAU de eventos de divulgación. Xa temos case 100 actividades rexistradas entre o 1 e o 4 de outubro (estas actividades recibirán agasallos da OAO, incluídas edicións en papel do CAPjournal).
Neste número, queremos felicitar ás persoas gañadoras do concurso de astrofotografía da Oficina IAU de Astronomía para a Educación e o responsábel de prensa da IAU, Lars Lindberg Christensen, gañador do premio Klumpke-Roberts 2021. Tamén queremos animarvos a presentar candidaturas á nosa praza de subdirección e que vos unades ao noso equipo en Toquio.
Por último, mais non menos importante, unhas palabras de agradecemento aos nosos coordinadores e coordinadoras de divulgación nacional que, de xeito continuo, comparten con nós iniciativas de divulgación da astronomía, de captación de público e de comunicación nas súas rexións e comunidades. Moitas grazas, os vosos esforzos son unha inspiración para nós e para a comunidade global.
Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,
Lina Canas, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
1) Posto de traballo na IAU: subdirección da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
A Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía abriu o procedemento para contratar unha persoa para o posto de subdirección. Se che entusiasma a divulgación da astronomía e queres participar activamente cun grupo global e diverso de persoas, únete ao noso equipo en Toquio presentando a túa candidatura á nosa praza de subdirección. O prazo remata o 30 de setembro de 2021.
Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21050/
2) Convocatoria de propostas “Under One Sky”
A convocatoria de propostas “Under One Sky” (Baixo un mesmo ceo) apoia proxectos ao abeiro do Día Internacional dos Pobos Indíxenas do Mundo, unha efeméride anual das Nacións Unidas cuxa próxima edición terá lugar o 9 de agosto de 2022. Os proxectos deben empregar a astronomía cultural, a divulgación e a comunicación da astronomía para poñer en valor o coñecemento dos pobos orixinarios e respectar os sistemas de aprendizaxe indíxenas cun enfoque da educación destes pobos baseado nos dereitos. A convocatoria está aberta a todo o mundo e valóranse en especial os proxectos liderados por comunidades indíxenas. As propostas deben enviarse en liña até as 23:59 (da vosa) hora local o 31 de decembro de 2021.
Máis información: https://www.iau.org/public/oao/under-one-sky/
3) Anunciadas as imaxes gañadoras do Concurso de Astrofotografía da IAU OAE
O Concurso de Astrofotografía da Oficina de Astronomía para a Educación (OAE) recibiu case 700 imaxes de 57 países. As fotos gañadoras xa están dispoñíbeis baixo a licenza internacional Creative Commons Attribution (CC BY) 4.0. Isto permite o seu uso gratuíto sempre que se acredite a autoría debidamente. Estas imaxes serven como un recurso educativo aberto para beneficio de docentes e estudantes de todo o mundo.
Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21047/
4) Rematan as sesións de traballo da XXXI Asemblea Xeral
As sesións de traballo da XXXI Asemblea Xeral da Unión Astronómica Internacional (IAU) remataron o 26 de agosto. As reunións virtuais e as sesións previas á asemblea xeral, incluído o programa “A IAU Hoxe”, xa se poden ver a través de YouTube. En particular, agora pódese acceder ao segundo conxunto de presentacións previas á asemblea xeral do 26 de agosto que non se emitiu correctamente en YouTube. As sesións científicas da XXXI Asemblea Xeral terán lugar en Busan en agosto de 2022.
Para saber máis: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2106/
5) O responsábel de prensa da IAU, Lars Lindberg Christensen, recibe o premio Klumpke-Roberts 2021
Felicitamos o responsábel de prensa da IAU, Lars Lindberg Christensen, por recibir o premio Klumpke-Roberts 2021, anunciado pola Sociedade Astronómica do Pacífico (ASP) o 24 de agosto de 2021. Este prestixioso premio, que antes recibiron figuras como Carl Sagan e Isaac Asimov, recoñece persoas que fixeron contribucións excepcionais para a comprensión e a valoración pública da astronomía.
Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21051/
6) Novas NOC: Colombia e República Dominicana
a) XIX Encontro da Rede de Astronomía de Colombia
O XIX Encontro da Rede de Astronomía de Colombia (RAC) 2021 co título “Los cielos estrellados como patrimonio de la humanidad” celebrarase en liña do 15 ao 17 de outubro de 2021 (o encontro será en español).
Máis información: https://rac.net.co/
O noso agradecemento ao noso NOC de Colombia, Andrés David Torres Cañas, por compartir a nova.
b) Convenio de cooperación asinado co Ministerio de Xuventude
O 6 de agosto asinouse o primeiro acordo de cooperación co Ministerio de Xuventude da República Dominicana. A través deste acordo, a comunidade astronómica está a establecer canles para obter apoio loxístico en actividades de divulgación da astronomía, astronomía para a educación e astronomía para o desenvolvemento utilizando infraestruturas nacionais e tirar vantaxe de achegar a astronomía á poboación nova do país.
O noso agradecemento ao noso NOC na República Dominicana, Manuel Grullon, por compartir a nova.
7) Concurso “Catch a Star” 2022
Xa abriu a súa convocatoria o concurso “Catch a Star” 2022 (Atrapa unha estrela). Un gran número de equipos de diferentes países europeos participan nesta convocatoria compartindo traballos de investigación realizados nas súas aulas. “Catch a Star” 2022 comezará o 1 de novembro de 2021 e o prazo límite para enviar os proxectos remata o 28 de febreiro de 2022.
Podes obter máis información sobre o concurso aquí.
8) Segundo Obradoiro sobre Astronomía Máis Alá dos Sentidos Comúns para a Accesibilidade e a Inclusión
O segundo “Obradoiro sobre Astronomía Máis Alá dos Sentidos Comúns para a Accesibilidade e a Inclusión” celebrarase virtualmente os días 17 e 18 de novembro de 2021. Trátase dunha reunión interdisciplinaria coa participación de xente que se dedica á astronomía, á educación e/ou son especialistas en discapacidade. Este obradoiro ofrece a oportunidade de promover novas estratexias, traballar por obxectivos específicos, compartir experiencias e debater sobre aplicacións recentes.
Podes obter máis información sobre o obradoiro nesta ligazón.
9) Actividades destacadas
Eventos en 2021
a) STEM XR: Obradoiro interdisciplinario e colaborativo sobre comunicación en mundos virtuais
Lugar: virtual
Cando: do 1 de outubro de 2021 ao 1 de xaneiro de 2022
Sitio web: https://stemxr.org
b) II Obradoiro Ceos Escuros e Tranquilos para a Ciencia e a Sociedade
Lugar: virtual / La Palma, Illas Canarias, España
Cando: do 3 ao 7 de outubro de 2021
Sitio web: http://research.iac.es/congreso/quietdarksky2021/pages/home.php
c) Obradoiro Shaw-IAU Astronomía para a Educación
Lugar: virtual
Cando: do 12 ao 15 de outubro de 2021
Sitio web: https://astro4edu.org/siw2021/
d) Astronomía Máis Alá dos Sentidos Comúns para a Accesibilidade e a Inclusión
Lugar: virtual
Cando: o 17 e 18 de novembro de 2021
Sitio web: https://accefyn.com/microsites/nodos/astroco/ii-workshop-on-astronomy-beyond-the-common-senses-for-accessibility-and-inclusion/
Recursos en liña
I) MOOC de nivel universitario en Radio Astronomía creado polo EPFL (Instituto Federal Suízo de Tecnoloxía en Lausana) e o Observatorio Surafricano de Radio Astronomía:
“Radio Sky I” – https://www.edx.org/course/radio-sky-1
“The Radio Sky II: Observational Radio Astronomy” – https://www.edx.org/course/the-radio-sky-ii-observational-radio-astronomy
Podedes atopar recursos gratuítos para a divulgación da astronomía en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).
Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU
Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.