Boletín IAU de divulgación da astronomía

Outubro #2

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: Xa dispoñíbel o número 31 do CAPjournal
1) Participa na nosa enquisa sobre o boletín informativo de divulgación astronómica da IAU
2) Abertas as solicitudes para o premio de doutoramento IAU 2022
3) Lanzamento do boletín informativo da OAD
4) Anunciados premios Eric e Wendy Schmidt á excelencia en comunicación científica
5) Enquisa do equipo de educación e divulgación de Europlanet: chamada ao profesorado e profesionais da comunicación científica!
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Neste boletín temos o orgullo de anunciar a publicación do número 31 da revista Comunicar a Astronomía co Público (CAPjournal). Este número celebra o décimo aniversario da Oficina para a Divulgación da Astronomía. De cara á próxima década queremos facer crecer os nosos programas, ampliar os recursos que ofrecemos e construír pontes con máis comunidades para garantir que a astronomía sexa realmente para todas as persoas.

Parte dese crecemento é darlle unha nova vida a este boletín. Estamos a realizar unha enquisa que nos axude a comprender o que vos gusta do boletín e o que vos gustaría ver nunha próxima edición. Podedes encher esta enquisa máis adiante. Grazas de antemán pola vosa contribución!

Neste boletín atoparedes moitos exemplos esclarecedores de comunicación científica, desde artigos até premios e obradoiros. Temos moitas oportunidades e recursos interesantes para vós neste boletín, así que dedicade un tempo a exploralas!

Finalmente, queremos darlles as grazas aos equipos das Coordinacións Nacionais de Divulgación, que unha vez máis se esforzaron por achegar a astronomía ás súas comunidades. Recentemente, a rede NOC estivo moi ocupados organizando eventos en todo o país para que o público en xeral puidera ver con seguridade a eclipse solar parcial do 25 de outubro. Grazas polo voso traballo!

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Asunto destacado: Xa dispoñíbel o número 31 do CAPjournal

Xa está dispoñíbel o número 31 da revista Comunicar a Astronomía co Público (CAPjournal).

En 2022, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (OAO) celebra o seu décimo aniversario. Mirando cara atrás estes 10 anos de comunicación da astronomía co público, a OAO ve a CAPjournal como unha das súas iniciativas máis importantes, que achega á comunidade as mellores prácticas internacionais no campo da divulgación e da comunicación da astronomía. A OAO está orgullosa de seguir traendo CAPjournal á nosa comunidade e nesta nova década cun equipo renovado, en crecemento e con varias reestruturacións. Bótalle un ollo ao sitio web da CAPjournal para coñecer os aspectos máis destacados destes cambios nos próximos meses ou renova a túa subscrición a CAPjournal.

Neste número presentamos artigos sobre as diferenzas (e semellanzas) entre a divulgación e a educación, a inclusión e a accesibilidade da astronomía en diversos contextos e os percorridos de realidade virtual que proporcionan a quen os experimenta unha sensación de escala moi necesaria. Todo isto e moito máis aparece nesta revista sobre comunicación de astronomía gratuíta e revisada por pares, dispoñíbel agora para descarga.

1) Participa na nosa enquisa sobre o boletín informativo de divulgación astronómica da IAU

Durante anos, o Boletín de Divulgación da Astronomía da IAU tróuxoche noticias da IAU, a comunidade de divulgación astronómica, as Coordinacións Nacionais de Divulgación e oportunidades e recursos de todo o mundo. De cara ao futuro, queremos darlle forma ao boletín informativo para que sirva mellor ás nosas comunidades. Ao responderes a esta enquisa, axudarasnos a mellorar os recursos que ofrecemos. Grazas, de antemán, pola túa contribución.

2) Abertas as solicitudes para o premio de doutoramento IAU 2022

A IAU invita a presentar solicitudes para o seu premio de doutoramento 2022, un premio que celebra as achegas destacadas a nivel mundial entre as investigacións de doutoramento en astrofísica. O prazo de presentación de candidaturas remata o 15 de decembro de 2022. Para obter máis información, fai clic aquí.

3) Lanzamento do boletín informativo da OAD

A Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento acaba de publicar o seu último boletín, que informa sobre as actividades entre xullo e setembro de 2022. Fai clic aquí para saber máis sobre as novas directrices sobre Astronomía para a Saúde Mental, un conxunto de ferramentas para abordar o desenvolvemento a través da astronomía, un resumo da XXXI IAU Asemblea Xeral e casos prácticos de proxectos financiados pola OAD.

4) Anunciados premios Eric e Wendy Schmidt á excelencia en comunicación científica

Os Premios Eric e Wendy Schmidt das Academias Nacionais á Excelencia en Comunicación Científica outórganse a xornalistas de temas científicos e persoal investigador que exemplifiquen a creatividade e a orixinalidade no seu traballo de comunicación da ciencia. Entre os principais gañadores dos premios figuran Chanda Prescod-Weinstein, física teórica, teórica feminista e escritora. Para obter máis información sobre as persoas gañadoras e as súas contribucións á comunicación científica e ao premio, visita este sitio web.

5) Enquisa do equipo de educación e divulgación de Europlanet: chamada ao profesorado e profesionais da comunicación científica!

Nos últimos anos, os equipos de educación e divulgación do proxecto Europlanet 2024 Research Infrastructure (RI), o Grupo de traballo de divulgación da Europlanet Society e a rede Europlanet Early Careers (EPEC) desenvolveron unha serie de recursos para apoiar o ensino das materias de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas (CTEAM). Entre elas, creáronse clases de ciencia planetaria e astrobioloxía listas para usar e actividades prácticas asociadas.

Pidéselle ao profesorado e profesionais da educación e a divulgación da ciencia que dean conta da súa experiencia e opinión sobre os recursos máis recentes que desenvolveron. Tamén lles gustaría comprender os intereses e o uso dos recursos da ciencia planetaria e se cambiaron, e como, as súas necesidades e prácticas desde a pandemia de Covid-19.

A enquisa está dispoñíbel en dez idiomas nesta ligazón.

6) Novas NOC

a) Corrección do último Boletín

O noso NOC de Hong Kong-China, Exodus Chun-Long Sit, organizou un obradoiro en liña sobre o uso de bloques de construción como ferramenta educativa.

Varios dos equipos NOC organizaron eventos para compartir a eclipse solar parcial do 25 de outubro coas súas comunidades:

b) NOC Exipto

O equipo NOC Exipto, en colaboración co Instituto Nacional de Investigación de Astronomía e Xeofísica, realizou eventos de divulgación para ver a eclipse solar parcial.

c) NOC Iraq

O NOC de Iraq coordinou varias actividades en todo o país para celebrar a eclipse solar parcial.

d) NOC Kuwait

O NOC de Kuwait organizou un evento no Centro Cultural Skeikh Abdullah Al Salem para observar a eclipse solar parcial.

e) NOC de Qatar

O NOC de Qatar, Hani Dalee, organizou unha gran reunión de persoas con telescopios para observar a eclipse solar parcial. A Olimpíada de Astronomía para Escolas de Qatar 2022-2023 aproveitou este evento astronómico e animou a xente a observar e facer medicións do Sol para discutir temas importantes da astronomía.

7) Oportunidades

a) Talleres GlobalSCAPE de Comunicación Científica

Únete a GlobalSCAPE para as xornadas de formación impartidas por Springer Nature. As sesións centraranse en como construír as túas historias, comprender o teu público, adquirir estratexias de escritura eficaz, preparar comunicados de prensa e maximizar a promoción externa. Xa se realizaron tres obradoiros en España, Sudáfrica e Colombia e está aberta a inscrición para obradoiros en Xapón (11 de novembro), India (25 de novembro) e Australia (30 de novembro). Rexístrate hoxe!

b) Falling Walls Science Summit 2022

Falling Walls dedícase a crear, apoiar e difundir avances a través de fronteiras e disciplinas. O seu cumio científico de 2022 terá lugar de forma presencial en Berlín, Alemaña, e en liña do 7 ao 9 de novembro. Rexístrate aquí para participar neste evento de 3 días.

8) Recursos interesantes

a) Curso sobre como comunicación da ciencia culturalmente relevante [Contido en inglés e español]

A cultura e a lingua inflúen na forma en que entendemos a información (científica), e demostrouse (por exemplo, aquí e aquí) que facer que a ciencia sexa culturalmente relevante fomenta a formación da identidade e pertenza ás CTEM. Para obter máis información sobre como levar á práctica teorías culturais relevantes, consulta este breve curso sobre comunicación científica culturalmente relevante. S

b) Investigación interesante: un mapa sistemático de inclusión, equidade e diversidade na investigación da comunicación científica: practicamos o que predicamos? [Contido en inglés]

A inclusión na comunicación científica significa cousas diferentes para diferentes persoas, pero este campo ten xa 40 anos e abarca unha gran variedade de temas. Neste artigo faise un inventario da amplitude das investigacións realizadas sobre a comunicación científica inclusiva e fan suxestións sobre o camiño a seguir. Tamén podes ler sobre este artigo en SciComm Bites.

c) Número 4 de African Science Stars: Women in Astronomy [Contido en inglés]

O último número de African Science Stars inclúe historias sobre mulleres na astronomía, o astroturismo, os buracos negros, consellos para atopar o traballo dos teus soños e moito máis. Podes ler a revista aquí.

d) A ciencia ten un problema de comunicación [Contido en inglés]

Neste artigo de opinión, o autor describe un problema ao que se enfronta a academia: a falta de formación, estrutura e confianza en comunicación.

“A ciencia está fallando á hora de comunicar os seus propios procesos e valores de forma efectiva ao público. E os intentos de difundir información vital corren o risco de ser alterados polos intereses dos medios, cooptados para obter beneficios políticos ou ser ignorados. Como resultado, creo que o público está perdendo lentamente a confianza na ciencia porque non ven a xente de ciencia como persoas de confianza”.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.