Boletín IAU de divulgación da astronomía

Novembro #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Convocatoria de propostas “Baixo un mesmo ceo”
2) Solicitudes para os premios de doutoramento IAU 2021
3) astroEDU busca redactor ou redactora xefe
4) Novas NOC: Barbados, Brunei, Perú e Indonesia
5) Artigo “A IAU e a súa evolución” en Physics Today
6) 2º Obradoiro sobre “Astronomía máis aló dos sentidos comúns para a accesibilidade”
7) Recomendación da UNESCO sobre a ciencia aberta
8) Bolsa ESA x Barbie
9) Actividades destacadas
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Cando nos achegamos ao final de 2021, o noso equipo está agardando e planificando o novo ano 2022. Prestade atención ás nosas canles de comunicación xa que en breve comezaremos a anunciar o noso programa anual para a comunidade internacional de divulgación da IAU.

Neste número destacamos a convocatoria de propostas “Baixo un mesmo ceo”, as solicitudes para os premios de doutoramento da IAU e a convocatoria aberta para o posto de redactor xefe de astroEDU.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Suzana Filipecki Martins, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Convocatoria de propostas “Baixo un mesmo ceo”

A convocatoria “Baixo un mesmo ceo” apoia proxectos arredor do Día Internacional dos Pobos Indíxenas que se celebra o 9 de agosto de 2022 co aval das Nacións Unidas. Os proxectos deben utilizar a astronomía cultural, a divulgación e a comunicación da astronomía para recoñecer o coñecemento indíxena e respectar os seus sistemas de aprendizaxe.

A convocatoria está aberta a todas as persoas e favoreceranse proxectos liderados por comunidades indíxenas. As propostas deben enviarse en liña antes das 23:59 na túa hora local do 31 de decembro de 2021.

Para saber máis: https://www.iau.org/public/oao/under-one-sky/

2) Solicitudes para os premios de doutoramento IAU 2021

A IAU convídavos a presentardes solicitudes para o seu premio de doutoramento 2021, un premio que celebra os logros destacados realizados a nivel mundial por investigadoras e investigadores de doutoramento en astrofísica. O premio outórgase anualmente en cada unha das nove Divisións da IAU, incluída a División C de Educación, Divulgación e Patrimonio, en recoñecemento ao traballo de tese máis notábel realizado o ano anterior.

Podedes ler aquí o anuncio completo da IAU: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21057/

3) astroEDU busca redactor ou redactora xefe

astroEDU é unha plataforma de revisión por pares que pretende mellorar as actividades de educación astronómica. O equipo de astroEDU busca un redactor ou redactora xefe cunha experiencia mínima de 2 anos en educación astronómica e/ou educación científica. O traballo consistirá en supervisar o proceso de revisión por pares durante todo o ciclo de vida de cada actividade, desde a presentación até a publicación, e achegar coherencia á calidade das actividades publicadas.

Máis información: https://astroedu.iau.org/en/editor-advert/

4) Novas NOC: Barbados, Brunei, Perú e Indonesia

a) Eclipse parcial de Lúa

A Sociedade Astronómica de Barbados organizou unha retransmisión en directo da eclipse parcial de Lúa o 19 de novembro para aquelas persoas que non puideron ver a eclipse: https://fb.me/e/1VcRuHtC6

A Sociedade Astronómica de Brunei Darussalam (PABD), co apoio do Majlis Perundingan Kampong Penabai Kuala Tutong, acolleu unha transmisión en directo desde varios lugares do Observatorio Brunei Darussalam & Sabah Al-Biruni, para ofrecer unha vista exclusiva da eclipse desde a ribeira de Kampong Penabai Kuala Tutong, ademais de diversas entrevistas especiais: https://www.facebook.com/bruneiastronomy/

b) Venres astronómicos

Os “Viernes Astronómicos” (en español) continúan cos seus tradicionais encontros. Podes atopar o programa que vén (así como outras iniciativas) aquí: https://www.facebook.com/space.unmsm/

c) Reloxo de sol horizontal humano

O 4 de novembro, o Museo Nacional de Educación da Universidade de Educación en Bandung, Indonesia, inaugurou o reloxo solar horizontal humano. O reloxo de sol ten a singularidade de que o gnomon está substituído por persoas, de maneira que a xente debe poñerse en certos puntos para marcar a hora.

5) Artigo “A IAU e a súa evolución” en Physics Today

En “Comentario: A IAU e a súa evolución”, un artigo en Physics Today, a nosa expresidenta Ewine van Dishoeck reflexiona sobre os logros da organización durante o século pasado e de como pode ser o próximo.

Podes acceder ao artigo completo aquí: https://physicstoday.scitation.org/do/10.1063/PT.6.3.20211110a/full/

6) 2º Obradoiro sobre “Astronomía máis aló dos sentidos comúns para a accesibilidade”

O II Obradoiro sobre “Astronomía máis aló dos sentidos comúns para a accesibilidade e a inclusión” tivo lugar os días 17 e 18 de novembro de 2021 de forma virtual. Foi unha reunión interdisciplinar coa participación de estudantes e profesionais da astronomía, a educación, a comunicación científica e especialistas en discapacidade, e brindou unha nova oportunidade para compartir estratexias e experiencias, traballar cara a obxectivos específicos, discutir aplicacións recentes e participar en iniciativas que se desenvolveron para o público con discapacidades.

Podes ver as gravacións do encontro aquí: https://tiny.cc/2wai

7) Recomendación da UNESCO sobre a ciencia aberta

A Comisión Científica da UNESCO aprobou por unanimidade a “Recomendación sobre Ciencia Aberta” na súa 41ª sesión e agora pasará ao pleno dos Estados membros para a súa aprobación.

Podes acceder aquí ao informe completo e á intervención do ISC na conferencia da UNESCO: https://council.science/current/news/unesco-science-commission-adopts-open-science-recommendation/

8) Bolsa ESA x Barbie

A bolsa ESA x Barbie, da Women in Aerospace Europe, premiará un proxecto de divulgación co obxectivo de inspirar as xeracións máis novas de nenas e mulleres a iniciaren unha carreira CTEM ou fomentar unha colaboración con éxito dos distintos xéneros neste campo. O prazo de solicitude remata o 1 de decembro de 2021.

Máis información sobre a bolsa aquí: https://www.wia-europe.org/calls/esa-x-barbie-bursary

9) Actividades destacadas

Eventos en 2021

a) STEM XR: Obradoiro interdisciplinario e colaborativo sobre comunicación en mundos virtuais
Onde: virtual
Cando: do 1 de outubro de 2021 ao 1 de xaneiro de 2022
Sitio web: https://stemxr.org

b) Conferencia anual da Sociedade Astronómica Africana (AfAS)
Onde: virtual + presencial no Observatorio Astronómico de África do Sur, Cidade do Cabo, África do Sur
Cando: do 14 ao 18 de marzo de 2022
Sitio web: https://www.africanastronomicalsociety.org/afas2022-ga/

c) Asemblea Xeral da Unión Astronómica Internacional
Onde: BEXCO, Busan, Corea do Sur
Cando: do 2 ao 11 de agosto de 2022
Sitio web: http://www.iauga2022.org/

d) 29ª Conferencia da Sociedade Europea para a Astronomía na Cultura (SEAC)
Onde: Timisoara, Romanía
Cando: do 5 ao 9 de setembro de 2022
Sitio web: http://www.seac2022.org/

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado): https://sdas.wh.sdu.edu.cn/info/1657/1261.htm
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.