Boletín IAU de divulgación da astronomía
Novembro #1
Neste boletín:
0) Nota editorial
1) Telescopios para todas as persoas, edición especial “100 horas de astronomía”: anunciados os proxectos gañadores
2) Revista “Comunicar a astronomía co público”: convocatoria de revisoras e revisores por pares
3) Convocatorias de solicitudes para obradoiros baixo a iniciativa IAU-Hands-On Workshop (I-HOW)
4) Resultados do Foro sobre Astronomía en África
5) Comunidade de Divulgación Inclusiva da IAU
6) Premios Mulleres en Astronomía en África 2021
7) Ferramentas para comunicar o risco climático
8) Novo informe: Camiños de descubrimento en Astronomía e Astrofísica para a década de 2020
9) Actividades destacadas
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
0) Nota editorial
Prezados amigos, amigas e colegas,
A convocatoria de propostas “Baixo un mesmo ceo” segue aberta para apoiar proxectos arredor do Día Internacional dos Pobos Indíxenas do Mundo que se celebra o 9 de agosto de 2022 co aval das Nacións Unidas. Non perdas a oportunidade de presentar propostas até o 31 de decembro de 2021 .
Nesta edición, querémosvos animar unha vez máis a unírvos á comunidade de divulgación inclusiva da IAU, destacamos o kit de ferramentas sobre o risco climático e suxerímosvos que vos unades á nosa revista “Comunicar astronomía co público” (CAPjournal) como revisora ou revisor por pares.
Queremos dar unha cordial benvida á nosa nova compañeira Suzana Filipecki Martins. Suzana únese ao noso equipo como a nosa Oficial de Divulgación Internacional (IOO, polas siglas en inglés) e traballará connosco como Xefa de Proxectos e Programas de Divulgación Globais da IAU, ademáis de participar en tarefas de xestión editorial para o CAPjournal.
Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,
Lina Canas e Suzana Filipecki Martins, en nome do equipo de divulgación da IAU Office for Astronomy Outreach
1) Telescopios para todas as persoas, edición especial “100 horas de astronomía”: anunciados os proxectos gañadores
Do 1 ao 4 de outubro de 2021 o mundo celebrou en máis de 60 países “Under One Sky”, que continúa o legado do popular proxecto global da IAU “100 Horas de Astronomía”. A Oficina de Astronomía da IAU e os seus parceiros Stars Shine for Everyone (SSVI), a Universidade de Leiden e Bresser, doaron 10 telescopios aos grupos de divulgación participantes, premiándoos pola súa creatividade para relacionarse e chegar ás súas comunidades. Ademais, as primeiras 100 actividades rexistradas no noso calendario de eventos de divulgación da IAU recibiron as últimas edicións do CAP Journal e outros agasallos da IAU OAO.
Máis información: https://www.iau.org/public/oao/100-hours-of-astronomy/
2) Revista “Comunicar a astronomía co público”: convocatoria de revisoras e revisores por pares
“Comunicar a astronomía co público” (CAPjournal) é unha revista gratuíta revisada por pares para comunicadores e comunicadoras de astronomía, que publica actualmente dúas veces ao ano a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía e se distribúe tanto en liña como en papel. Queremos convidar ás persoas interesadas a unirse ao noso grupo de revisión por pares para seguir garantindo a alta calidade do CAPjournal.
Para postularte como revisor ou revisora, envía un correo electrónico cunha carta de interese a capjournal@oao.iau.org, co asunto: Solicitude de revisión por pares de CAPjournal.
Para saber máis sobre CAPjournal: https://www.capjournal.org/issues/index.php
3) Convocatorias de solicitudes para obradoiros baixo a iniciativa IAU-Hands-On Workshop (I-HOW)
A IAU convoca solicitudes para obradoiros baixo a iniciativa IAU Hands-On Workshops (I-HOW). Trátase dunha iniciativa para formar novas científicas e científicos de países en desenvolvemento no acceso, análise e uso de datos para os seus proxectos de investigación. As propostas para organizar un destes obradoiros deberán presentarse antes do 31 de xaneiro de 2022.
As características da iniciativa, o procedemento e os criterios de selección dos obradoiros, así como unha ligazón ao formulario de solicitude están dispoñíbeis en: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21061/
4) Resultados do Foro sobre Astronomía en África
O Foro sobre Astronomía en África celebrouse en liña do 27 ao 29 de outubro de 2021. O propósito desta reunión era reunir a comunidade de astronomía africana como preparación para a Asemblea Xeral da IAU en 2024 (que será a primeira de África). O evento contou con máis de 400 persoas participantes rexistradas e foi un fito importante para identificar as principais iniciativas científicas, divulgativas e colaborativas no continente, co fin de trazar brevemente o panorama da astronomía en África antes de 2024.
Podes atopar máis información sobre os resultados do Foro e as distintas sesións gravadas aquí: https://astronomy2024.org/save-the-date-27-29-october-2021-forum-on-astronomy-in-africa-and-the-iau-ga2024/
5) Comunidade de Divulgación Inclusiva da IAU
O subgrupo de Astronomía para a Equidade e a Inclusión do Grupo de Traballo Executivo da IAU sobre Divulgación Inclusiva dá a benvida a todo o mundo para que se una á “Comunidade de Divulgación Inclusiva da IAU” en Facebook. O obxectivo deste grupo é facilitar o desenvolvemento e difusión de prácticas inclusivas nas actividades de divulgación astronómica en todo o mundo. Únete ao grupo, comparte as túas experiencias e aprende dos demais!
Podes acceder ao grupo aquí: https://www.facebook.com/groups/iauinclusiveoutreach
6) Premios Mulleres en Astronomía en África 2021
Está aberta a convocatoria de candidaturas aos Premios Mulleres en Astronomía en África 2021. O obxectivo do premio é recoñecer e apoiar os logros científicos e as contribucións á sociedade das mulleres na astronomía en África. O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de novembro de 2021.
Máis información: https://afnwa.org/women-in-astronomy-awards-2021/
7) Ferramentas para comunicar o risco climático
As conversas sobre a acción climática deben incluír a todo o mundo. Para abordar eficazmente o risco climático precisamos comunicarnos entre numerosas comunidades. “Communication Climate Risk Toolkit” ofrece recomendacións e ferramentas prácticas para apoiar este diálogo.
Podes acceder á caixa de ferramentas aquí: http://bit.ly/CommunicatingClimateRisk
8) Novo informe: Camiños de descubrimento en astronomía e astrofísica para a década de 2020
A nova enquisa decenal das Academias Nacionais de Ciencias, Enxeñaría e Medicina identifica prioridades científicas, oportunidades e recomendacións de financiamento para os próximos 10 anos en astronomía e astrofísica. “Pathways to Discovery in Astronomy and Astrophysics for the 2020s” utilizou a comunidade astronómica a través de centos de libros, reunións e a asesoría de 13 subpaneis ao longo de varios anos para elaborar as súas recomendacións.
Podes atopar varios recursos relevantes sobre o informe aquí: https://www.nap.edu/resource/26141/interactive/
O documento completo está dispoñíbel gratuitamente aquí: https://www.nap.edu/download/26141
9) Actividades destacadas
Eventos en 2021
a) STEM XR: Obradoiro interdisciplinario e colaborativo sobre comunicación en mundos virtuais
Lugar: virtual
Cando: do 1 de outubro de 2021 ao 1 de xaneiro de 2022
Sitio web: https://stemxr.org
b) Astronomía Máis Alá dos Sentidos Comúns para a Accesibilidade e a Inclusión
Lugar: virtual
Cando: o 17 e 18 de novembro de 2021
Sitio web: https://accefyn.com/microsites/nodos/astroco/ii-workshop-on-astronomy-beyond-the-common-senses-for-accessibility-and-inclusion/
c) Ensino e Divulgación Pública da Astronomía: compartindo en liña as mellores prácticas
Lugar: virtual
Cando: do 18 ao 20 de novembro de 2021
Sitio web: https://astrosociety.org/get-involved/events/asp2021-a-virtual-conference/conference-overview.html
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Chinés (Simplificado): https://sdas.wh.sdu.edu.cn/info/1657/1261.htm
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.
Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).
Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU
Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.