Boletín IAU de divulgación da astronomía

Maio #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) A IAU OAO asina un memorando de entendemento coa IAPS
2) Asina o Compromiso de Confianza na Ciencia co Día Internacional da Luz
3) Finalizan algunhas convocatorias nacionais do programa Telescopios para todas as persoas
4) Aberta a convocatoria anual de propostas da IAU OAD
5) Convocatoria para a organización local do primeiro concurso mundial de visitas guiadas por telescopio
6) Novas NOC: Base de datos de organizacións relacionadas coa astronomía en Austria
7) Novas NOC: Divulga, un podcast sobre ciencia en Guatemala
8) Ábrense as solicitudes para asociarse ao programa LCO Global Sky
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Na Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU (IAU OAO) temos moita programación especialmente activa neste momento: un novo acordo, o Día Internacional da Luz desta fin de semana, o fin do prazo de presentación de Telescopios para todas as persoas e novidades das oficinas de Coordinación da Divulgación Nacional da IAU (NOC). Tedes máis información sobre todo isto nos primeiros elementos deste boletín.

Este número do boletín inclúe ademais unha serie de programas abertos á presentación de propostas. A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (IAU OAD) abriu a súa convocatoria anual de propostas e tamén está a buscar organizadoras ou organizadores rexionais para axudaren no primeiro concurso internacional WorldWide Telescope Guide Tour (WWT). Ademais, o Observatorio de Las Cumbres (LCO) acepta solicitudes para o seu programa Global Sky Partner 2021, que permite que os grupos educativos usen a súa rede robótica de telescopios.

Finalmente, a Conferencia Comunicando Astronomía co Público (Conferencia CAP) pechará o seu rexistro en breve. A conferencia virtual gratuíta ten lugar do 24 ao 27 de maio e animámoste a unirte e conectarte con outras persoas que falan co público sobre astronomía.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina IAU de Divulgación da Astronomía

1) A IAU OAO asina un memorando de entendemento coa IAPS

A Unión Astronómica Internacional (IAU) a través da Oficina IAU de Divulgación da Astronomía (IAU OAO) asinou un memorando de entendemento coa Asociación Internacional de Estudantes de Física (IAPS) para aumentar a colaboración en áreas de interese mutuo. Isto inclúe actividades de divulgación conxunta e cuestións de diversidade, equidade e inclusión.

Máis información: https://iau.org/news/announcements/detail/ann21030/

2) Asina o Compromiso de Confianza na Ciencia co Día Internacional da Luz

O Día Internacional da Luz invita a todas as persoas a asinar o Compromiso de Confianza na Ciencia. O compromiso é un recoñecemento do papel central da ciencia na sociedade e unha afirmación da confianza no proceso de investigación e descubrimento científico.

Para saber máis: https://www.trust-science.org/

Non esquezas acompañarnos no Día Internacional da Luz do 15 ao 17 de maio.

Máis información: https://www.iau.org/public/darkskiesawareness/

3) Finalizan algunhas convocatorias nacionais do programa Telescopios para todas as persoas

As Coordinacións de Divulgación Nacional dalgúns países estableceron prazos límite anticipados para as solicitudes do programa Telescopios para todas as persoas. O programa Telescopios para todas as persoas envía telescopios a comunidades desfavorecidas de todo o mundo para ampliar os horizontes de nenos e nenas, adultos e equipos educativos. As solicitudes completas deberán presentarse na Oficina IAU de Divulgación da Astronomía (IAU OAO) antes do 1 de xuño de 2021.

Máis información: https://iau.org/public/telescopecollaboration/

4) Aberta a convocatoria anual de propostas da IAU OAD

A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (IAU OAD) lanzou a súa convocatoria de propostas de 2021 para proxectos que pretenden utilizar a astronomía para apoiar e avanzar no desenvolvemento sustentábel. A convocatoria está aberta a calquera persoa de calquera parte do mundo (independentemente de se ten formación ou non en astronomía) e realízase en dúas etapas. O prazo para a solicitude da fase 1 remata o 31 de maio de 2021.

Máis información: https://iau.org/news/announcements/detail/ann21031/

As persoas solicitantes que necesiten axuda para escribiren unha proposta en inglés poden enviar un correo electrónico a info [at] astro4dev.org para se poñeren en contacto cun astrónomo ou astrónoma que lles preste axuda no desenvolvemento da proposta.

5) Convocatoria para a organización local do primeiro concurso mundial de visitas guiadas por telescopio

A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (IAU OAD) e as súas entidades parceiras buscan persoas ou organizacións interesadas en prestar apoio rexional no primeiro concurso mundial de visitas guiadas por telescopio (WWT). Os voluntarios e voluntarias recollerán as propostas de visitas e seleccionarán certo número delas en función da súa excelencia para envialas ao comité organizador internacional. O concurso internacional está baseado en concursos WWT anteriores en China e Estados Unidos.

Solicitudes, aquí: https://si3aja0mia0.typeform.com/to/dVo33ju7

Grazas a Kevin Govender por compartir con nós esta noticia.

6) Novas NOC: Base de datos de organizacións relacionadas coa astronomía en Austria

Johannes Stübler, coordinador nacional de divulgación da IAU (NOC) para Austria, creou xunto co seu equipo un motor de busca para persoas interesadas en todo tipo de organizacións relacionadas coa astronomía no país. O sitio (en lingua alemá) ten como obxectivo conectar astrónomos e astrónomas do ámbito profesional e amador para poñer en contacto todos os grupos nun mesmo lugar. O sitio web está en actualización permanente.

Máis información: www.austronomie.org

Grazas a Johannes Stübler por compartir esta nova.

7) Novas NOC: Divulga, un podcast sobre ciencia en Guatemala

Divulga, un podcast sobre ciencia en Guatemala, presentou recentemente seis astrónomos do país, incluído Rodrigo Sacahui, o Coordinador Nacional de Divulgación da IAU (NOC) para Guatemala. Os episodios xa están dispoñíbeis e proporcionaron grandes exemplos de como a astronomía contribuíu ao desenvolvemento da ciencia en Guatemala.

Máis información: https://linktr.ee/Davidrodasqf

Grazas a Rodrigo Sacahui por compartir esta nova.

8) Ábrense as solicitudes para asociarse ao programa LCO Global Sky

O Observatorio Las Cumbres (LCO) abriu a súa convocatoria para 2021 do programa Global Sky Partners. Global Sky Partners convida a usar a rede LCO de telescopios robóticos con programas educativos estruturados. LCO ten un especial interese en programas que fan un uso innovador da rede de telescopios e se dirixen a comunidades ou audiencias pouco representadas dos países en desenvolvemento. As solicitudes poderán presentarse até o 13 de xuño de 2021.

Máis información: https://lco.global/education/partners/becoming-global-sky-partner/

9) Actividades destacadas e repositorio de recursos en liña

a) 6º Obradoiro da Sociedade Astronómica de África Oriental
Onde: virtual e en Dodoma, Tanzania
Cando: do 15 ao 22 de maio de 2021
Sitio web: https://www.emiratesmarsmission.ae/

b) Conferencia virtual Comunicar a astronomía co público (CAP)
Onde: virtual
Cando: do 24 ao 27 de maio de 2021
Sitio web: https://www.communicatingastronomy.org/cap2021/

c) Comunicación pública de ciencia e tecnoloxía (PCST) 2020 + 1
Onde: virtual
Cando: do 24 ao 27 de maio de 2021
Sitio web: https://www.abdn.ac.uk/events/conferences/pcst/

d) SciComPT
Onde: virtual
Cando: do 23 ao 25 de xuño de 2021
Sitio web: http://scicom.pt/index.php/scicompt-2021/

e) Reunión anual da Sociedade Astronómica Europea
Onde: virtual
Cando: do 28 de xuño ao 2 de xullo de 2021
Sitio web: https://eas.unige.ch/EAS_meeting/

f) 238º Encontro da Sociedade Astronómica Americana 
Onde: virtual
Cando: do 7 ao 9 de xullo de 2021
Sitio web: https://aas.org/meetings/aas238

g) Comunicar o Futuro: Envolver o Público na Ciencia Básica
Lugar: virtual
Cando: 27 e 28 de xullo de 2021
Sitio web: https://scipep.org/conference/

Podedes atopar recursos gratuítos para a divulgación da astronomía en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.