Boletín IAU de divulgación da astronomía

IAUGA 2022 #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Remate da XXXI Asemblea Xeral da IAU
2) Lanzamento do certame NameExoWorlds 2022
3) Tres primeiros obradoiros prácticos da IAU en Chile, Irán e Sudáfrica
4) Programa “Meet the IAU Astronomers!”
5) Diario electrónico da XXXI IAU GA 2022
6) Arquivo Fotográfico da XXXI IAU GA
7) A IAU OAO anuncia as propostas gañadoras da convocatoria “Under One Sky”
8) Conferencia CAP 2022 do 12 ao 16 de setembro en Sydney, Australia
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Durante a XXXII Asemblea Xeral da IAU (IAU GA, polas siglas en inglés) en Busan, Corea do Sur, a OAO anunciou o lanzamento da edición 2022 de NameExoWorlds, unha convocatoria na que o público volve ter a oportunidade de nomear un exoplaneta e a súa estrela anfitrioa. Como proba do interese verdadeiramente internacional pola astronomía, a primeira edición de NameExoWorlds en 2015 puxo nome a 19 exomundos, con máis de medio millón de votos de 182 países e territorios. En 2019, como parte das celebracións IAU100, a competición NameExoWorlds de 2019 ofreceu a todos os países a oportunidade de nomear un sistema planetario. Desta volta 112 países organizaron campañas nacionais que implicaron a participación directa de máis de 780000 persoas en todo o mundo. Nesta edición, os exomundos atópanse entre os primeiros obxectivos exoplanetarios do Telescopio Espacial James Webb (JWST), un observatorio espacial internacional liderado pola NASA cos seus socios, a ESA e a CSA, que tivo a súa primeira luz en xullo de 2022.

NameExoWorlds 2022 é unha colaboración entre o Grupo de Traballo do Comité Executivo sobre Nomenclatura de Sistemas Exoplanetarios e a Oficina de Divulgación Astronomía da IAU. Nesta edición, a IAU quere que o público xeral e as comunidades da astronomía amadora e a ciencia exoplanetaria se xunten para nomear este novo conxunto de exomundos dispoñíbeis. Pode formar un equipo calquera persoa, por exemplo estudantes e docentes, entusiastas da astronomía e membros das comunidades da astronomía amadora e a ciencia exoplanetaria, e propoñer nomes para 20 sistemas exoplanetarios, cada un dos cales consta dun exoplaneta coñecido e a súa estrela anfitrioa.

Neste boletín atoparás instantáneas da XXXI IAU GA 2022, que tivo lugar en Busan, Corea do Sur. Se non puideches unirte a nós esta vez, valora formar parte da XXXII Asemblea Xeral da IAU de 2024 en Cidade do Cabo, Sudáfrica!

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Remate da XXXI Asemblea Xeral da IAU

A XXXI Asemblea Xeral da Unión Astronómica Internacional (IAU) rematou o 11 de agosto de 2022 en Busan, Corea do Sur. Tras ser aprazada un ano debido á pandemia de COVID-19, a reunión celebrouse por primeira vez de forma híbrida, con arredor de 1200 participantes presenciais e 700 en liña. A conferencia incluíu sete simposios, 10 encontros temáticos e moitas máis reunión das divisións, comisións e grupos de traballo da IAU.

Para saber máis: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2210/

2) Lanzamento do certame NameExoWorlds 2022

Para celebrar o décimo aniversario da Oficina de Divulgación Astronómica (OAO), a Unión Astronómica Internacional (IAU) lanza un certame para nomear 20 sistemas exoplanetarios que serán observados polo JWST. A convocatoria, NameExoWorlds 2022, anunciouse nunha rolda de prensa na XXXI Asemblea Xeral da IAU, celebrada en Busan, Corea do Sur. O certame busca reunir a comunidade astronómica profesional e o público xeral para darlles a oportunidade de nomear os 20 exoplanetas seleccionados xunto coas súas estrelas anfitrioas.

Máis información: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2209/

3) Tres primeiros obradoiros prácticos da IAU en Chile, Irán e Sudáfrica

Na XXXI Asemblea Xeral da IAU en Busan, Corea do Sur, anunciouse que terán lugar tres obradoiros prácticos da IAU (I-HOW, “Hands-On Workshops”) en 2022-2023. Xa está aberta a inscrición para dous deles e en breve abrirase para un terceiro. A iniciativa I-HOW lanzouse o ano pasado e ensinará como acceder e analizar os datos astronómicos arquivados para a súa investigación a persoas que están iniciando as súas carreiras científicas en países en desenvolvemento.

Máis información: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2208/

4) Programa “Meet the IAU Astronomers!”

O programa “Meet the IAU Astronomers!” pretende facilitar o contacto de profesionais da astronomía co público xeral. A través do programa, a comunidade da astronomía amadora, as persoas que se dedican á educación informal, o profesorado e outros grupos organizados poden convidar profesionais da astronomía para que impartan charlas e compartan a marabilla do universo con xente de todo o mundo. Ao longo da IAU GA, a OAO acolleu varias sesións sobre o programa co obxectivo de destacar por que relacionarse coa súa comunidade pode ser un intercambio de experiencias enriquecedor para todas as persoas implicadas. Podes solicitar o teu evento a través deste formulario.

Para saber máis:
https://www.iau.org/public/meettheiauastronomers/#:~:text=Programme,astronomers%20for%20a%20virtual%20presentation

5) Diario electrónico da XXXI IAU GA 2022

A XXXI GA da IAU en Busan, Corea do Sur, cubriu unha ampla gama de temas científicos, educativos e culturais. Para saber máis sobre o que se aprendeu durante a asemblea, podes consultar o xornal electrónico, elaborado a diario, na ligazón seguinte: https://www.iauga2022.org/board/board.asp?sMenu=med2&bbsCate=EN

6) Arquivo Fotográfico da XXXI IAU GA

Perdiches a GA, queres ver como foi ou queres compartir algúns dos mellores momentos? No arquivo de fotos atoparás unha gran variedade de imaxes da conferencia. Compárteos nas túas redes coa etiqueta #IAUGA2022!

Arquivo de imaxes: https://iau.org/public/images/archive/category/general_assembly_2022/

7) A IAU OAO anuncia as propostas gañadoras da convocatoria “Under One Sky”

A convocatoria de propostas de IAU Under One Sky apoia proxectos que utilizan a astronomía cultural, a divulgación astronómica e a comunicación astronómica para recoñecer o coñecemento indíxena e respectar os sistemas de aprendizaxe indíxenas cun enfoque baseado nos dereitos. Os proxectos seleccionados recibirán subvencións de até 2000 euros para desenvolver actividades durante o Día Internacional dos Pobos Indíxenas do Mundo das Nacións Unidas (9 de agosto de 2022). Este programa é un legado das celebracións do IAU100 e faise posíbel grazas ao xeneroso apoio do Observatorio de Leiden (Holanda) e do Premio de Comunicación NWO 2020.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann22031/

8) Conferencia CAP 2022 do 12 ao 16 de setembro en Sydney, Australia

A Conferencia “Comunicar astronomía co público” terá lugar do 12 ao 16 de setembro en Sydney, Australia. Esta conferencia híbrida centrarase en temas relacionados coa “astronomía para un mundo mellor”, con sesións especiais sobre astronomía planetaria e indíxena. A inscrición en liña aínda está aberta!

Máis información: https://capconferences.org/2022/registrationabstracts/#registration

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.