Boletín IAU de divulgación da astronomía

IAUGA 2022 #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Programa “Meet the IAU Astronomers!”
2) Conecta co xornal electrónico da XXXI Asemblea Xeral da IAU
3) Sesión conxunta de satélites KASI-OAO na IAU GA
4) Posto da OAO na IAU GA
5) Comunicado de prensa: NameExoWorlds 2022
6) Contribucións na IAU GA da rede NOC da IAU
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Saúdos dende a XXXI Asemblea Xeral da IAU (IAU GA, polas siglas en inglés) en Busan, Corea do Sur! O equipo completo da OAO está aquí para tecer conexións, apoiar as coordinacións nacionais de divulgación e involucrar a comunidade da IAU na comunicación da ciencia da astronomía. Se estás aquí na GA, pasa polo noso posto para falar sobre a divulgación no teu país. Se te unes a nós virtualmente, consulta o apartado XXX para conectar connosco en liña.

A primeira semana da Asemblea Xeral foi incribelmente emocionante e a segunda semana vai ser aínda mellor. Os seguintes apartados dan conta dalgúns dos aspectos máis destacados, incluído o lanzamento da edición 2022 de NameExoWorlds. Para máis información, consulta a entrada correspondente e as ligazóns que indicamos máis adiante. Independentemente de que asistas ou non á asemblea, esperamos que participedes coas actividades a través deste Boletín e do xornal electrónico oficial da IAU GA.

Haberá outra edición especial deste boletín informativo sobre a IAU GA a finais de mes para mirarmos atrás e facer resumo das nosas experiencias da conferencia completa.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Programa “Meet the IAU Astronomers!”

O programa “Meet the IAU Astronomers!” pretende facilitar o contacto de profesionais da astronomía co público xeral. A través do programa, a comunidade da astronomía amadora, as persoas que se dedican á educación informal, o profesorado e outros grupos organizados poden convidar profesionais da astronomía para que impartan charlas e compartan a marabilla do universo con xente de todo o mundo. Ao longo da IAU GA, a OAO acollerá varias sesións sobre o programa co obxectivo de destacar por que relacionarse coa súa comunidade pode ser un intercambio de experiencias enriquecedor para todas as persoas implicadas. Pasa polo posto da OAO virtualmente ou en persoa para obter máis información e solicita o teu evento a través deste formulario.

2) Conecta co xornal electrónico da XXXI Asemblea Xeral da IAU

Tanto se vas asistir á XXXI IAU GA en Busan como se non, podes ler o boletín electrónico da asemblea. Esta publicación en liña gratuíta publicarase todos os días do congreso e cubrirá temas que se tratarán durante as sesións da xornada. Podes atopar isto e moito máis no seu sitio web.

3) Sesión conxunta de satélites KASI-OAO na IAU GA

Se vas asistir á XXXI Asemblea Xeral da IAU (xa sexa virtualmente ou en persoa), o Instituto Coreano de Astronomía e Ciencia Espacial (KASI) e a Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU convídante ao Evento Satélite de Divulgación da Astronomía o 9 de agosto de 2022 en Busan. Este evento aberto composto por charlas e un obradoiro pretende unir a comunidade astronómica de divulgación coreana coa comunidade astronómica da IAU. Para obter máis información, consulta este sitio web.

4) Posto da OAO na IAU GA

Durante a XXXI Asemblea Xeral da IAU en Busan, o equipo da OAO está encantado de recibir a xente da IAU e o resto de profesionais da astronomía participantes. Durante estas dúas semanas o equipo espera interactuar con asistentes virtuais e presenciais tanto como for posíbel. Calquera asistente pode pasar cando queira para conversar individualmente ou reservar unha reunión en liña a través desta ligazón.  Ademais, os equipos de OAO invitan as persoas que asistan virtualmente a unirse ás que asisten en persoa para charlas informais sobre os programas e actividades de OAO que poden fomentar futuras colaboracións para compartiren as marabillas do universo coas súas comunidades.

5) Comunicado de prensa: NameExoWorlds 2022

A IAU ten o pracer de anunciar a nova edición de NameExoWorlds. Grupos de todo o mundo poden unirse á comunidade da astronomía profesional e amadora, entusiastas da astronomía, docentes e estudantes para propor un nome para un dos vinte exoplanetas e as súas estrelas anfitrioas. Todos os nomes propostos serán xulgados por un panel e, de ser seleccionados, recoñeceranse como o nome oficial do sistema exoplanetario. Para obter máis información, consulta este sitio web.

6) Contribucións na IAU GA da rede NOC da IAU

A rede NOC da IAU estará ben representada na Asemblea Xeral en Busan. A continuación móstrase unha listaxe das contribucións (que inclúen pósters, charlas virtuais, comunicacións e palestras convidadas) das persoas que forman parte da rede NOC e participan de xeito remoto ou presencial. Non deixedes de ver o seu traballo!

NOC Botswana: Molly Kgobathe, “Oportunidades astronómicas en Botsuana”

NOC Brasil: Eduardo Penteado, “Coordinador global IAU100 NameExoWorlds”

NOC Chile: María Fernanda Durán, “Romper as barreiras: Engadindo elementos inclusivos á divulgación astronómica”

NOC China Nanjing: Jin Zhu, “Observación da estación espacial chinesa como ferramenta para promover a atención do público ao ceo nocturno e a astronomía”

Vice-NOC Colombia: Camilo Delgado-Correal, “Astronomía con sentido social”

NOC Exipto: Somaya Saad, “Actividades de divulgación en Exipto”

Co-NOC Grecia: Margarita Metaxa, “Actividades NOC realizadas en Grecia en colaboración con IAU/OAO, 2022”

Co-NOC Hong Kong: Exodus Chun-Long Sit, “Inspiración da IAU 100: Novos enfoques da comunicación astronómica (en Hong Kong) durante a COVID-19”

NOC India: Samir Dhurde, “Baixo custo e grande escala: unha clave para chegar á maioría da xente”

NOC Madagascar: Zara Randriamanakoto, “Construíndo unha rede de astronomía amadora en Madagascar”

Vice-NOC de Malaisia: Fairos Asillam, “Programa de divulgación virtual como plataforma alternativa para a educación en astronomía: un exemplo en Malaisia”

NOC Marrocos: Meriem Elyajouri, “Astronomía pública en Marrocos: oportunidades e desafíos”

Observador NOC Marrocos: Zouhair Benkhaldoun, “Covid 19: Como afrontamos o illamento para as actividades de divulgación astronómica?”

Co-NOC Nepal: Suresh Bhattarai, “Astronomía en Nepal: creación dun legado de divulgación científica”

Co-NOC Nepal: Manisha Dwa, “Divulgación da astronomía para un ambiente inclusivo en Nepal, impactos e desafíos”

NOC Paquistán: Yumna Majeed, “Educación espacial e divulgación en Paquistán”

NOC España: Ana Ulla-Miguel, “OAO NOC Actividades españolas”

NOC Sri Lanka: Dhanushka Amaradasa, “Actividades astronómicas prácticas en liña para crianzas durante a COVID-19”

NOC Tunisia: Mayssa El Yazidi, “Inclusión e aspectos interculturais das actividades de Astro-Turismo: proxecto de astro-camping en Djerba, o primeiro paso para desenvolver a Astronomía en Tunisia”

NOC Vietnam: Nguyen Tan Vu, “Unha historia sobre a divulgación da astronomía en Vietnam: dun club de astronomía afeccionada a un ecosistema #scicomm en crecemento”

Para máis información, consulta o noso programa de eventos neste sitio web.

7) Oportunidades

a) Obradoiro de visión por raios X do universo de altas enerxías (X-VISION 2023).

Este é un esforzo conxunto da IAU, I-HOW e COSPAR Capacity Building Workshop. Celebrarase no Centro para a Investigación do Espazo for Space Research, North-West University Potchefstroom, África do Sur, do 6 ao 17 de febreiro de 2023. A organización anima a xuventude que investiga a participar neste obradoiro gratuíto. Para máis información, consulta esta ligazón.

b) Observacións do Sol co Satélite Hinode

Kentaro Yaji, do Instituto Nacional de Ciencias Naturais e do Instituto Nacional de Ciencia da Fusión, organiza unha observación do Sol co satélite Hinode do 22 ao 27 de agosto de 2022. Para obter máis información e marcar unha colaboración coa túa escola, consulta o seu sitio web ou contacta directamente con Kentaro Yaji. kentaro.yaji@gmail.com

c) Reunión virtual da Asociación Africana de Planetarios

A Asociación Africana de Planetarios (APA, polas siglas en inglés) organiza unha reunión virtual para planetarios en África. Dentro dunha estratexia máis ampla, este encontro levará a cabo obradoiros presenciais e híbridos. A reunión celebrarase o 26 de agosto de 2022. Para obter máis información e rexistrarte, consulta esta ligazón.

8) Recursos interesantes

a) Explicación das primeiras imaxes de JWST de Prajval Shastri

Podes ver aquí como explica Prajval Shastri as primeiras imaxes do telescopio espacial James Webb e así mergullarte na ciencia que hai detrás delas.

b) Boletín “Astronomers for Planet Earth”

“Astronomers for Planet Earth” é unha organización dedicada a abordar a crise climática desde unha perspectiva astronómica. O seu boletín inclúe recursos e plans de acción de todo o mundo. Para ler o seu número máis recente, fai clic aquí. Para máis información, consulta o seu sitio web aquí.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.