Boletín IAU de divulgación da astronomía

Febreiro #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) A IAU e as súas organizacións socias internacionais instan a ONU para que protexa os ceos escuros e tranquilos
2) Seguimento do Seminario da IAU sobre Formación en Participación Pública
3) Celebración do Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostíbel
4) Sesións de intercambio de NOCs: iniciativas de divulgación e participación pública en ceos escuros e tranquilos
5) Proxecto Ciencia-Arte “Astrologos”
6) Novas NOC
7) Eventos e oportunidades
8) Lecturas recomendadas
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

O noso equipo estivo ocupado facendo os últimos preparativos para lanzar o noso plan anual de actividades para 2022, do que vos falaremos máis nos próximos números. Polo momento deixámosvos novas da IAU, das nosas oficinas irmás e moitas lecturas e eventos interesantes que se aveciñan nos próximos días e semanas.

Tamén queremos agradecer aos nosos coordinadores e coordinadoras nacionais de divulgación que estiveron organizando numerosos eventos presenciais e en liña para o proxecto da IAU Mulleres e Nenas na Astronomía.

Por último, aproveitamos para dar a benvida a Kelly Blumenthal, que se incorporará ao noso equipo como subdirectora da OAO.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Suzana Filipecki Martins, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) A IAU e as súas organizacións socias internacionais instan a ONU para que protexa os ceos escuros e tranquilos

A IAU e diversas organizacións asociadas presentaron un novo documento de traballo ao Comité das Nacións Unidas sobre os Usos Pacíficos do Espazo Exterior (COPUOS), que busca protexer os ceos escuros e tranquilos da interferencia das actividades humanas. O documento foi aceptado para o seu debate na apertura da 59ª sesión do Subcomité Científico e Técnico (STSC) do COPUOS. É a primeira vez que o asunto dos ceos escuros e tranquilos se presenta como punto formal da axenda da ONU.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann22010/

2) Seguimento do Seminario da IAU sobre Formación en Participación Pública

O 22 de febreiro celebrouse o Seminario da IAU sobre formación en participación pública, con máis de 500 visualizacións e máis de 200 comentarios e preguntas. Se non puideches velo en directo, o seminario foi gravado e pódese atopar nesta ligazón.

Como recordatorio, os materiais dos obradoiros producidos a partir do Programa de Formación de Participación Pública da IAU-Kavli son de código aberto e están dispoñíbeis para a súa descarga nesta ligazón. Entre eles hai unha guía facilitadora, unha revisión da literatura, un caderno de traballo e unha plataforma de diapositivas. Todos os materiais son personalizábeis; anímase a todas as persoas que os usen a reutilizar, redistribuír, revisar, revisar e mesturar estes recursos para adaptalos ás súas propias comunidades.

3) Celebración do Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostíbel

Todas as organizacións ou grupos do planeta están invitados a celebrar 2022 como o Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostíbel (IYBSSD2022). Calquera actividade entre xaneiro de 2022 e a cerimonia de clausura, celebrada en xuño de 2023, é elixíbel para o programa oficial IYBSSD2022.

Visita www.iybssd2022.org para obter máis información sobre o programa IYBSSD2022 e como podes participar.

4) Sesións de intercambio de NOCs: iniciativas de divulgación e participación pública en ceos escuros e tranquilos

No marco das celebracións do seu décimo aniversario, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía está a realizar unha serie de reunións nas que os Coordinadores e Coordinadoras de Divulgación Nacional (NOC) da IAU compartirán as súas experiencias e iniciativas de divulgación pública sobre un determinado tema relevante. Esta primeira sesión versará sobre os ceos escuros e tranquilos, incluíndo campañas de divulgación e participación pública, a creación de parques de ceos escuros, a preservación de ceos escuros e outras cuestións.

O evento en liña, que terá lugar o 1 de marzo de 2022, ás 10:00 UTC, tamén terá como relator convidado a Piero Benvenuti, director do novo “Centro IAU para a protección do ceo escuro e tranquilo do impacto das constelacións de satélites” (podes ler a nota de prensa da IAU sobre a creación deste novo centro aquí: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2201/)

Se tes interese en unirte a nós, envía un correo electrónico a public@oao.iau.org, co asunto: NOCs Sharing Sessions: Dark and Quiet Skies Outreach and Public Engagement Initiatives. Podes aproveitar esta oportunidade (1) para participar e aprender máis sobre este novo centro da IAU; e durante a mesa de debate para (2) discutir como podemos apoiarte máis, as túas iniciativas e a túa comunidade e (3) conectarte cos e coas NOC que están a traballar en iniciativas similares para futuras colaboracións.

5) Proxecto Ciencia-Arte “Astrologos”

“Astrologos” é un proxecto de ciencia e arte financiado pola Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) e que xira arredor da gravación de cinco contos do escritor de renome mundial Italo Calvino, extraídos do libro ‘Cosmicomics’, inspirado en feitos astronómicos, e comentados por profesionais da astronomía. As gravacións, acompañadas de bandas sonoras e debuxos orixinais, están dispoñíbeis publicamente en liña. O proxecto pretende lembrarlle ás persoas ouvintes a importancia de manter a perspectiva e a fe na colaboración humana, tanto a través da investigación científica como das artes.

Podes ler máis información sobre o proxecto aquí (en italiano): https://astrologos.astro4dev.org/

6) Novas NOC

a) O NOC de Togo, Doh Koffi Addor, en colaboración con Space Bus France, organiza “Togo baixo as estrelas”, un evento de ámbito nacional que presenta conferencias para o público en xeral, obradoiros prácticos en escolas e prazas públicas, formación para o profesorado de ensino medio e secundario, observacións do ceo, concursos e moito máis. “Togo baixo as estrelas” terá lugar do 13 ao 27 de marzo.

b) A NOC de Marrocos, Meriem Elyajouri, participa na organización da 21ª edición do Festival de Astronomía de Marrakech: “Contribución da astronomía amadora á astronomía profesional”. Do 28 de febreiro ao 6 de marzo, este grande evento presentará conferencias, observacións do ceo nocturno, obradoiros, proxeccións de películas, exposicións e moito máis.

c) O NOC de Mauricio, Nadeem Oozeer, acolle a edición mauriciana de “Younivers – Astronomy for Adolescent Video Challenge 2022”. Creado en 2020 pola Sociedade Astronómica de Francia, o evento ten lugar noutros seis países de fala francesa (Bélxica, Francia, Líbano, Madagascar, Senegal e Túnez) e convida a nenos e nenas de 11 a 18 anos a crearen vídeos de 3 minutos que respondan a preguntas de astronomía que comezan por “Como”…

d) A principios deste mes, o NOC de Kuwait Khaled A Al-Jamaan participou en “Cara ás estrelas”, unha noite de observación das estrelas no deserto de Kuwait. Durante o acto, as persoas participantes tiveron a oportunidade de observar o ceo nocturno mediante diferentes tipos de telescopios e de debater sobre a contaminación luminosa e os seus efectos.

e) O 5 de febreiro, a NOC de Exipto, Somaya Saad, en colaboración co Departamento de Astronomía do Instituto e a Sociedade Científica de Astronomía e Espazo, organizou “Obradoiro práctico de astronomía para a mocidade de Kottamia”, un obradoiro dun día de duración de astronomía práctica. O obradoiro contou co apoio do Instituto Nacional de Investigación de Astronomía e Xeofísica (NRIAG) e a Asociación Árabe de Astronomía e Ciencia Espacial.

f) Parabéns ao NOC de Libia Amjed Khurwat e ao Vision Institute for Space Science que participaron na campaña internacional de busca de asteroides e xunto con 120 equipos e institucións de investigación de todo o mundo localizaron 387 obxectos preto do noso planeta.

Ao longo das últimas semanas, os e as NOC seguen colaborando co proxecto Mulleres e nenas na astronomía organizando charlas en liña e presenciais, reunións, mesas redondas e moito máis.

g) O NOC de Nicaragua, Emilio Zuniga Hernández, xunto con Asafile – Asociación de Astrónomos Aficionados de León, organizou unha festa da Muller na Astronomía.

h) O 17 de febreiro o NOC de Iraq Ali Jaber Al-Edhari xunto co Ministerio de Xuventude e Deportes – Departamento de Atención Científica, realizou un acto que incluíu varias actividades dedicadas a poñer en valor o papel das mulleres iraquís na astronomía.

i) O mesmo día, a NOC da República Checa Soňa Ehlerová organizou un “día de chat” en liña entre o público e as mulleres astrónomas profesionais que traballan na República Checa.

j) O 25 de febreiro, a NOC de Italia Caterina Boccato organizou “Mulleres que fan investigación astrofísica en Catania”, un encontro en liña con mulleres investigadoras do Observatorio Astrofísico de Catania.

k) O NOC de Mauritania Ely Cheikh Ould Mohamed Navee xunto coa NOC de Tunisia Mayssa El Yazidi organizaron unha conferencia con mulleres científicas, en particular da astronomía. A charla tivo lugar en francés o 26 de febreiro.

l) E o 2 de marzo a NOC de Exipto Somaya Saad tamén organizará un evento en liña no marco do Día Internacional da Muller e da Nena na Astronomía.

7) Eventos e oportunidades

a) A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento de Asia Oriental convida a comunidade de divulgación astronómica a participar e enviar resumos a “Psicoloxía Educativa e Astronomía para a Saúde Mental e o Benestar”, un obradoiro de formación internacional que se celebra en liña e en Ulán Bator (Mongolia) do 19 ao 21 de maio de 2022.

Os detalles completos e a información de contacto pódense atopar en https://sas.num.edu.mn/EPAstronomy/

b) DARA Big Data, en colaboración coa Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento, IDIA e SARAO organizan “Mulleres africanas en ciencia de datos”, un evento en liña gratuíto de 3 días. O evento ten como obxectivo axudar a construír unha próspera comunidade africana de mulleres en ciencia de datos e promover o desenvolvemento de competencias para as mulleres que estean interesadas nunha carreira na ciencia de datos.

Máis información: https://www.idia.ac.za/wds-2022/#top

8) Lecturas recomendadas

a) Descolonizar a astronomía e desenvolver a investigación e a educación astronómicas

Nesta entrevista do Instituto Nacional Italiano de Astrofísica, a Directora de Comunicación do Instituto de Ciencias da Vida da Terra (ELSI) de Toquio Thilina Heenatigala comparte as súas experiencias no desenvolvemento da astronomía no seu país natal, Sri Lanka, onde dirixe un grupo de investigación de estudantes e está a concienciar sobre a necesidade dun enfoque de descolonización da investigación, educación e divulgación astronómicas.
https://edu.inaf.it/in-english/universe-world/thilina-heenatigala-decolonising-astronomy/

b) Boletíns relevantes

Boletín da Sociedade Astronómica Africana (AfAS)

Mulleres da IAU en Astronomía

Comité AAS sobre o estado das mulleres

Boletín do Consello Internacional da Ciencia

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado): https://sdas.wh.sdu.edu.cn/info/1657/1261.htm
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.