Boletín IAU de divulgación da astronomía

Abril #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Mes de concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos
2) Edición de 2022 do concurso de astrofotografía da Oficina IAU de Astronomía para a Educación
3) Argumentos para o ecoloxismo espacial
4) Serie de seminarios web sobre divulgación inclusiva
5) O proxecto #ItHappensInSTEM (#AconteceNaCTEM)
6) Lanzamento da segunda tempada de GALAXY CRUISE
7) Novas NOC
8) Oportunidades
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

En consonancia co Día Internacional da Luz da UNESCO o 16 de maio, dedicamos todo o mes á concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos. Este proxecto divulga a necesidade de preservar os ceos escuros e tranquilos e a través del a xente pode coñecer a súa importancia para a cultura, o patrimonio e a saúde humana, así como a investigación astronómica. Realizaremos un concurso de debuxo, campañas nas redes sociais e organizaremos un seminario sobre astronomía cultural e a nosa relación co ceo nocturno.

Neste número do noso boletín destacamos a conferencia sobre sensibilización pública arredor das infraestruturas de investigación impulsada por SKAO, a segunda tempada do proxecto de ciencia cidadá GALAXY CRUISE e o lanzamento da segunda edición do concurso de astrofotografía dirixido pola nosa oficina irmá OAE.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal e Lina Canas, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Mes de concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos

En consonancia co Día Internacional da Luz da UNESCO o 16 de maio, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía dedica todo o mes de maio á concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos. Este proxecto divulga a necesidade de preservar os ceos escuros e tranquilos e a través del a xente pode coñecer a súa importancia para a cultura, o patrimonio e a saúde humana, así como a investigación astronómica. Realizaremos un concurso de debuxo, campaña en redes sociais (síguenos en Facebook e Twitter) e un seminario sobre protección do ceo escuro. Para máis información e para rexistrar o teu evento connosco, accede ao noso web.

2) Edición de 2022 do concurso de astrofotografía da Oficina IAU de Astronomía para a Educación

A Oficina IAU de Astronomía para a Educación (OAE) anunciou a segunda quenda do seu concurso de astrofotografía. Este ano, a OAE anima a xente a facer imaxes e vídeos time-lapse de patróns celestes. Para máis información e saber como enviar as imaxes, accede á páxina web da OAE.

3) Argumentos para o ecoloxismo espacial

Un artigo publicado recentemente en Nature Astronomy, apoiado polo Centro IAU para a Protección dos Ceos Escuros e Tranquilos da Interferencia das Constelacións de Satélites, argumenta que o espazo tamén forma parte do noso medio ambiente e debe ser preservado.

Podes saber máis sobre este artigo aquí e ler o artigo completo en Nature Astronomy nesta ligazón.

4) Serie de seminarios web sobre divulgación inclusiva

O subgrupo de traballo de IAU de Divulgación Inclusiva (Estrelas que inspiran) comprácese en anunciar unha serie de seminarios web destinados a compartir e difundir experiencias sobre a divulgación inclusiva da astronomía. Se che apaixona a divulgación da astronomía e tes interese en incorporar a inclusión nas túas prácticas, estes seminarios son para ti.

Os seminarios web terán 4 ou 5 sesións de 15-20 minutos cada unha, cun total de 60-90 minutos, e convocaranse 3 ou 4 veces ao ano. O primeiro seminario web está programado para o 29 de abril ás 13:00 UTC. A participación é gratuíta; os detalles serán publicados na páxina de Facebook de IAU Astronomy for Equity and Inclusion.

Podes rexistrarte no seminario web aquí.

5) O proxecto #ItHappensInSTEM (#AconteceNaCTEM)

En calquera comunidade hai, por desgraza, posibilidades de discriminación, acoso escolar, abuso etc. É por iso que o proxecto #ItHappensInSTEM está a recoller historias da comunidade de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (CTEM) arredor da diversidade, a equidade e a inclusión. Teñen a esperanza de que falando sobre como acontece na CTEM poidamos promover a concienciación e axudar a producir un cambio estrutural.

Podes achegar a túa historia enchendo este formulario de envío anónimo.

Para obter máis información sobre o Grupo de Traballo de Astronomía para a Equidade e a Inclusión da IAU, consulta esta páxina web.

6) Lanzamento da segunda tempada de GALAXY CRUISE

GALAXY CRUISE comezou en 2019 co obxectivo de desvelar os misterios que rodean a evolución e a diversidade das galaxias mediante a cooperación entre a cidadanía e as persoas que traballan en ciencia. GALAXY CRUISE é un proxecto no que a cidadanía de forma voluntaria participa na investigación de galaxias mentres exploran as vastas imaxes cósmicas captadas polo Telescopio Subaru. Durante a primeira tempada, a astronomía cidadá clasificou máis de 20.000 galaxias atopadas no segundo lanzamento de datos públicos do Programa Estratéxico Hyper Suprime-Cam Subaru (HSC-SSP), un estudo extenso coa cámara Hyper Suprime-Cam (HSC) montada no Telescopio Subaru.

Podes ler máis información en inglés e xaponés.

7) Novas NOC

a) Bangladesh

Farseem Mohammedy, o noso NOC Bangladesh, dirixiu un obradoiro sobre vida extraterrestre no que as persoas participantes aprenderon sobre astrobioloxía, o proxecto SETI de busca de intelixencia extraterrestre, a ecuación de Drake e moitas cousas máis.

Podes saber máis sobre este obradoiro no seu informe.

b) Haití

John Masken Larose, membro do equipo NOC Haití, reiniciou a súa serie de YouTube sobre as constelacións en crioulo haitiano: “Ann aprann istwa mitolojik ak lejann ki kache dèyè konstelasyon yo”.

c) Kuwait

O NOC de Kuwait, Khaled A. Al-jamaan, liderou unha noite de observación da Lúa e outros obxectos astronómicos no Centro Cultural Sheikh Abdullah Al Salem. Hai máis noticias do noso NOC Kuwait, Khaled A. Al-jamaan! A semana pasada, Khaled realizou o seu obradoiro de astronomía para a infancia no @ASCC.kw, onde a rapazada aprendeu sobre a Lúa e as súas fases.

8) Oportunidades

a) Peche do envío de resumos para a Conferencia PARI

Este sábado 30 de abril pecharase o prazo ampliado de presentación de resumos para a conferencia de sensibilización pública sobre as infraestruturas de investigación organizada polo Observatorio SKA. Esta é unha excelente oportunidade para presentar as túas actividades de divulgación, prácticas ou investigacións e compartir as leccións aprendidas coa comunidade máis ampla da comunicación científica noutras ciencias. Tamén aceptan propostas de obradoiros prácticos. O envío de resumos é sinxelo e rápido, así que pensa na posibilidade de facer propostas e animar a outras persoas a que o fagan tamén. Aceptan presentacións presenciais e remotas. Aquí tes a listaxe de temas da conferencia  para obter máis información.

b) Investigación e innovación en sustentabilidade (SRI2022) – Eventos virtuais gratuítos

Antes do SRI 2022, SRI celebra unha serie de eventos virtuais gratuítos destinados a apoiar as conversas e o diálogo sobre a sustentabilidade arredor dos catro piares do SRI: Novos Horizontes, Diferentes Formas de Coñecer, Visión Transversal e Ciencia e Innovación Africanas.

Únete e rexístrate aquí para formar parte desta divertida sesión interactiva. Tamén hai bolsas de rexistro en liña dispoñíbeis para participantes de países de ingresos baixos e medios con interese en participar.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.