Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xaneiro 2020 #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Convocatoria aberta para a oficina IAU de astronomía para a educación
2) A IAU OAD anuncia os resultados da convocatoria anual de solicitudes 2019
3) Aberta a convocatoria do programa de visitantes IAU
4) Olimpíada de Astronomía e Astrofísica 2020 en Bangladesh
5) Un instituto de investigación en Sri Lanka organiza observacións públicas da eclipse anular de Sol
6) Campamento astronómico internacional para a mocidade en España
7) O proxecto “As estrelas brillan para todas as persoas” envía un telescopio a Camerún
8) Documental “Full Spectrum” (Todo o espectro) dispoñíbel en liña
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

O noso equipo estivo moi ocupado deseñando programas para 2020 e estamos preparados para anunciar o primeiro deles: o programa de visitantes de divulgación da IAU. As persoas solicitantes terán oportunidade de unirse a nós aquí en Toquio, Xapón, para participar activamente nos nosos proxectos e colaborar co equipo.

Neste número, destacamos a convocatoria de prazas da oficina IAU de Astronomía para a Educación, unha emocionante oportunidade para unirvos á nosa máis nova oficina irmá. Destacamos ademais os resultados da convocatoria da oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento. Animámosvos a examinar estes proxectos na ligazón indicada abaixo para ver que estará en marcha en 2020 coa axuda da IAU OAD.

Queremos darlles as grazas a todas as persoas que contribúen coas numerosas noticias e mensaxes que recibimos para este boletín. Compartirémolas en canto poidamos para seguir destacando o voso traballo educativo e divulgativo arredor do mundo.

Desexámosvos ceos despexados e todo o mellor!

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Convocatoria aberta para a oficina IAU de astronomía para a educación

A oficina IAU de astronomía para a educación (IAU OAE), aberta hai pouco, acepta na actualidade solicitudes para cubrir tres postos:

-Un posto postdoctoral de cinco anos en investigación en educación astronómica na oficina de astronomía para a educación. A persoa que o obteña servirá como coordinadora de investigación en educación astronómica. Data límite: 21 de febreiro de 2020.

-Axudante de organización para a oficina de astronomía para a educación, que fará o apoio administrativo do traballo da OAE. Data límite: 7 de febreiro de 2020.

-Un posto de coordinador interino da oficina de astronomía para a educación (1 ano), que apoiará o traballo da OAE durante o primeiro ano. Data límite: 31 de xaneiro de 2020.

A IAU OAE é unha empresa conxunta co Instituto Max Planck para a Astronomía en Heidelberg, Alemaña.

Máis información sobre estes postos e o portal de solicitudes, aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann20002/

2) A IAU OAD anuncia os resultados da convocatoria anual de solicitudes 2019

A oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (IAU OAD) concluíu a súa oitava convocatoria anual de propostas e foron seleccionados 17 proxectos para recibir financiamento en 2020 para afrontar desafíos arredor do mundo que se valen de intervencións baseadas na astronomía para fomentar o desenvolvemento sostíbel. Os proxectos seleccionados inclúen un programa astronómico emparellado con sesións de asesoramento para apoiar a infancia en campos de refuxiados en Nixeria; varios proxectos para inspirar, estimular e educar nenos e nenas de ambientes socioeconómicos precarizados no Brasil, as Filipinas e África do Sur; e un proxecto de astroturismo en Italia.

Hai máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann20001/

3) Aberta a convocatoria do programa de visitantes IAU

A oficina IAU de astronomía para a divulgación (IAU OAO) está aceptando solicitudes para o programa IAU de visitantes, un programa que permite a persoas motivadas apoiar proxectos de divulgación na oficina IAU de astronomía para a divulgación. O programa financia aloxamento, voo e unha pequena dieta diaria por un período de 2-3 meses en Toquio, Xapón. Para concorrer, envía un currículo de 1-2 páxinas e unha carta de motivación (máximo 400 palabras) a Lina Canas (lina.canas@nao.ac.jp), co asunto “IAU Outreach Visitor Programa 2020 Application”. A carta de motivación debería incluír as datas da túa estadía proposta.

Podes saber máis sobre este programa e como concorrer aquí:
https://www.iau.org/public/oao/oao_visitors/

4) Olimpíada de Astronomía e Astrofísica 2020 en Bangladesh

A Olimpíada de Astronómica e Astrofísica 2020 en Bangladesh (BDOAA) é o capítulo nacional das Olimpíadas Internacionais de Astronomía e Astrofísica (IOAA). O comité organizador da BDOASS está formado por antigos participantes das IOAA e académicos cuxo obxectivo é establecer un procedemento de selección rigoroso para mandar estudantes de Bangladesh á IOAA e alentar a educación en astronomía e astrofísica en todo o país.

Tedes máis información aquí: https://bdoaa.org/

Dámoslle as grazas a Fahim Rajit Hossain, o coordinador académico da Olimpíada de Astronomía e Astrofísica en Bangladesh, por compartir as novas.

5) Un instituto de investigación en Sri Lanka organiza observacións públicas da eclipse anular de Sol

O Instituto de Investigación Astronómica de Sri Lanka (ARIS) colaborou coa Anandian Astronomical Association, o grupo Star Party e o resort de aventura Mount K para organizar unha observación pública da eclipse anular de Sol que aconteceu o 26 de decembro de 2019. O evento celebrouse na histórica Fortaleza de Jaffna no norte de Sri Lanka e desenvolveuse en linguas cingalesa, támil e inglés.

Podes saber máis sobre ARIS e os eventos futuros aquí: https://www.astronomers.lk/

Dámoslle as grazas a Eranga Jayashantha, presidente de ARIS, por compartir a noticia.

6) Campamento astronómico internacional para a mocidade en España

O campamento astronómico internacional para a mocidade (IAYC) é un campamento de verán de tres semanas co obxectivo de promover o coñecemento da astronomía e as ciencias asociadas nunha atmosfera internacional única. O é unha experiencia sen igual, un lugar de recordos imposíbeis de esquecer e amizades que duran toda a vida. Durante o campamento, 65 mozos e mozas de todo o mundo reúnense nunha vila de España para observar e aprender máis sobre os ceos espectaculares do planeta. Acéptanse solicitudes para o campamento 2020 até o 5 de abril.

Campamento astronómico internacional para a mocidade
Datas: do 12 de xullo ao 1 de agosto de 2020
Lugar: Baños de Montemayor, España
Máis información e solicitudes: www.iayc.org

Dámoslle as grazas a Hannah Dalgleish por compartir a noticia.

7) O proxecto “As estrelas brillan para todas as persoas” envía un telescopio a Camerún

O proxecto belga Sterren Schitteren Voor Iedereen (As estrelas brillan para todas as persoas) e Wereld Missie Hulp (Mission Aid Bélxica) enviou un telescopio refractor Bresser 90/900 e unha montura a Camerún. O telescopio foi asinado por varias figuras prominentes da astronomía, incluída a Presidenta da IAU Ewine van Dishoeck e o hai pouco designado Coordinador de Divulgación Nacional para Camerún, Mbonteh Roland Ndunge. É un resultado da moi satisfactoria colaboración durante as celebracións IAU100 entre a iniciativa belga Sterren Schitteren voor Iedereen (SSVI), Universe Awareness (UNAWE) e IAU100.

Para saber máis sobre o proxecto, visita o web http://www.ssvi.be/

8) Documental “Full Spectrum” (Todo o espectro) dispoñíbel en liña

Esta curtametraxe de vinte minutos financiada pola NASA está baseada en entrevistas conducidas polo doutor Bryan Mendez, do Laboratorio de Ciencias do Espazo da Universidade de California, Berkeley, con colegas da ciencia espacial de colectivos infrarrepresentados nos Estados Unidos. A imaxe popular do científico como un home branco de idade que veste unha bata branca e terma de tubos con líquidos de cores segue sendo certa: arredor dun 80% do profesorado seguen sendo homes brancos. No filme podes descubrir algunhas figuras da ciencia espacial que están cambiando a imaxe social de quen fai a ciencia e coñecer as súas perspectivas sobre os desafíos da diversidade nas ciencias físicas.

Podes ver o documental aquí: http://multiverse.ssl.berkeley.edu/FullSpectrum

Dámoslle as grazas ao doutor Bryan J. Mendez, do Laboratorio de Ciencias do Espazo da Universidade de California, Berkeley, por compartir a noticia.

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Encontro rexional IAU Asia-Pacífico (APRIM)
Datas: do 6 ao 10 de xullo de 2020
Lugar: Perth, Australia
Máis información: https://aprim2020.org/

b) Campamento astronómico internacional para a mocidade
Datas: do 12 de xullo ao 1 de agosto de 2020
Lugar: Baños de Montemayor, España
Máis información: www.iayc.org

c) Conferencia CAP 2020
Datas: do 21 ao 25 de setembro de 2020
Lugar: Sydney, Australia
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.