Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xaneiro #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Anunciáronse os resultados da convocatoria de propostas IAU OAD 2020
2) Aberto o Concurso de Fotografía IAU OAE
3) Novas NOC: clases de astronomía en liña para estudantes en Perú
4) Recadación de fondos de Sterren Schitteren Voor Iedereen
5) Desafío estudantil Misión a Marte
6) AAVSO lanza unha serie de seminarios web para astrónomos e astrónomas amadores
7) FameLab abre a convocatoria 2021
8) Conferencia 2020+1 de Comunicación Pública de Ciencia e Tecnoloxía
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

As nosas oficinas irmás fixeron recentemente moitos anuncios emocionantes. A Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU (IAU OAD) anunciou os proxectos que recibirán financiamento a través da súa convocatoria anual de propostas mentres que a Oficina de Astronomía para a Educación da IAU (IAU OAE) abriu o seu concurso de astrofotografía. Neste boletín achegamos máis información sobre estes temas.

Tamén incluímos algúns proxectos producidos pola comunidade e oportunidades de desenvolvemento profesional. O noso coordinador nacional de divulgación no Perú desenvolve un programa extraescolar virtual para estudantes do país, mentres que os nosos socios do programa Telescopios para todas as persoas están a recadar fondos para o programa de 2021. Docentes e estudantes poden unirse a unha conta atrás sobre Marte, patrocinada pola NASA. Os astrónomos e astrónomas amadores poden unirse a unha serie de conferencias en liña e as persoas que fan divulgación científica poden adquirir novas competencias grazas a dúas oportunidades que tratamos no boletín.

Recordámosvos que se ofrecedes algún posto ou tedes un proxecto ou recurso para as persoas que fan divulgación da astronomía, podedes compartilo connosco en public@oao.iau.org.

Desexámosvos boa saúde e todo o mellor no novo ano,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía (OAO) da IAU

1) Anunciáronse os resultados da convocatoria de propostas IAU OAD 2020

A Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU (IAU OAD) anunciou os resultados da súa convocatoria de propostas de 2020, con 21 proxectos seleccionados para recibir financiamento en 2021. Estes proxectos tratarán variados desafíos globais valéndose de innovacións relacionadas coa astronomía.

Para saber máis: https://iau.org/news/announcements/detail/ann21006/

2) Aberto o Concurso de Fotografía IAU OAE

A Oficina de Astronomía para a Educación da IAU (IAU OAE) abriu o seu concurso de astrofotografía. Outorgaranse premios en metálico ás persoas gañadoras e as súas imaxes estarán dispoñíbeis como recurso educativo aberto para docentes e estudantes de todo o mundo. As fotos deben enviarse antes do 15 de abril de 2021.

Máis información aquí: https://iau.org/news/announcements/detail/ann21004

3) Novas NOC: clases de astronomía en liña para estudantes en Perú

O noso coordinador nacional de divulgación (NOC) para Perú, Víctor Vera, convida a estudantes de 3º a 5º grao de escolas secundarias estatais do país a recibir unha serie de clases extraescolares de astronomía. Estas clases virtuais gratuítas admitirán un número limitado de estudantes e o rexistro pecha o 29 de xaneiro.

Máis información aquí: https://sites.google.com/unmsm.edu.pe/space/ask-an-astronomer

4) Recadación de fondos de Sterren Schitteren Voor Iedereen

Sterren Schitteren Voor Iedereen (As estrelas brillan para todas as persoas, SSVI), parceiro da Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU (IAU OAO) no programa Telescopios para todas as persoas, está a recadar fondos para cubrir os custos administrativos, como por exemplo o envío, do seu proxecto de distribución de telescopios a comunidades con necesidades especiais. Ponte en contacto con SSVI no correo electrónico info@armandpien.be para saber como podes colaborar.

5) Desafío estudantil Misión a Marte

NASA JPL propón cada semana desafíos estudantís de cara á chegada do todoterreo Perseveranza a Marte en febreiro. Docentes, pais e nais poden inscribirse cos alumnos ou alumnas para acceder a plans de educación e actividades gratuítas, eventos en directo e diversas formas divertidas de aprender sobre a aterraxe. Calquera estudante do mundo pode participar.

Máis información aquí: https://www.jpl.nasa.gov/edu/mission-to-mars-student-challenge/

6) AAVSO lanza unha serie de seminarios web para astrónomos e astrónomas amadores

A American Association of Variable Star Observers (AAVSO) acolle unha serie de seminarios en liña gratuítos e abertos ao público. Aínda que está deseñado para astrónomos e astrónomas amadores, calquera persoa pode participar.

Máis información aquí: https://www.aavso.org/2021-webinars

Grazas a Stella Kafka por compartir con nós esta noticia.

7) FameLab abre a convocatoria 2021

FameLab é un concurso para profesionais STEM co obxectivo de que melloren as súas habilidades comunicativas e compartan o seu traballo nunha competición internacional. Abríronse as inscricións para a sección do Reino Unido, que inicia a formación a principios de febreiro. As convocatorias noutros países iranse abrindo nos próximos meses.

Para saber máis: https://www.cheltenhamfestivals.com/science-/famelab/

8) Conferencia 2020+1 de Comunicación Pública de Ciencia e Tecnoloxía

A conferencia de comunicación pública de ciencia e tecnoloxía (PCST), na cal as persoas que se dedican profesionalmente á investigación ou a comunicación da ciencia comparten o seu traballo e investigación, celebrarase en liña do 25 ao 27 de maio de 2021. A inscrición remata o 30 de abril de 2021.

Máis información: https://www.abdn.ac.uk/events/conferences/pcst/

9) Repositorio de actividades e recursos en liña – Edición COVID-19

Recursos

Construír un modelo a escala da actividade do sistema solar
Instrucións en lingua portuguesa para construír un modelo do sistema solar preparadas polo Planetario de Porto
Ligazón: http://planetario.up.pt/pt/recursos/SistSolarEscala

Manual de “astronomía con todos os sentidos”
Actividade sensorial en lingua española para coñecer o sistema solar feita polo Planetario de Medellín
Ligazón: https://planetariomedellin.org/sites/planetariomedellin.org/files/Cartilla%20Astronomi%CC%81a%20con%20todos%20los%20sentidos.pdf

Como facer unha actividade sobre o sistema solar
Instrucións en inglés para construír un modelo de sistema solar
Ligazón: https://www.flipsnack.com/ivojokin/how-to-make-model-of-the-solar-system-and-jupitr-and-galilean-sa.html/

Podes ver a listaxe completa de recursos e eventos en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing

10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queres traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor escríbenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2021!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2021! Se estás organizando actividades a grande escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.