Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xaneiro #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Información sobre o programa da Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU 2021
2) Información actualizada sobre a Asemblea Xeral da IAU
3) Última chamada: envío de resumos á edición especial do CAPjournal
4) IAU publica “Springboard to Action” sobre equidade, inclusión e diversidade en astronomía
5) Publicado o informe do obradoiro de ceos escuros e tranquilos
6) Novas NOC: I Concurso de Ciencia e Astronomía Espacial en Serra Leoa
7) Novas NOC: Tradución ao árabe de folletos da IDA
8) Calendario 2021 de mulleres que fixeron astrofísica nuclear
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Feliz ano! Encántanos que moitos dos nosos programas do ano pasado continúen este novo ano. Nos próximos meses abriremos as solicitudes para o Programa de visitantes de divulgación da IAU e o programa Telescopios para todas as persoas. O noso programa de visitantes dá a benvida a persoas na nosa oficina para apoiaren ou produciren novos proxectos dentro da Oficina de Divulgación Astronómica da IAU (OAO). O programa Telescopios para todas as persoas, feito en colaboración con Sterren Schitteren Voor Iedereen (SSVI, Stars Shine for Everyone), envía telescopios a grupos ou individuos que achegan a astronomía a colectivos con necesidades especiais. Recibimos moitos correos electrónicos preguntándonos cando se abrirán en 2021 (prometemos que será en breve), polo que sabemos que moitos de vós tedes o mesmo interese ca nós por estes programas.

Tamén temos o pracer de proseguir co noso programa Coñece os astrónomos e astrónomas da IAU, que permite que docentes, persoas dedicadas á educación non formal e grupos de astronomía amadora manteñan un encontro cun astrónomo ou astrónoma. Cando abrimos a inscrición do programa, recibimos unha morea de solicitudes. Os membros da IAU están encantados de falar sobre astronomía, polo que se o teu grupo está interesado en levar a calquera dos nosos membros a manter un encontro virtual convosco, por favor enche o formulario ou envía un correo electrónico a meet.astronomers@oao.iau.org .

Tamén segue en marcha Estrelas que inspiran, proxecto de longa data que apoia as prácticas de divulgación inclusivas entre os e as profesionais da divulgación en colaboración co Grupo de traballo da IAU sobre astronomía para a equidade e a inclusión, que continuará proporcionando recursos sobre accesibilidade para a súa utilización en diferentes eventos, así como apoio no desenvolvemento da exposición itinerante Estrelas que inspiran.

A revista Comunicar Astronomía co Público (CAPjournal) ten dous números previstos para este ano, incluída unha edición especial sobre comunicación de astronomía dentro das restricións debidas á COVID-19. Este é tamén o ano da Conferencia Comunicar Astronomía co Público (Conferencia CAP). Axiña teremos máis actualizacións sobre ambas.

A programación en curso adicional estará apoiada por eventos específicos ao longo do ano. O primeiro destes eventos celebrará as mulleres e as nenas na astronomía. Dende o 11 de febreiro, o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, até o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, desenvolveremos programas para recoñecermos o papel das mulleres no avance da ciencia e animarmos as nenas a consideraren carreiras en astronomía. A nosa oficina internacional e os coordinadores e as coordinadoras nacionais de divulgación realizarán eventos ao longo dese período. En breve teremos máis información dispoñíbel.

Despois destacaremos a importancia do ceo escuro e tranquilo ao redor do noso programa asociado, o Día Internacional da Luz da UNESCO, o 16 de maio. Temos como obxectivo promover o pensamento científico e concienciar sobre a importancia dos ceos escuros para todas as persoas. Prestade atención á información que vaiamos dando sobre isto. Durante todo o ano tamén te animamos a participar en Globe At Night, unha campaña de ciencia cidadá para rexistrar a visibilidade de diferentes constelacións e así rastrexar a contaminación luminosa. Enviarémosvos recordatorios a través do noso Facebook e Twitter.

Este ano recuperamos o evento “100 horas de astronomía”. Do 1 ao 4 de outubro celebraremos a astronomía sen parar e animamos a calquera grupo interesado na astronomía a que nos acompañe durante este evento. Agardamos que este evento permita a participación da maior cantidade de xente posíbel en actividades sobre o ceo e lles permita unha comprensión básica do universo.

Finalmente, sempre estamos intentando que medre a nosa rede NOC. Se organizas eventos de astronomía nacionais para o público e non temos un ou unha NOC para o seu país, por favor fainos unha proposta. Aquí hai máis información.

E se desexas máis información sobre algún dos nosos programas e eventos, consulta o sitio web da Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU.

Desexámosvos boa saúde e todo o mellor no novo ano,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía (OAO) da IAU

1) Información sobre o programa da Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU 2021

A Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU (IAU OAO) lanzou o folleto de 2021 que destaca os programas da oficina para este ano.

Podes lelo aquí: https://www.iau.org/static/oao/iau-outreach-brochure-2021-trifold.pdf

2) Información actualizada sobre a Asemblea Xeral da IAU

Os encontros de negocio da XXXI Asemblea Xeral da Unión Astronómica Internacional (IAU) celebraranse en agosto de 2021, provisionalmente do día 23 ao 26 en horario de tarde CET (UTC + 1). Algunhas sesións tratarán a admisión de Membros Nacionais e Membros Honorarios, a incorporación de novos membros do comité e presidentes e vicepresidentes de divisións, a elección do Comité Executivo 2021-2024 e as Resolucións.

Publicarase máis información despois da reunión do Comité Executivo da IAU en abril. Os membros da IAU recibiron un correo electrónico con detalles adicionais.

3) Última chamada: envío de resumos á edición especial do CAPjournal

A revista Comunicar Astronomía co Público (CAPjournal) acepta resumos para o número especial “Comunicación da astronomía en tempo de confinamento”. Envía o resumo antes do 18 de xaneiro para que poida ser considerado.

Máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann20033/

4) IAU publica “Springboard to Action” sobre equidade, inclusión e diversidade en astronomía

A Unión Astronómica Internacional (IAU) lanzou recomendacións para mellorar a diversidade, a equidade e a inclusión en astronomía co documento “Springboard to Action” (Trampolín para a acción). As recomendacións baséanse nas discusións do Simposio 358 da IAU “Astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión: unha folla de ruta cara á acción no marco do centenario da IAU”.

Máis información: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2101/?lang

5) Publicado o informe do obradoiro de ceos escuros e tranquilos

Xa está en liña o informe do obradoiro “Ceos escuros e tranquilos para a ciencia e a sociedade”. O informe describe como a actividade humana afectou o estado da investigación astronómica e ofrece recomendacións aos gobernos locais para a preservación do ceo escuro e tranquilo. Presentarase ás Nacións Unidas en febreiro de 2021.

Máis información: https://iau.org/news/announcements/detail/ann21002/

6) Novas NOC: I Concurso de Ciencia e Astronomía Espacial en Serra Leoa

O noso Coordinador Nacional de Divulgación (NOC) para Serra Leoa, Alimamy Conteh, organiza o primeiro encontro para crear unha “comunidade espacial” para estudantes e profesionais xoves con interese na astronomía e o espazo en Serra Leoa. A reunión terá lugar do 21 ao 22 de xaneiro. Tamén están a recadar fondos para apoiar a reunión.

Máis información: https://spacegeneration.org/event/space-science-and-astronomy-competition

Podes achegar diñeiro para a reunión aquí: https://gofundme.com/f/jezgx-1st-space-science-and-astronomy-competition-in-sl?

Grazas a Alimamy Conteh por compartir con nós esta noticia.

7) Novas NOC: Tradución ao árabe de folletos da IDA

A nosa coordinadora nacional de divulgación (NOC) para Bahrein, Myriam Alqassab, e os membros do Bahrain Stargazers Astronomy Club traduciron ao árabe os folletos sobre ceos escuros da International Dark-Sky Association. Estes folletos están dispoñíbeis de balde no sitio web de Bahrain Stargazers.

Máis información: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/news

Grazas a Myriam Alqassab por compartir con nós esta noticia.

8) Calendario 2021 de mulleres que fixeron astrofísica nuclear

ChETEC creou un calendario 2021 que se pode imprimir que destaca as “mulleres que fixeron astrofísica nuclear”. O calendario está dispoñíbel en 24 idiomas.

Máis información aquí: http://www.chetec.eu/news/calendar-of-women-scientists-who-made-nuclear-astrophysics-many-language-versions-available

Grazas a Martin Pawley por compartir con nós esta noticia.

9) Repositorio de actividades e recursos en liña – Edición COVID-19

Recursos

Scope
Proxecto de ciencia cidadá para clasificar estrelas segundo o seu espectro
Ligazón: http://scope.pari.edu/

SuperWASP Variable Stars
Proxecto de ciencia cidadá para clasificar estrelas variábeis usando os datos do consorcio SuperWASP
Ligazón: https://www.zooniverse.org/projects/ajnorton/superwasp-variable-stars

Rad@Home
Programa de investigación de ciencia cidadá para a astronomía
Ligazón: https://www.radathomeindia.org/

Podes ver a listaxe completa de recursos e eventos en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing

10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queres traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor escríbenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2021!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.