Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Novembro #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) “Hackathón” coa OAD IAU
2) Concurso de escritura “Atrapa unha estrela” en Europa
3) Semana Nacional de Astronomía Virtual no Reino Unido
4) Recursos educativos POLAR STAR
5) Conferencia global “Baixo un mesmo ceo”
6) 4º Simposio sobre actividades en ciencias espaciais
7) Guía en liña gratuíta “Vidas negras en astronomía”
8) Reunión da Sociedade Astronómica do Pacífico sobre Educación Astronómica
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

A medida que nos achegamos ao final do ano, imos concluíndo algúns dos nosos proxectos, como os premios de astronomía en liña, e preparamos os do ano que vén. Iremos facendo anuncios sobre a finalización destes proxectos nas semanas vindeiras. Entre tanto, a comunidade da comunicación da astronomía segue en movemento con novas oportunidades en liña para desenvolver habilidades e establecer ligazóns con outras persoas.

Neste boletín damos conta de diversos simposios e conferencias, moitos dos cales se celebran en liña e son gratuítos ou de baixo custo. Hai ademais algúns concursos rexionais para estudantes e profesionais xoves con datas límite próximas, que son oportunidades perfectas para adquirir competencias en investigación e programación. Por último, damos conta dalgúns recursos sobre a diversidade na investigación astronómica.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía (OAO) da IAU

1) “Hackathon” coa OAD IAU

A Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU (OAD) en colaboración con Desenvolvemento en África con “Big Data” en Radio Astronomía (DARA), o Consello Asesor da Xeración Espacial (SGAC) e o Instituto interuniversitario de astronomía intensiva de datos (IDiA) están a organizar unha competición virtual de “hackathon” de 3 días para estudantes e mozos e mozas profesionais de todos os países africanos. As solicitudes deberán presentarse antes do 13 de novembro ás 23:59 GMT e requiren un rexistro gratuíto en SGAC.

Máis información aquí: https://spacegeneration.org/af-sgw2021-home/af-sgw2020-side-activities

Grazas a Ram Venugopal e o equipo da OAD por compartir con nós esta noticia.

2) Concurso de escritura “Atrapa unha estrela” en Europa

Os e as estudantes de países europeos que vivan en calquera parte do mundo poden presentarse ao concurso de escritura astronómica “Catch a Star” (Atrapa unha estrela) 2020. Poden enviar traballos até o 23 de decembro de 2020 grupos de até tres estudantes cun líder de grupo non estudantil.

Máis información aquí: https://www.eaae-astronomy.org/catch-a-star/welcome-to-catch-a-star-2020/

3) Semana Nacional de Astronomía Virtual no Reino Unido

O Reino Unido celebra a súa Semana Nacional de Astronomía do 14 ao 22 de novembro e case todos os eventos serán virtuais. A semana deste ano ten Marte como tema central, cun aspecto diferente do planeta cada día, como “A vida en Marte”.

Máis información aquí: https://astronomyweek.org.uk/

4) Recursos educativos POLAR STAR

O programa POLAR STAR busca traer as últimas novidades sobre o espazo e a ciencia polar xunto con proxectos CTEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas). As actividades científicas e as ferramentas didácticas están dispoñíbeis no sitio web de POLAR STAR.

Máis información aquí: http://polar-star.ea.gr/

5) Conferencia global “Baixo un mesmo ceo”

Este ano a conferencia anual da International Dark-Sky Association será virtual. A conferencia global “Baixo un mesmo ceo” está aberta a calquera persoa interesada en iluminación responsábel e acceso ao ceo nocturno. A conferencia celebrarase do 13 ao 14 de novembro. A inscrición é gratuíta mais é obrigatoria.

Máis información aquí: https://conference.darksky.org/

Grazas a Vivian White da Sociedade Astronómica do Pacífico por compartir con nós esta noticia.

6) 4º Simposio sobre actividades en ciencias espaciais

O Simposio sobre Actividades Educativas Espaciais (SSEA) reúne estudantes de universidade e profesionais da educación e campos afíns para discutir as súas experiencias organizando, executando ou participando en actividades educativas relacionadas co espazo. O simposio celebrarase do 21 ao 23 de abril de 2021 en formato en liña e presencial. Acéptanse resumos até o 1 de decembro de 2020.

Máis información aquí: https://sseasymposium.org/

7) Guía en liña gratuíta “Vidas negras en astronomía”

“Black lives in astronomy” (Vidas negras en astronomía) é unha guía chea de recursos que falan e están feitos por astrónomos e astrónomas negros dos Estados Unidos. A guía está deseñada para docentes e estudantes, para empregaren voces negras auténticas nos seus materiais de ensino e aprendizaxe.

Podes acceder á guía aquí: http://bit.ly/blackastro

Grazas á Sociedade Astronómica do Pacífico por esta noticia.

8) Reunión da Sociedade Astronómica do Pacífico sobre Educación Astronómica

O Encontro da Sociedade Astronómica do Pacífico sobre Educación Astronómica celebrarase do 3 ao 5 de decembro de 2020. O encontro virtual reúne a persoas de todo o mundo que estean traballando na educación e divulgación da astronomía. A inscrición pecha o 2 de decembro de 2020 e hai bolsas de apoio dispoñíbeis.

Máis información, aquí: https://astrosociety.org/get-involved/events/asp2020-a-virtual-conference/

Grazas a Andrew Fraknoi e Vivian White por compartir esta nova.

9) Repositorio de actividades e recursos en liña – Edición COVID-19

Recursos – Especial ciencia cidadá

AstroQuest
Axuda a científicos e científicas en Australia a comprender as galaxias e a súa evolución.
Ligazón: https://astroquest.net.au/

Einstein@Home
Cede tempo do teu computador para diversos proxectos de investigación astronómicos.
Ligazón: https://einsteinathome.org/

Gravity Spy
Axuda os científicos e científicas de LIGO a detectar ondas gravitacionais.
Ligazón: https://www.zooniverse.org/projects/zooniverse/gravity-spy

RadioJOVE
Observa e analiza emisións naturais de radio de Xúpiter, o Sol e a nosa galaxia.
Ligazón: http://radiojove.gsfc.nasa.gov/

Podes ver a listaxe completa de recursos e eventos en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing

10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/our-team
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queres traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor escríbenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.