Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Maio 2020 #1 | Especial NOCs nº 2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Hani Dalee, NOC Qatar
2) Robert Walsh, NOC Reino Unido
3) Martina D’Angelo, NOC Noruega
4) Boothee Thaik Htun, NOC Myanmar
5) Tsolmon Renchin, NOC Mongolia
6) Soňa Ehlerová, NOC República Checa
7) Rudolf Gális, NOC Eslovaquia
8) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
9) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Como dixemos a semana pasada, estamos compartindo mensaxes e recursos dos coordinadores e coordinadoras de divulgación nacional (NOCs). Esta semana os nosos representantes de Qatar, Reino Unido, Noruega, Myanmar, Mongolia, República Checa e Eslovaquia envíannos recursos que consideran útiles. Grazas aos NOCs que enviaron contidos para estes dous números do boletín!

Como evidencian os NOC, as persoas que fan divulgación da astronomía en todo o mundo están sacando o mellor dunha situación difícil e a súa creatividade está brillando. Se tes algún recurso astronómico en liña, por favor recorda facérnolo chegar para a Chamada á Acción das Oficinas IAU. Podes atopar o formulario aquí: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfknd4PlEi-AuxVT3PFW3otmVhgy6vVkbHfEDfjJgVIE50FEw/viewform

Se organizas un evento, recorda tamén que podes propoñelo aos premios IAU Astronomy@Home organizado pola Oficina IAU de Divulgación Astronómica. Tes máis información aquí: https://www.iau.org/public/iauoutreachaward/

Desexámosvos os ceos máis despexados e a mellor saúde,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Hani Dalee, NOC Qatar

[Mensaxe respecto do esforzo para envolver os estudantes na Olímpiada Astronómica para Escolas Katara 2020]
“As actividades astronómicas deberían continuar, mesmo nas severas condicións da corentena… A idea detrás de recoller os traballos realizados polos estudantes é facerlles saber que fixeron un traballo moi bo e que os seus esforzos non foron inútiles. As persoas gañadoras serán anunciadas en breve e de acordo con iso se distribuirán os premios”.

Recursos:

Olimpíada Astronómica para Escolas Katara 2020: a Olimpíada tivo que ser cancelada na súa forma presencial, mais o profesorado puido enviar fotos dos proxectos dos estudantes que participaban, como debuxos do tránsito de Mercurio (11 de novembro de 2019), a eclipse anular de Sol (26 de decembro de 2019) e o aniversario da imaxe “Punto azul pálido” (14 de febreiro de 2020). Ligazón: https://www.facebook.com/photo.php?fbid=10158402011773130&set=pcb.2860460867324007&type=3&theater&ifg=1

2) Robert Walsh, NOC Reino Unido

“Neste tempo sen precedentes, a astronomía pode axudarnos a comprender a imaxe máis ampla da vida ao noso redor. Toda a humanidade vive baixo un mesmo ceo nocturno, aferrada ao mesmo corpo rochoso que dá voltas a toda velocidade ao redor da mesma estrela que nos dá vida. E todas as persoas estamos xuntas nesta mesma loita sostida para superar o inimigo invisíbel do COVID-19. Así que por moi difícil que poida parecer agora, necesitamos manter o distanciamento social e outras medidas necesarias. E seguiremos compartindo as marabillas do espazo mentres recoñecemos xuntos a nosa humanidade compartida”.

Recursos:

Recursos educativos do Museo da Ciencia de Londres: actividades, xogos e vídeos compilados polo UK Science Museum Group. Útil para tratar temas das ciencias do espazo en escolas, museos e centros equivalentes. Ligazón: https://learning-resources.sciencemuseum.org.uk/resources/?subject=science&topic=space+light

Consello de Instalacións Científicas e Tecnolóxica #STFCScienceAtHome: serie semanal de actividades, recursos educativos, vídeos e xogos de preguntas de tema astronómico, por exemplo,

-Explorando o sistema solar: https://twitter.com/STFC_Matters/status/1242452111838851073

-Lúas e meteoritos: https://twitter.com/STFC_Matters/status/1244537488439459840

-O noso precioso planeta: https://twitter.com/STFC_Matters/status/1247085769564577792

Centro Nacional do Espazo: serie de actividades en liña, incluída o Adestramento de Astronautas na Casa.
Ligazón: https://twitter.com/spacecentre/status/1250740817309896705

Observatorio Nacional das Escolas (NSO): actividades semanais para facer na casa do NSO. Ligazón: https://www.schoolsobservatory.org/explore

3) Martina D’Angelo, NOC Noruega

“No actual estado de illamento social e de ameaza para a saúde provocado polo COVID-19, os seres humanos están loitando contra unha enfermidade común. Coas nosas actividades de divulgación en astronomía en liña deberiamos axudar á comunidade a pasar a unha normalidade máis positiva: todas as persoas estamos baixo un mesmo ceo, ilimitado, fermoso e descoñecido. Xuntas podemos marcar a diferenza, por insignificante que poida parecer a acción dunha soa persoa. Tede moito coidado, quedade na casa e “alt blir bra” (=”todo estará ben”) axiña”.

Recursos:

“Descubre o universo desde casa”/ “Oppdag Universet Hjemmefra” co Instituto de Astrofísica Teórica (ITA) da Universidade de Oslo:

-Astrofísicos e astrofísicas do ITA responderán calquera pregunta sobre o espazo desde as casas. Etiquetas #aotoslo #aotoslo_fromhome #astrofysikk_uio #astroathome nas redes sociais.

-Mira o ceo nocturno esta noite, e comparte as túas fotografías astronómicas co ITA. Etiquetas #astrofysikk_uio #astroathome nas redes sociais.

-ITA tamén está publicando mapas do ceo diarios para Noruega, “Stjernehimmelen I dag” (O ceo estrelado hoxe). Ligazón: https://www.mn.uio.no/astro/tjenester/kunnskap/stjernehimmelen/index.html

-Redes sociais do ITA: @astrofysikk e @aotoslo.

Globe at Night: ITA está animando á comunidade norueguesa para que participe na convocatoria do mes de Globe at Night. Compartide observacións nas redes sociais con @astrofysikk. Ligazón Globe at Night: https://www.globeatnight.org/

Recursos para profesorado e estudantes de primaria:

-Instituto de Astrofísica Teórica, Universidade de Oslo: https://www.mn.uio.no/astro/forskning/tema/index.htm

-Axencia Espacial Norueguesa: https://www.romsenter.no/no/Laer-om-rommet/

-Centro noruegués para a educación relacionada co espazo, NAROM: https://www.narom.no/undervisningsressurser/hjemmeundervisning/?fbclid=IwAR32HCObdkaw7_UALYQRl84E1OrPWfjCf_M-NUIhi_sM8LPWRZjVqRpbcZs

4) Boothee Thaik Htun, NOC Myanmar

“MASES (Sociedade de Entusiastas da Ciencia e a Astronomía de Myanmar) organizou observacións do ceo nocturno e charlas de ciencia dentro do seu programa educativo desde 2004. Debido á actual pandemia, xa non podemos organizar estas actividades. Aínda que estamos loitando contra esta situación igual que o resto da xente do planeta, tamén estamos facendo todo o posíbel para proporcionar actividades como un xeito alternativo de satisfacer a curiosidade do noso pobo, para que a xente poida gozar das marabillas do ceo e estudar desde casa con seguridade. Temos a certeza de que superaremos esta pandemia moi pronto co noso esforzo conxunto”.

Recursos:

Sociedade de Entusiastas da Ciencia e a Astronomía de Myanmar: sesións de observación ao vivo, artigos astronómicos e máis. Ligazón: https://web.facebook.com/myanmarastronomy/

5) Tsolmon Renchin, NOC Mongolia

“Ao longo do tempo, as persoas atoparon paz, perspectiva e enerxía de vida mirando as estrelas. A astronomía anima á xente a mirar as estrelas e achar a paz. A xente deste planeta precisa gozar dos fermosos ceos escuros e iniciar ou afondar na súa meditación. Agora todo o mundo medita á vez e viaxa polo universo para superar a situación actual. Fagamos meditación xuntos. Aquí tedes unha ligazón que serve de fermosa mediación: https://www.youtube.com/results?search_query=sri+sri+ravi+shankar

Recursos:

Laboratorio Espacial da Universidade Nacional de Mongolia: retransmisións televisivas do IAU100 e NameExoWorlds. Ligazón: http://www.mnb.mn/i/205777

MARSA-V: organización de Mongolia que traballa para establecer un centro internacional para o adestramento de misións a Marte. Ligazón: https://www.mars-v.com/

Documental “Marte non está lonxe” sobre a primeira viaxe dun ser humano ao espazo exterior. Ligazón: https://www.facebook.com/hashtag/%D0%BC%D0%B0%D1%80%D1%81%D1%85%D0%BE%D0%BB%D0%B1%D0%B8%D1%88?source=feed_text&epa=HASHTAG

6) Soňa Ehlerová, NOC República Checa

“Desexaría que non aconteza no meu tempo”, dixo Frodo. “E eu tamén”, dixo Gandalf, “e tamén o fan todas as persoas que viven para ver estes tempos. Mais iso non lles toca a elas decidilo. Todo o que temos que decidir é que facer co tempo que se nos dá”.

J. R. R. Tolkien, “A comunidade do anel”.

Recursos:

Academia Checa de Ciencias: a Academia organiza proxectos de ciencia en casa (#veda_na_doma). Ligazón: http://www.avcr.cz/cs/pro-verejnost/veda-na-doma/

Observatorio e Planetario de Brno (Hvězdárna a planetárium Brno): vídeos en liña sobre astronomía. O observatorio está facendo ademais retransmisións de radio. Ligazón de vídeo: https://www.youtube.com/playlist?list=PL1y47zLr2scWTW61-AgzD-2uOdu-SoMId. Sitio web: https://www.hvezdarna.cz/

Observatorio Štefánik: recursos para estudantes de infantil e primaria. Ligazón: https://www.planetum.cz/vesmirna-zabava-a-vzdelani/

7) Rudolf Gális, NOC Eslovaquia

“Eslovaquia conta cunha rede bastante densa de observatorios públicos e planetarios, cuxas principais actividades son proxeccións, conferencias, observacións e outras accións que serven para o encontro físico das persoas interesadas na astronomía de todas as idades, mais especialmente das máis novas. Hoxe en día, estes santuarios de curiosidade e coñecemento están inusualmente en silencio. Levamos algunhas actividades a Internet, mais non deixamos de desexar que pronto poidamos atoparnos baixo un mesmo ceo, sexa real ou virtual”.

Recursos:

Sitios eslovacos con información sobre investigación espacial:

-iAstrin – Internet ASTronomical Information: http://astrin.planetarium.sk/

-SPACE: https://novinky.vesmir.sk/

Exposicións en liña:

-IAU100 Arriba e máis aló, en eslovaco: http://www.planetarium.sk/ab/index.html

-Exposición de astrofotografía Viaxe ao Sol Negro: http://www.astrobb.sk/exhibit/astro_gallery.html

Actividades para facer na casa:

-Un pouco de astronomía (extraordinaria) tamén na casa: https://astropresov.sk/sliders/trochu-astronomie-mimoriadne-aj-na-doma/

-Paseo polo ceo estrelado de primavera: https://youtu.be/oZ8Jn7L8ZO4

-Comproba o coñecemento astronómico en liña: http://www.astrobb.sk/testy.php

-Mira experimentos da física: https://hvezdaren-mi.sk/videopokusy-z-fyziky/

Concursos astronómicos: as competicións astronómicas para a mocidade teñen unha longa tradición en Eslovaquia, e algunhas fixeron versión en liña este ano.

-30º concurso anual “Que sabes das estrelas?”: http://suh.sk/organizujeme/sutaze/co-vies-o-hviezdach

-14ª Olimpíada Astronómica Nacional: https://sas.astro.sk/?q=node/192

8) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

Tes interese en traducir o noso boletín ao teu idioma? Por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

O boletín é traducido aos seguintes idiomas:

-Tradución ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Tradución ao portugués europeo elaborada por Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).

-Tradución ao español, elaborada por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao francés, elaborada por Rulx Narcisse, da Sociedade Astronómica Haitiana, neste enderezo: https://haitiastronomie.blogspot.com/

9) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.