Nota dos editores
Prezados amigos, amigas e colegas,
É o último número do Boletín de Divulgación de Astronomía da IAU de 2019! E da década dos 10! E o noso equipo non acaba de crer a fantástica viaxe que fixemos.
A Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU (OAO, polas siglas en inglés) comezou a principios da década tras o fantástico Ano Internacional da Astronomía de 2009. Agora, dez anos despois, rematamos outro ano mundial de celebración: o do centenario da IAU.
Este ano estivo particularmente marcado por moitos logros, así como polos cambios vividos na Oficina de Divulgación da Astronomía. A Rede de Tradución Astronómica (ATN) ten agora máis de 400 tradutores e tradutoras voluntarios, que representan 35 idiomas diferentes. Celebramos o primeiro Simposio IAU sobre inclusión, equidade e diversidade en todos os aspectos da astronomía. Creceu a nosa rede de Coordinación da Divulgación Nacional (NOC), e agora ofrecemos apoios a proxectos de alcance que os nosos coordinadores e coordinadoras queren implementar cun especial atención á colaboración internacional. Por último, publicamos dous números da revista Comunicar Astronomía co Público (CAP), para tratar os principais resultados astronómicos anunciados este ano.
Internamente, eu asumín o rol de Coordinadora de Divulgación Internacional, mentres que Izumi Hansen ocupou o meu anterior posto como Coordinadora Axudante de Divulgación. Gustaríanos darlles as grazas a Sze-Leung Cheung, anterior coordinador de divulgación internacional, e a Yukiko Shibata, oficial de divulgación internacional, polo seu arduo traballo e dedicación á oficina durante os últimos cinco anos. Este ano tamén demos a benvida ao noso equipo á doutora Wanda Díaz Mercé, a Mizuho Matsumoto, a Pisit Nitiyanant e dúas persoas que traballaron como bolseiras facendo deseño gráfico, Karin Shimodate e Milano Aoki, a quen lles enviamos o noso máis cálido agradecemento e cariño.
Durante 2019 tamén tivemos o privilexio de colaborar coa Secretaría IAU100, con sede en Leiden (Países Baixos), para as celebracións dos 100 anos da IAU. Gustaríanos agradecer o talento e o traballo do grupo formado por Jorge Rivero González, Bethany Downer, Eduardo Penteado, Hannah Harris, Aneta Margraf-Druc, Iris Nijman e moitos e moitas máis, polo seu gran labor durante o ano 2019.
Aos colegas da Secretaría IAU en París, Francia; á Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU en Cidade do Cabo, Sudáfrica, e aquí no Observatorio Astronómico Nacional do Xapón (NAOJ) en Mitaka, Xapón, dámoslles sinceramente as grazas pola amizade e o apoio durante a pasada década. E, por suposto, unha cálida benvida aos nosos novos colegas de Heidelberg, Alemaña: desexamos colaborar con eles e coa Oficina de Astronomía para a Educación da IAU.
Por último, mais non é menos importante, un profundo agradecemento aos coordinadores e coordinadoras de divulgación nacional (NOCs), que xogaron un papel chave na promoción das celebracións IAU100 en todo o mundo e dedicaron tempo e paixón para facer de IAU100 un momento excepcional de celebración. E non podemos esquecer aos moitos e moitas profesionais de astronomía que forman parte da IAU, así como ás persoas organizadoras e voluntarias da comunidade global que están dispostas a compartir a súa experiencia para apoiar os esforzos de divulgación no noso campo. Esperamos con ansia o traballo que todos e todas nós faremos na próxima década.
Desexámosvos os ceos máis despexados para 2020 e todo o mellor!
Lina Canas, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU
IAU100: Resumo do Ano
Agora que chegamos a finais do 2019, é hora de revisarmos algúns dos aspectos máis destacados das actividades IAU100 realizadas en todo o mundo.
Comezamos o ano coas 100 Horas de Astronomía do 10 ao 13 de xaneiro. Durante 100 horas seguidas, persoas de todo o mundo uníronse ás celebracións da IAU organizando actividades relacionadas coa astronomía. Desde festas das estrelas até conferencias, esta iniciativa serviu para reactivar a comunidade e permitir que a xente descubrise as actividades IAU100. A maioría das persoas que participaron nesta primeira acción, seguiron participando en moitas máis durante o resto do ano.
En febreiro, enfocamos os nosos esforzos nos eventos IAU100 Mulleres e Nenas en Astronomía. Neste marco até o momento organizáronse máis de 300 eventos en 70 países para discutir a equidade de xénero, o papel da muller na ciencia, a importancia dos referentes e o fomento da participación das nenas nas carreiras CTEM. Houbo moitos eventos inspiradores en todo o mundo, incluído o gañador do concurso IAU100 Mulleres e Nenas en Astronomía IAU100, o proxecto Molo Mhlaba levado a cabo en Sudáfrica.
Durante este mes, a exposición Estrelas que inspiran tamén pasou por tres lugares diferentes en Europa, incluída a participación activa na Conferencia Cero das Nacións Unidas en Viena. A exposición IAU100 Estrelas que inspiran estivo presente en 9 países: Austria, Chile, Etiopía, Bélxica, Italia, Francia, Reino Unido, Irán, Xapón e Tailandia, nun total de 16 intervencións que chegaron a miles de persoas.
En marzo, moitas Escolas Einstein comezaron as actividades previas á celebración do centenario da eclipse solar de 1919 que probou que Einstein tiña razón. Ao redor de 200 escolas en 45 países formaron parte da rede de Escolas Einstein, que estiveron ocupadas todo o ano aprendendo sobre a gravidade e comunicando ciencia.
En abril tivo lugar o acto central IAU 1919-2019: 100 anos Baixo un Mesmo Ceo no Palacio das Academias en Bruxelas (Bélxica). No mesmo lugar onde naceu a IAU, persoas de 67 países diferentes reuníronse para reflexionar sobre a astronomía no último século, mais tamén para discutir o futuro. A celebración concluíu cun día dedicado á comunidade de astronomía amadora para explorar formas de mellor colaboración.
Maio foi un mes moi intenso coa celebración do Día Internacional da Luz por parte dos nosos Embaixadores de Ceos Escuros IAU100, que organizaron moitas actividades ao redor do 16 de maio. O proxecto Ceos Escuros para todas as persoas creou unha rede de 120 embaixadores que organizaron 200 actividades durante o ano para crear conciencia sobre a contaminación luminosa. Outro fito importante de maio foron as celebracións en Príncipe e Sobral do Centenario da eclipse solar de 1919.
O mes de xuño foi moi emocionante co lanzamento do proxecto IAU100 NameExoWorlds para dar a oportunidade aos países de todo o mundo de organizar campañas nacionais para poñerlle nome a unha estrela e un exoplaneta. En xuño, tamén lanzamos a versión póster da exposición IAU100 Arriba e máis aló. A exposición mostra un fascinante século de descubrimentos astronómicos en doce carteis A0. Grazas á distribución gratuíta de 300 xogos de carteis, a exposición estivo presente en 75 países até o momento.
A eclipse solar total do 2 de xullo, observada principalmente na Arxentina e Chile, mobilizou a moitas persoas na organización de actividades. Neste marco, apoiamos o proxecto Eclipse LuzSon, que distribuíu 20 dispositivos en comunidades da Arxentina e Chile entre persoas con discapacidade visual para que experimentasen a través do son a variación da intensidade da luz durante unha eclipse solar en tempo real. Os días 20 e 21 de xullo tivemos un dos mellores momentos do ano co 50 aniversario da chegada á Lúa. Este proxecto IAU100 foi a acción coordinada máis grande do mundo con máis de 1 millón de persoas participando activamente en 1000 eventos en 128 países.
En agosto, a exposición itinerante IAU Arriba e mais aló pasou por diferentes lugares de Irlanda e permaneceu alí até outubro. Desde a súa apertura en agosto de 2018, a exposición itinerante visitou Austria, Eslovaquia, Bélxica, Irlanda e Italia. Estamos moi contentos de saber que se produciron versións locais da exposición nos Países Baixos, Xapón, Alxeria e Uruguay, por nomear algunhas.
A convocatoria de formación de docentes das Escolas de Astronomía Aberta lanzada no principio do ano foi un grande éxito e puidemos financiar 20 sesións de formación, a maioría delas no último trimestre do ano a partir de setembro. Acabamos de lanzar unha segunda convocatoria de solicitudes destas Escolas de Astronomía Aberta para 2020. A convocatoria para docentes inclúe 250 kits de telescopio, amablemente ofrecidos polo Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ).
A principios de outubro lanzamos a serie de vídeos Baixo un mesmo ceo: a astronomía ao redor do mundo, que ofrece unha visión da diversidade da comunidade astronómica mundial. Cada vídeo preséntase a través dos ollos dos coordinadores e coordinadoras de divulgación nacional da IAU, e con cada capítulo aprendemos sobre a historia da astronomía, os esforzos de investigación actuais de cada país en ciencia espacial e como se celebra a astronomía nesa rexión. Até o momento publicáronse 13 vídeos e seguirán aparecendo máis durante a primeira metade de 2020.
En outubro tamén compartimos algúns aspectos destacados dos proxectos especiais IAU100. A iniciativa Amanar: baixo o mesmo ceo visitou os campamentos de refuxiados saharauís para compartir astronomía coa comunidade local. Ademais, o planetario móbil UNIPAMPA inspirou a miles de persoas no sur de Brasil. O Programa ArAs de formación de docentes en astronomía proporcionou novas técnicas no ensino da astronomía a máis de 60 docentes de ciencia de secundaria e bacharelato en Palestina.
A iniciativa global do Día da Astronomía nas Escolas celebrouse do 10 ao 17 de novembro. O proxecto animou a astrónomos e astrónomas a visitar escolas e realizar observacións e actividades prácticas coa rapazada. Foi un grande éxito con máis de 500 eventos e actividades que tiveron lugar en 70 países de todo o mundo. Tamén en novembro celebrouse en Xapón o Simposio IAU 358 Astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión: unha folla de ruta para a acción no marco do centenario da IAU, que deu a benvida a 124 participantes de 31 países diferentes. O simposio tivo como obxectivo crear unha estratexia de acción centrada nas persoas para mellorar a diversidade en astronomía. A reunión axudou a sentar as bases para as Resolucións de Mitaka para as políticas de equidade, diversidade e inclusión en astronomía, que cristalizarán nunha “Folla de ruta para a acción”, en liña co novo Plan Estratéxico 2020-2030 da IAU.
Despois do enorme compromiso global acadado, os resultados das campañas IAU100 NameExoWorlds foron anunciados en decembro. Máis de 780000 persoas participaron na selección dos nomes de 112 parellas de exoplanetas e estrelas anfitrioas que se poden explorar aquí. Esta é só a segunda vez na historia que un certame permite o nomeamento de estrelas e exoplanetas, e terá impacto nos vindeiros anos, xa que os nomes gañadores utilizaranse en paralelo á nomenclatura científica existente e darase crédito á persoa, grupo ou institución que os suxeriu. Pechamos 2019 con moitas actividades relacionadas coa eclipse solar anular do 26 de decembro, incluído o proxecto especial IAU100 obradoiro ASEAN.
O ano 2019 chega ao seu fin, mais seguiremos celebrando IAU100 até febreiro de 2020 cunha acción global máis: o Proxecto IAU100 Punto Azul Pálido. Despois dun ano de mirar o pasado da astronomía con IAU100, agora animamos a todas as persoas a mirar o planeta Terra. Coa concienciación ambiental e a cidadanía global en mente, o proxecto celebrará o 30 aniversario da imaxe icónica do “Punto Azul Pálido” do 13 ao 20 de febreiro.
Aínda que é importante considerar aspectos como a grande cantidade de actividades IAU100 realizadas -ao redor de 5000 eventos en 140 países, coa participación activa de millóns de persoas-, cremos que é máis interesante mirar máis alá dos números. Por unha banda, gustaríanos destacar que IAU100 foi unha verdadeira iniciativa de base con miles de persoas en todo o mundo que fixeron actividades astronómicas baixo o lema do IAU100. Doutra banda, estes programas globais a grande escala serven para que moitas persoas experimenten cousas importantes por primeira vez, por exemplo, observar a través dun telescopio, reflexionar sobre o seu lugar no universo, organizar unha actividade de divulgación ou dar unha conferencia por primeira vez. Así, o legado máis importante de IAU100 é o de acender unha faísca que quizais faga que a maioría das accións se perpetúen no tempo.
Dámoslles as grazas a todas as persoas de todo o mundo que fixeron posible IAU100, desde as persoas encargadas da coordinación da divulgación nacional, ou da coordinación do Proxecto IAU100, até as outras comunidades envolvidas, como os astrónomos e astrónomas amadores, membros da IAU, educadores e educadoras, docentes, mestres e os parceiros IAU100. Este ambicioso programa de actividades ao longo dun ano non sería posible sen todos e todas vós.
Desexámosvos un 2020 inspirador, que afonde na idea de que vivimos baixo un mesmo ceo. Fagamos da fase final do IAU100 un peche emocionante para un intenso ano de actividades de astronomía e participación pública.
Jorge Rivero González, Coordinador IAU100, en nome da Secretaría IAU100
Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;
-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.
-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!