Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Agosto #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) A punto de pechar os premios de divulgación astronómica en liña Astronomy@Home
2) Obradoiro “Ceos escuros e tranquilos para a ciencia e a sociedade”
3) Obradoiro Shaw-IAU de Astronomía para a Educación
4) Informe do Día Internacional da Luz 2020
5) Acéptanse propostas para a Global Space Opera
6) Noite Internacional de Observación da Lúa
7) Recursos de aprendizaxe astronómica NASE
8) Proxecto ÁGORA
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

A formación e o desenvolvemento de habilidades das persoas que fan divulgación en astronomía é importante para a nosa oficina. Compartimos neste número unha serie de oportunidades para mellorarmos a nosa forma de divulgar a astronomía a través de varios eventos, como o Obradoiro Shaw-IAU, ou para practicarmos as habilidades, como o Proxecto ÁGORA. Hai tamén unha serie de eventos de divulgación internacional que están ou comezando ou a punto de acabar, nos que é posíbel participardes.

Por último, achégase a data límite para o Premio Astronomy @ Home: neste número tedes máis información sobre as candidaturas.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía (OAO) da IAU

1) A punto de pechar os premios de divulgación astronómica en liña Astronomy@Home

A primeira data límite para presentarse aos premios de divulgación astronómica en liña Astronomy@Home remata o 31 de agosto de 2020. Estes premios, creados pola Oficina IAU de Divulgación Astronomómica, aceptan propostas de proxectos de divulgación astronómica en liña que responden ás limitacións producidas pola COVID-19. A segunda fase de propostas elixíbeis para os premios conclúe o 15 de setembro de 2020.

Máis información: https://www.iau.org/public/iauoutreachaward/

2) Obradoiro “Ceos escuros e tranquilos para a ciencia e a sociedade”

A Unión Astronómica Internacional (IAU) apoia o obradoiro “Ceos escuros e tranquilos para a ciencia e a sociedade”. Organizado conxuntamente coa Oficina das Nacións Unidas para Asuntos do Espazo Exterior (UNOOSA) e o Goberno de España, o obradoiro virtual tratará a redución da contaminación luminosa en favor da investigación e o benestar humano. Terá lugar do 5 ao 9 de outubro de 2020. Podes rexistrarte até o 30 de setembro de 2020.

Máis información: http://research.iac.es/congreso/quietdarksky2020/pages/home.php

3) Obradoiro Shaw-IAU de Astronomía para a Educación

A Oficina IAU de Astronomía para a Educación desenvolverá este ano en liña o obradoiro Shaw-IAU de Astronomía para a Educación. Terá lugar do 6 ao 9 de outubro e está aberto a toda a comunidade de educadores e educadoras en astronomía.

Máis información: https://www.haus-der-astronomie.de/oae/shaw-iau-workshop-call

4) Informe do Día Internacional da Luz 2020

O Día Internacional da Luz presentou o seu informe 2020. O Día Internacional da Luz celebra as moitas formas que en a luz afecta a Terra, incluído o impacto da luz na astronomía. A OAO desenvolveu dentro dos nosos programas de divulgación global de 2020 campañas virtuais de concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos durante o mes de maio.

Podes ler o informe en PDF aquí: https://107e577e-c982-4aeb-a3d0-a8beecf09f4b.filesusr.com/ugd/3b6030_af3e216b306844bd80b7708565c90125.pdf

5) Acéptanse propostas para a Global Space Opera

Global Space Opera (GSO) acepta propostas de estudantes de todo o mundo para o seu programa de 2020 “Energize”. GSO xunta estudantes de todo o mundo para participar nunha actuación virtual e creativa que celebra a astronomía. As persoas que queiran participar deben falar co seu contacto nacional para ver a mellor maneira en que poden unirse.

Para saber máis: https://globalscienceopera.com/

6) Noite Internacional de Observación da Lúa

A Noite Internacional de Observación da Lúa é un evento anual que anima a xente de todo o mundo a pasar o serán mirando a Lúa. O evento deste ano, marcado para o 26 de setembro, fomenta tanto os encontros presenciais como as actividades virtuais, en función das normas locais e recomendacións en favor da seguridade.

Máis información: https://moon.nasa.gov/observe-the-moon-night/about/overview/

7) Recursos de aprendizaxe astronómica NASE

A Rede para a Educación Astronómica nas Escolas é un programa de formación docente multilingüe en astronomía patrocionado pola IAU. Nalgúns países a formación é en liña e as caixas NASE e outros recursos educativos están dispoñíbeis en liña. Anímase o profesorado a desenvolver actividades formativas cos estudantes nas comunidades locais. As persoas encargadas da coordinación de divulgación nacional en Togo e Senegal, Doh Koffi Addor e Salma Sylla, realizaron obradoiros NASE nos seus países.

Máis información sobre formación e recursos no sitio web www.naseprogram.org

Grazas a Beatriz García, Salma Sylla e Doh Koffi Addor por compartiren esta información.

8) Proxecto ÁGORA

O proxecto ÁGORA é unha iniciativa para levar astrónomos e astrónomas a lugares atípicos de aprendizaxe, como estacións de tren, prazas públicas ou parques, para falar de forma espontánea sobre astronomía. O proxecto español-inglés está agora na procura de novos participantes.

Máis información aquí: http://sion.frm.utn.edu.ar/proyecto-agora/index.php/en/home/

9) Repositorio de actividades e recursos en liña

Recursos

O astronauta Chris Hadfield sobre o illamento no espazo
Ligazón: https://youtu.be/4uL5sqe5Uk8

Kit COVID-19 Sigma Xi
Información científica e lecturas sobre a COVID-19
Ligazón: https://www.sigmaxi.org/programs/critical-issues-in-science/covid-19-preparedness-kit

Full Fact
Sitio web de comprobación de noticias no Reino Unido
Ligazón: https://fullfact.org/

Podes ver a listaxe completa de recursos e eventos en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing

10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queres traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor escríbenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.