Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Abril 2020 #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Premios IAU para a astronomía en liña
2) Actualización da conferencia 2010 Comunicar Astronomía co Público (CAP)
3) Revista CAP #27 Divulgación para o desenvolvemento
4) Celebracións IAU100: revista CAP #28 Número especial
5) Un ano da cerimonia “IAU 1919-2019: 100 anos baixo un mesmo ceo”
6) Mes da Astronomía Global 2020
7) Primeiros nomes oficiais dados a características do asteroide Bennu
8) Astrónomos e astrónomas IAU – Únete ao programa Coñece os astrónomos e astrónomas da IAU
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Como ben sabedes, moitos departamentos de astronomía, institucións, organizacións e centros de investigación de todo o mundo están desenvolvendo recursos e adaptando moitos dos seus programas para que sexan accesíbeis a toda a xente que queda na casa, así que hai unha inmensa cantidade de actividades astronómicas en liña para facer. Na Oficina de Divulgación Astronómica non somos diferentes e estamos traballando para apoiar, difundir e recoñecer os esforzos inspiradores que se están facendo.

Neste boletín, seguimos levándovos programas en liña que están implementando organizacións astronómicas e queremos traer á vosa atención as celebracións do Mes Global da Astronomía a cargo de Astronomía Sen Fronteiras. Temos ademais algúns anuncios no ámbito de Comunicar Astronomía co Público (CAP), como o último número da revista CAP (unha edición especial enfocada á astronomía para o desenvolvemento) e actualizacións sobre a Conferencia CAP 2020.

Recordade manter a seguridade e protexer outras persoas, lavar as mans durante vinte segundos e permanecer a dous ou tres metros de distancia do resto da xente.

Desexámosvos os ceos máis despexados e a mellor saúde,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU

1) Premios IAU para a astronomía en liña

Coa maioría de nós quedando na casa e facendo o mellor que podemos, a Oficina de Divulgación Astronómica quere recoñecer as actividades de divulgación en casa que estades creando. Organizamos os premios IAU da astronomía en liña para recoñecer iso. Podedes enviar propostas de todo o mundo para a súa avaliación até o 31 de xullo de 2020.

Máis información, aquí: https://www.iau.org/public/iauoutreachaward/

O anuncio noutros idiomas:

En eslovaco: https://bit.ly/2K0bFMI

En español: https://bit.ly/2V5ATiX

En polaco: https://bit.ly/3baQXFK

2) Actualización da conferencia 2010 Comunicar Astronomía co Público (CAP)

A organización da conferencia CAP 2020 estivo analizando a situación do COVID-19 e iso trouxo algúns cambios. Polo momento, a conferencia terá lugar nas datas previstas, mais a decisión final de cando e como se celebrará tomarase en xullo de 2020. A data final para o envío de propostas e a solicitude de bolsas de viaxes aprazouse até o 30 de abril de 2020. A situación segue a cambiar rapidamente, así que animámosvos a buscar información actualizada no sitio web e redes sociais da conferencia CAP 2020.

Sitio web: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

Facebook: https://www.facebook.com/CAPconference/

Twitter: https://twitter.com/capconference

3) Revista CAP #27 Divulgación para o desenvolvemento

Xa saíu o número 27 da revista Comunicar Astronomía co Público. Este número, feito con persoas convidadas da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento, salienta o traballo de divulgación astronómica que apoia o desenvolvemento en países de todo o mundo. Entre os proxectos destacados neste número está un programa extraescolar para estudantes de secundaria no Brasil, os esforzos para facer medrar o astroturismo en Quenia e un programa para incrementar a curiosidade e o coñecemento en Chipre.

Máis información: http://www.capjournal.org/issues/27/

4) Celebracións IAU100: revista CAP #28 Número especial

En 2019 a Unión Astronómica Internacional (IAU) celebrou o seu centenario. A revista Comunicar Astronomía co Público aspira a recoller ese ano de actividades nun novo número. Convidamos aos organizadores e organizadoras de calquera proxecto de divulgación IAU100 a enviar propostas de resumos para un artigo. Animamos especialmente o envío de artigos sobre proxectos relevantes financiados polo IAU100, así como sobre proxectos recomendados polo IAU100.

Hai máis información dispoñíbel nesta ligazón: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann20009/

5) Un ano da cerimonia “IAU 1919-2019: 100 anos baixo un mesmo ceo”

Hai un ano a IAU comezou oficialmente a celebración do seu centenario. Moitas persoas dos ámbitos da astronomía profesional e amadora reuníronse en Bruxelas, Bélxica, para a cerimonia “IAU 1919-2019: 100 anos baixo un mesmo ceo”. Varias conferencias excelentes e inspiradoras foron presentadas baixo o tema “Astronomía con e para a Sociedade”. Logo deste evento de dous días, tivo lugar tamén en Bruxelas o primeiro evento IAU orientado á astronomía amadora, para salientar as moitas contribucións que a astronomía amadora fai á ciencia.

Podes ler máis sobre esa cerimonia nesta ligazón: https://www.iau-100.org/programme-brussels-event

Vídeos da cerimonia, aquí: https://youtu.be/x4sqUDrrl1I

6) Mes da Astronomía Global 2020

Abril é o Mes da Astronomía Global e a organización Astronomía Sen Fronteiras celebrará múltiples eventos en liña ao longo de todo o mes. Moitas organizacións xa rexistraron os seus eventos, que se celebrarán en moitos idiomas.

Máis información: https://astronomerswithoutborders.org/global-astronomy-month-2020.html

7) Primeiros nomes oficiais dados a características do asteroide Bennu

A IAU deulle oficialmente nome a doce características do asteroide Bennu, o obxecto da primeira misión da NASA que traerá unha mostra do asteroide de volta á Terra. “Bennu” toma nome dunha antiga divinidade exipcia, representada como unha ave e asociada co Sol, a creación e o renacemento. As características do asteroide reciben todas elas nomes relacionadas con aves mitolóxicas e criaturas con forma de ave.

Máis información: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2002/

8) Astrónomos e astrónomas IAU – Únete ao programa Coñece os astrónomos e astrónomas da IAU

Este ano a Oficina de Divulgación Astronómica está organizando o programa “Coñece os astrónomos e astrónomas da IAU”, que pon en contacto os astrónomos e as astrónomas con escolares de todo o mundo para que a rapazada e as súas comunidades aprendan máis sobre a astronomía. Se es un astrónomo ou astrónoma da IAU e tes interese en falar con escolares e coas súas familias, podes atopar máis información e inscribirte nas ligazóns de máis abaixo.

Máis información: https://forms.gle/o7TJg2BTw1b252VS8

9) Repositorio de actividades e recursos en liña

A Real Sociedade Astronómica compartiu connosco os seus moitos recursos na chamada á acción desta semana. Aquí están algúns dos eventos que compartiron:

a) Sesión preescolar da Real Sociedade Astronómica
Que: un tempo para que aprendan astronomía en liña nenos e nenas de preescolar
Cando: 15 de abril de 2020 10:30-11:30 BST (+1 UTC)
Onde: https://www.eventbrite.co.uk/e/pre-school-space-session-tickets-101740685128

b) Festival Queda na Casa da rede Cosmic Shambles
Que: varios espectáculos de variedades e comedia sobre ciencia para todas as idades e con quendas de preguntas e respostas
Cando: case todos os días ao longo de abril
Onde: http://cosmicshambles.com/stayathome

c) O Real Observatorio de Greenwich responde as túas preguntas astronómicas
Que: faille preguntas aos astrónomos e astrónomas do Real Observatorio de Greenwich.
Onde: en twitter @RMGreenwich ou @RoyalAstroSoc
Etiquetas: #ObservatoryOnline, #MuseumfromHome, #Sciencefromhome

d) Emily Calandrelli, a moza espacial
Que: experimentos de ciencia ao vivo
Cando: cada día ás 20:00 BST (+1 UTC)
Onde: www.instagram.com/thespacegal e www.youtube.com/spacegal

Podes ver máis eventos e recursos e propoñer os teus propios na Chamada á Acción neste enderezo: https://www.iau.org/public/callforonlineresources/

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

Tes interese en traducir o noso boletín ao teu idioma? Por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

O boletín é traducido aos seguintes idiomas:

-Tradución ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Tradución ao portugués europeo elaborada por Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).

-Tradución ao español, elaborada por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao francés, elaborada por Rulx Narcisse, da Sociedade Astronómica Haitiana, neste enderezo: https://haitiastronomie.blogspot.com/

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.