Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Maio 2023 #1

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: seminario da OAO sobre a relevancia cultural da protección do ceo escuro e tranquilo
1) Convocatoria de posto de oficial de divulgación internacional da IAU OAO
2) XVIII Edición do Festival Nacional de Astronomía Popular
3) III Certame de Astrofotografía IAU OAE
4) Premios Rexionais TWAS para 2023
5) Desconto para docentes de EclipseGlasses.com
6) Novas NOC
7) Oportunidade
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía en linguas diferentes do inglés
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amizades e colegas,

Esperamos que teñades un comezo estelar no mes dos Ceos Escuros e Tranquilos!

Comezamos este mes con dous obradoiros públicos en directo sobre astrofotografía con teléfonos intelixentes e celebraremos un máis o 14 de maio (principalmente en coreano, con subtítulos en inglés e traducións). Tamén seguimos apoiando a nosa Enquisa Global de Iniciativas sobre Contaminación Luminosa e o programa Protector dos Ceos Escuros e Tranquilos. O asunto destacado deste boletín ofrece máis detalles sobre o noso último evento, o Seminario da OAO sobre a relevancia cultural da protección do ceo escuro e tranquilo. Agardamos que poidades unirvos a nós neste evento repleto de estrelas o 31 de maio ás 13:00 UTC. E, se che gusta o que facemos na OAO, valora unirte a nós solicitando o posto de Oficial de Divulgación Internacional.

Neste boletín hai moitas formas de celebrar a astronomía. Animámosvos a participar no Concurso de Astrofotografía da OAE (no que existe unha categoría de astrofotografía co teléfonos intelixentes patrocinada pola OAO). Podedes sumarvos ao Festival Nacional de Astronomía Popular en Alxeria ou aproveitar o desconto dispoñíbel para docentes en EclipseGlasses.com.

Coma sempre, temos algunhas oportunidades e recursos interesantes dispoñíbeis para vós e os vosos equipos mentres desenvolvedes as vosas prácticas de divulgación.

Finalmente, queremos agradecer as nosas coordinacións nacionais de divulgación da IAU todo o traballo que realizan nas súas comunidades. Inspírannos na OAO para crear contido relevante e emocionante.

Aproveitade o tempo para saír e gozar do ceo nocturno este mes (e todos os meses). E por suposto:

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Ceos escuros e tranquilos: Seminario da OAO sobre a relevancia cultural da protección do ceo escuro e tranquilo

Unídevos a nós o 31 de maio de 2023 ás 13:00 UTC no noso “Seminario IAU OAO sobre a protección dos ceos escuros e tranquilos: a relevancia cultural da protección do ceo escuro e tranquilo”. Este evento en liña reunirá profesionais da astronomía, a cultura, as artes, o activismo e a divulgación para compartir a súa conexión co ceo escuro e tranquilo e a súa importancia para as culturas do mundo. Convidamos a toda a xente, desde estudantes e profesionais da astronomía até as persoas que preservan o coñecemento dos pobos orixinarios, a que sintonicen, aprendan e se comprometan con esta importante cuestión.

Recoméndase encarecidamente a inscrición previa para este evento.

Acompañarannos Masaaki Hiramatsu (NAOJ), Manuel Grullon (IAU NOC República Dominicana), Lya Osborn (Light Justice), Duane Hamacher (Universidade de Melbourne), Krystal de Napoli (Universidade de Monash), Bon Mott (artista, educador e comisario en Melbourne, Australia), Aparna Venkatesan (Universidade de San Francisco) e Jessica Heim (Universidade do Sur de Queensland; IAU CPS).

1) Convocatoria de posto de oficial de divulgación internacional da IAU OAO

A OAO busca unha persoa motivada para unirse como oficial de divulgación internacional. O posto é a tempo completo e estará baseado no OAO, que está situado no Observatorio Astronómico Nacional de Xapón, Campus de Mitaka, en Toquio, Xapón.

Para obterdes máis información, elixibilidade e detalles sobre como enviar a solicitude, consultade este anuncio.

2) XVIII Edición do Festival Nacional de Astronomía Popular

Convidámosvos a asistir á 18ª edición do Festival Nacional de Astronomía Popular, do 22 ao 24 de xuño de 2023, en Constantina, Alxeria.

A edición deste ano estará dedicada ao asunto “Explorar o Universo Invisíbel: un ano da posta en servizo do Telescopio Espacial James Webb” e conta co apoio da Unión Astronómica Internacional, a Sociedade Astronómica Africana e a Unión Árabe de Astronomía e Ciencia Espacial.

A organización proporcionará aloxamento local gratuíto para a comunidade profesional e amadora que se una ao festival. Para obterdes máis información sobre este evento, consultade o sitio web da conferencia.

3) III Certame de Astrofotografía IAU OAE

A Oficina de Astronomía para a Educación da IAU (OAE) lanzou a terceira edición do seu concurso de astrofotografía. Este ano, a OAE invita a enviar imaxes nas seguintes categorías: fases de Venus, arcos diarios do Sol e gráficos solares, amencer e solpor ao longo do ano e imaxes de calquera obxecto astronómico tomadas exclusivamente con teléfonos intelixentes ou dispositivos móbiles. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de xuño de 2023 ás 12:00 CET. Os envíos serán avaliados por un panel internacional de persoas expertas en astrofotografía e educación astronómica que terá en conta non só as calidades estéticas e técnicas das imaxes senón tamén o valor educativo de cada entrada no contexto do ensino de primaria e secundaria.

Para máis información sobre o concurso da OAE e para enviardes as vosas fotografías, accedede a este sitio web.

4) Premios Rexionais TWAS para 2023

Os premios rexionais da Academia Mundial de Ciencias para o avance da ciencia en países en desenvolvemento (TWAS, polas siglas en inglés) para 2023 outorgaranse en recoñecemento ás contribucións significativas e innovadoras ao material educativo científico que axuden a mellorar a calidade da educación científica na rexión árabe. Cada gañador do premio rexional TWAS recibirá 3.000 dólares.

Para obterdes máis información sobre o premio e a elixibilidade, consultade o sitio web do premio TWAS.

5) Desconto para docentes de EclipseGlasses.com

De cara ás próximas eclipses, EclipseGlasses.com ofrece un desconto especial para docentes nas súas lentes de eclipse e no filtro para teléfonos intelixentes, Solar Snap. Este filtro, que tamén inclúe unha descarga gratuíta da aplicación Solar Snap, permítevos a vós e o voso alumnado facer fotos dunha eclipse solar con seguridade mentres a experimentas en tempo real. Tedes máis información sobre este desconto do filtro solar no sitio web de EclipseGlasses.

6) Novas NOC

a) Costa de Marfil

O estado de Costa de Marfil pretende lanzar o primeiro satélite marfileño para 2024 e crear unha axencia espacial marfileña. O 18 de maio, o NOC de Costa de Marfil axuda a organizar un evento denominado ”AstroPause” para discutir as apostas e os retos desta axencia espacial. A charla correrá a cargo do doutor Aka, epistemólogo e filósofo da ciencia.

b) Haití

O equipo NOC de Haití volveu producir un gran vídeo para o público, esta vez sobre o Sol. Está dispoñible en haitiano, con subtítulos en inglés. Podedes atopar o vídeo nesta ligazón.

c) Kuwait

O domingo 23 de abril, o equipo NOC de Kuwait observou a conxunción de Venus e a lúa crecente do mes de Shawwal no Centro Cultural Sheikh Abdullah Al Salem. O evento atraeu grande número de visitantes ao centro, que gozaron vendo este evento astronómico con telescopios e a simple vista.

d) Qatar

O Ministerio de Educación de Qatar anunciou os resultados da súa Olimpíada de Astronomía de Qatar para Escolas 2022-2023, celebrada durante o curso académico 2022-2023. En total, foron 58 as escolas gañadoras en dous proxectos astronómicos, e máis de 40 escolas adquiriron telescopios para cumprir este proxecto. A Olimpíada está supervisada e dirixida pola Oficina Nacional de Coordinación de Divulgación en Qatar, a Unión Árabe para a Astronomía e as Ciencias Espaciais e a Casa do Calendario de Qatar.

7) Oportunidades

a) Bolsas de Investigación en Arqueoloxía da Paisaxe Celeste
As bolsas de investigación en arqueoloxía da paisaxe celeste do Sophia Center/JSA apoian, promoven e fomentan futuros proxectos de investigación de estudantes e persoal investigador no inicio da súa carreira no campo da arqueoloxía da paisaxe celeste. Cada subvención consistirá nun máximo de 500 £ para a execución dun proxecto de investigación. Os proxectos poden formar parte dos seus estudos (se así o permite o seu programa ou unidade), ser pezas de investigación completamente independentes ou proxectos piloto para estudos posteriores.

As solicitudes recíbense de forma continua; podedes facer a solicitude en calquera momento, sempre que aínda existan fondos dispoñíbeis. Para saberdes se aínda hai fondos dispoñíbeis, poñédevos en contacto co doutor Fabio Silva (fsilva@bournemouth.ac.uk) antes de enviar unha solicitude.

Para obterdes máis información sobre esta oportunidade, consultade este documento informativo.

8) Recursos interesantes

a) Novo número de Space Scoops [Contido en inglés]
Aprende sobre galaxias distantes, probabelmente atrapadas durante unha gran fusión. Se queredes axudar a que Space Scoop se traduza a máis idiomas do mundo, envíade un correo electrónico a info@unawe.org

b) Unídevos ao Ecite’s Space Group e facede achegas ao seu boletín 52

O Space Group mellora e amplía a comunicación sobre a ciencia espacial axudando a centros científicos, profesionais espaciais e non especialistas a desenvolver proxectos e eventos colaborativos. Calquera persoa pode unirse ao Space Group dende esta ligazón.

Cando o fagades, engadide as vosas contribucións ao seu boletín 52. Envíade as vosas contribucións a Space Group antes do 19 de maio.

9) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Queres facer achegas ao boletín informativo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía? Estamos sempre na procura de material sobre divulgación e comunicación da astronomía de todo o mundo para incluíla no noso seguinte boletín. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Por favor, enviade as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.