A Real Academia Galega dá un paso máis na mellora do vocabulario técnico da astronomía coa aprobación dunha proposta normalizada e oficial dos nomes das oitenta e oito constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional. A listaxe é froito da colaboración entre o Seminario de Terminoloxía e o equipo composto por Salvador Bará, profesor da área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela; Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío; e o físico Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, o coordinador do Seminario de Terminoloxía, o académico Manuel González; e o director de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo, presentaron hoxe o resultado deste traballo na Casa das Ciencias nun acto que concluíu ollando a recreación do ceo do planetario con Martin Pawley como guía.
Podedes ler nesta ligazón a nota de prensa completa publicada no sitio web da Real Academia Galega. A listaxe cos nomes das constelacións pode consultarse aquí (PDF, 154 KB).